martes, abril 26, 2022

Coeducámonos... E seguimos!

 Mañá máis, desta volta par o alumnado de 3º da ESO:


O resultado desta charla, espectacular. Estíbaliz foi toda unha descuberta que non queremos esquecer.





Día Mundial do Libro 2022

 


No noso centro, asemade, celebramos un ano máis o "amigo invisible" agasallándonos libros e competindo en creatividade á hora de presentar os agasallos.








sábado, abril 23, 2022

Mesa redonda para Laxeiro

 Un luxo contar con estas persoas marabillosas para nos falar de Laxeiro, a súa vida e a súa obra. Presentadas polo Conselleiro de Cultura e Educación.










venres, abril 08, 2022

Poetizándonos con Antía

 Por fin puidemos recuperar a maxia dos obradoiros de poesía nas aulas! Así, inaugura a temporada poética Antía Otero coa súa presenza para o alumnado de 3º de ESO. Que ben poetizou o alumnado!!!





martes, abril 05, 2022

Contra a invasión de Ucraína

 Hoxe realizamos un pequeno acto no patio en contra da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Pero tampouco esquecemos outros conflitos bélicos.

 

 












41 días de guerra en Ucraína.

Perdón. Non é unha guerra, é un agresión militar por parte doutro país, Rusia.

Cando pensabamos que este horror só podería suceder lonxe de nós, Europa volve a ser o escenario. Un país que está ao noso carón. Por iso mirámolo con máis atención.

Pero… debemos actuar así? Somos conscientes de que a nosa solidariedade adoita ser finxida? Quizais o que nos preocupa agora é que Europa está en crise, e nós somos europeos e europeas?

As guerras non están só nos medios de comunicación. Os campos de batalla, os reais, son as rúas de todas as cidades, das vilas coma a nosa. Espazos nos que a xente común (nosoutros e nosoutras), as principais vítimas, ven como a súa forma de vida desaparece e imponse a destrución, o medo, a fuxida, ou a morte en último caso. Onte lemos con angustia que había unha fosa común de centos de civís. Isto significa que hai unha masacre poucas veces sentida nas guerras europeas. Sospéitase que hai execucións sumarias: as forzas rusas eliminan poboación civil sen ningún tipo de xustificación e garantía xurídica. Temos que lembrar que hai lexislación humanitaria mundial para protexer dos abusos á poboación civil. E isto non se está respectando.

As guerras teñen como obxectivo a destrución, tanto material como emocional.

E sobran os exemplos. Agora falamos de Ucraína. Pero hai moitos outros conflitos bélicos. Siria, Etiopía, Nixeria, Somalia, México, Tíbet, Kurdistán… A violencia é exercida en moitos lugares e de diferentes maneiras.

Por iso, desde aquí queremos berrar coas nosas voces para declarar que NUNCA existe unha xustificación da violencia. Sabemos que a PAZ é o único xeito de construír unha sociedade libre, segura e xusta.

Hai uns días celebramos o Día da muller. Hoxe queremos pensar especialmente nelas, porque adoitan ser as grandes perdedoras en todos os conflitos. Vítimas de violacións, de escarnios públicos, de explotación. Dobremente vítimas antes de seren vítimas da guerra. Os conflitos amplían as diferenzas entre homes e mulleres.

Lembremos Afganistán e todas as leis que prohíben a liberdade das mulleres, mesmo o feito de iren á escola.

Lembremos as mulleres nixerianas, que sofren mutilacións xenitais, lapidacións, escravitude sexual…

As mulleres de Iemen ou de Siria, utilizadas como arma de humillación para establecer o temor como forma de vida.

As mulleres que son perseguidas pola súa condición étnica en Myanmar, en Etiopía.

As mulleres que son vítimas da violencia extrema exercidas polas organizacións criminais do narcotráfico en México ou en Colombia.

Todas as mulleres que caen presas das redes de trata mentres tratan de fuxir do espanto en todas as áreas en conflito do planeta. E que en países como España son convertidas en prostitutas mentres miramos, novamente, para outro lado.

A memoria dos pobos e os libros de historia levan décadas advertíndonos de que podiamos repetir erros do pasado. Depende de nós parar.

                NON Á GUERRA


sábado, abril 02, 2022

Día do Libro Infantil e Xuvenil



Ler é liberdade. Ler é respirar.
 
Ler  permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
 
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
 
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
 
A plenitude do teu universo só medra cando les.
 
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa quelogo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
 
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
 
Inspiran. Ensinan.
 
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
 
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
 
 
 Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett.
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 

Pais e nais visitan as nosas mulleres pintoras

 Este venres os pais e as nais do alumnado que participou na actividade do corredor das mulleres pintoras viñeron ao centro para admirar e coñecer o traballo realizado polos seus fillos e fillas.