Venres, 2 de outubro. 10,30 da mañá.
Todo preparado. As exposicións, a música, as flores, a placa, os pinchos, o piano, o alumnado... Foi unha semana intensa, unha tarde anterior de non parar e un comezo da mañá de infarto.
De pé, na sala de profesorado, co móbil na man, agardo impaciente que vibre, que dea un sinal. Nerviosa, algo pode saír mal a pesar de todo. E se non pode vir finalmente? De cando en vez, ollo o móbil. Nada. Silencio.
O xefe de estudos acompáñame. Sabe do meu nerviosismo. Fala comigo. Mira pola ventá que dá ao patio.
De súpeto, exclama preguntando: "Pero non é ese que anda por aí???"
Miro para fóra e boto a correr. A imaxe de Ángel Carracedo, en pleno recreo, pasando desapercibido entre o alumnado, mirando os paneis que o reciben, esvara pola miña mente. Como non entrou?
Esa imaxe sei que me acompañará moito tempo. Non é a imaxe dun gran científico que se pasea fachendoso ante unha mostra dedicada a el. Non. É a imaxe dun home de noso, unha persoa máis, que mira abraiado unha exposición que non merece. Esa imaxe dun home en camisa de manga curta, dese sorriso tímido, no patio do noso instituto, fondeou en min.
Saio e xa non o topo. Miro para os lados e vexo que hai algúns rapaces expectantes. Recoñecérono. Pero onde se meteu?
No pavillón de enfronte, topo a este home sinxelo, que asegura estar apabullado polo recibimento. Que nunca tal lle pasara. E que Guille, o meu Guille trasto de 4º de ESO, recoñeceuno ao velo. E alí está Guille, chiscándome un ollo, orgulloso.
Ángel Carrecedo é a imaxe da humildade. O home máis grande que coñecemos tense por un máis, ten un sorriso permanente pintado na cara, esa cara que traduce bonhomía por todos os poros. Comeza a falar e xa non parará ata que marche. E eu desexaría beber todas as súas palabras para facelas miñas, para non esquecelas xamais.
Con Ángel Carracedo entramos no salón de actos ateigado: profesorado e alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato permanece á espreita. A música comezou a extenderse por todo o recinto, e con ela entrou o noso convidado escoltado por Xabier, Tamara e Cristina: ían ser os seus anfitrións. E non defraudaron.
Aplausos e emocións diversas. É o turno de escoitalo a el. E o silencio deste salón de actos emocióname. Miro para o alumnado e síntome orgullosa. Están expectantes, aprendendo aquilo que non sabemos transmitir nas aulas. Están escoitando ao máis grande. E saben que é unha oportunidade única.
Uns minutos de descanso. Carracedo segue co seu sorriso mentres o alumnado vai a un recreo que desta volta non é dominado por un discurso adolescente. Todos e todas falan deste home que os fixo vibrar. Acaban de atrapar un asasino, un home que hai 18 anos violou e asasinou unha moza coma elas, da súa mesma idade, vén de ser arrestado grazas ao equipo de investigación que dirixe Ángel Carracedo. O CSI das películas non é nada. Estámolo vivindo. Sabe cravar a cor da pel, a raza, a cor dos ollos!!! Todas as conversas do patio xiran arredor da conferencia.
A mañá segue coa súa orde establecida. Ángel Carracedo é buscado pola televisión e pola prensa: veñen de deter un asasino e queren falar con el. Modesto, prefire que se fale co seu equipo e amosáse encantado de estar agochado no noso centro, así evita a presión mediática que odia. Non é el o protagonista, senón todo o equipo que traballa con el. Iso tamén o aprendemos: o heroe non é unha persoa senón un conxunto. Unha mostra máis da súa grandeza.
É o turno da placa, do café que o alumnado compartirá con el no laboratorio. E el segue a sorrir mentres ecoita a música do piano a catro mans de Lara e Ana, de 3º de ESO:
É o turno da placa, do café que o alumnado compartirá con el no laboratorio. E el segue a sorrir mentres ecoita a música do piano a catro mans de Lara e Ana, de 3º de ESO:
Empezo a me preocupar seriamente. Ten que estar cansadísimo e non para de falar. Temo que a mañá que organizamos vai ser totalmente estresante e que nos pasamos na organización. Tenta tomar un café que non consegue chegar aos seus beizos por responder a tantas e tantas preguntas que lle dirixen.
E aínda queda un último encontro! Ángel Carracedo falará co alumnado de 1º e 2º de ESO do seu traballo e do valor da lectura. A primeira pregunta, cales eran os seus libros favoritos de pequeno, faime sorrir: Angel Carracedo e eu tiñamos absolutamente os mesmos gustos! "El capitán Trueno", lido e relido mil veces. E de Julio Verne, o noso heroe absoluto será "Miguel Strogoff", como non!; aquela novela acompañoume no meu espertar vital e literario; tamén a el.
Ángel Carracedo quedará connosco. Porque del aprendemos que a humildade é a característica máis fermosa, que a paixón debe ser o motor das nosas vidas, e que a sociedade precisa de moitas -pero moitas- persoas coma el.
Ángel Carracedo será un motor do noso centro. E de testemuño queda a placa co seu nome. Esa placa que de cando en vez miraremos para relembrar o día máis importante das nosas vidas escolares:
Grazas, Ángel Carrecedo, por vires, por existires, por seres como es.
Grazas ao equipo directivo, especialmente a Uxío, por confiar en min e nesta actividade. E a Suso, que a levou ao Consello Escolar.
Grazas ao Departamento de Música, Ana e Álvaro, polo acompañamento musical. E a todo o alumnado que participou.
Grazas a Mar polo deseño dunha placa fermosa.
Grazas a Antonio por ocuparte desa parte necesaria.
Grazas a Antonio por ocuparte desa parte necesaria.
Grazas a Arancha e a Busto, e a Uxío, polas fotos e os vídeos. E a Arancha polo cartaz da entrada. E ás alumnas que axudaron a Arancha.
Grazas a Sara por darlle un toque necesario a uns paneis sosos.
Grazas a Tamara por prestar unha vez máis esa voz que me conmove sempre.
Grazas a Xabier e a Cristina pola presentación, os ensaios, os vaciles...
E grazas a Luís, que estivo sempre coa súa paixón profesional dende a distancia.
E nos medios, saímos ata na portada:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2015/10/03/angel-carracedo-deslumbro-ayer-instituto-laxeiro/0003_201510D3C4994.htm
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2015/10/02/angel-maria-carracedo-alvarez-convencido/1324242.html
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2015/10/03/genetica-publicos/1324935.html
E nos medios, saímos ata na portada:
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2015/10/03/angel-carracedo-deslumbro-ayer-instituto-laxeiro/0003_201510D3C4994.htm
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2015/10/02/angel-maria-carracedo-alvarez-convencido/1324242.html
http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2015/10/03/genetica-publicos/1324935.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario