mércores, xuño 21, 2017

En clave de igualdade

Un proxecto que comezamos este último trimestre con solución de continuidade: pretendemos cambiar esas letras machistas que o noso alumnado e a sociedade canta sen pensar -queremos crer-, sen saber o que se di.
Todo xurdiu cando un día na biblioteca achegáronseme dúas alumnas de 4º para ensinarme un vídeo. "Profe, vas flipar", e si, flipei. Así que logo comentando en clase a letra e o vídeo da canción, comezaron a ensinarme moitas outras, e pensei que algo deberiamos facer.
Aquí estamos. Isto é un comezo.

Estas cancións que hoxe presentamos son tres que o noso alumnado escolleu para variarlles a letra por unha de igualdade, reivindicativa:


.- Xices de igualdade: Lara Verde Iglesias sobre a letra da famosa canción "Corazón de tiza" de Radio Futura.




.- Eu son feminista, sobre a "mítica" Te compro tu novia:



.- "Eu son feminista", lip dub co alumnado de 4º de ESO C que quería despedirse da ESO como se merece, con igualdade:





.- Eu son miña, sobre "Eres mía":

martes, xuño 20, 2017

Videopoema (20)

 Rebeca Fernández Pichel  realiza este vidopoema a partir dun poema de Fran Alonso, do seu libro "Cidades"


Videopoema (19)

Helena Santalla e David de la Torre realizan este videopoema a partir dun texto de Estevo Creus:



Porque ti
tamén estabas enferma
dalgún xeito
coma a casa

miles de termómetros de febre
e de torturas

eu sabíao
sabíao polo tacto

non preguntes

sabíao por como respirabas
sabíao polas ondas e os outros arrecifes
sabíao por ti
e por min
e por como chorabamos abrazados despois de xogar a destruirnos.


inocentemente abrazados

ulindo a landras

abrazados coma un tigre.

luns, xuño 19, 2017

Videopoema (18)

Roberto Agra e Javier Iglesias Azurmendi escollen a "Negra sombra" de Rosalía de Castro:


 

Noa Presas, Noa Villar e Laura Soto escollen a Celso Emilio:

domingo, xuño 18, 2017

Videopoema (17)

Ainhize Sixto realiza este videopoema a partir dun poema de Pepe Cáccamo, "A Lúa da nena pobre"






A lúa da nena pobre
debuxa na noite azul
unha moeda de cobre.

A nena na súa man
leva unha lúa de pan.



Meter o título (6)

ZAIRA MÍGUEZ LÓPEZ:



Quero coller o lapis do carpinteiro,
para debuxar a miña vida desde o mércores de cinza,
e trazar os meus desexados camiños da vida.

Quero explorar o centro do labirinto,
adentarme no corazón de Xúpiter
observándoo desde unha estrela distante.

Desexo ser o rapaz que nunca existiu,
que naceu no sol do verán,
e medrou lendo memorias dun neno labrego.

Só quero estar sempre en Galiza,
ser da familia o principiño
e atopar  a miña casiña, meu lar.

Busco resolver o crime de Compostela,
os misterios dos fillos do mar,

para despois convertelos en historias para contar arredor da lareira.


LARA RODRÍGUEZ SOTO:

Nas Noites de voraces sombras
Andabamos a tan só Tres pasos polo misterio
As Cartas de inverno que me escribiches
Só me serviron para non poderte olvidar

Andaba enredada na Sombra dos teus soños
Mentres só me mantiñas nun Menú de enganos.
Dixéchesme Poetízate
Pero ti ben sabías na Bala perdida en que me convertín
E agora que?
Baleiráchesme por completo coas túas Tristes armas
Quizais o noso non foran esas Cousas
Os once bicos que me deches
Deixáronme en Branco


SARA LÓPEZ COSTA:
       

Todos somos ,
a caixiña dos rancores .
Vento e chuvia ,
e esquezinme do paraugas .
Aquel agosto do 36 ,
inflamable




LARA VERDE IGLESIAS:


Fálame ti,
daqueles días en que eramos malos,
que escapabamos do mundo e todo era sorrir entre frades
agora somos monecos manexables de oficina.

As viaxes máxicas que faciamos
na maleta só levabamos ganas de comer o mundo
percorrendo todo, río abaixo.

O que é a vida agora dende que non somos novos,

todo son memorias de cidades sen luz.

Meter o título (5)

ALBA ROQUEIRO GALEGO:


Na illa de Ons
os escaravellos voan á tardiña.
Na Terra Cha as formigas comen
sopa de letras ou sopa de xarope de amora,
todo dependerá do menú de enganos que haxa.
No corazón do bosque 
as memorias dun neno labrego 
indagan coma unha bala perdida.
Todo cambia no inferno de Marta 
onde as cousas ( boas e malas)
 aparecen escritas en cartas de inverno,
todas elas ben elaboradas no xardín de inverno
coa arrepiante axuda da pantasma da torre.


ALEJANDRO ZAS GONZÁLEZ :


Un home, masculino singular,
persegue unha estrela no vento,
procura unha lectora fóra do común
e atópase no inferno de Marta.   
El, o imposible de desatar.
de súpeto atopouse no centro do labirinto
rodeado de cartas de inverno,
recollidas dentro do corazón de Xúpiter . 
Na estrada
chea de ratos e homes 
parouse mirando o curioso incidente do can á media noite,
baixo o vento e a chuvia
escribindo un poema de amor.


LUCÍA VÁZQUEZ VÁZQUEZ

Naquela LONGA NOITE DE PEDRA,
Á LUS DO CANDIL,
percorrín un CAMIÑO PERIGOSO
coa sombra dun ANXO NEGRO,
para chegar a ONS.
TODO É SILENCIO,
só se escoitaban AS VOCES BAIXAS
no CEO DOS AFOGADOS.
Pero no FARO ESCURO
brillaba unha CHAVE DE OURO,
e alí, estaban OS DOUS DE SEMPRE,
REO e MATILDA,
mortos no CAMPOSANTO.
E eu guiada por UNHA ESTRELA NO VENTO,
busquei REFUXIO.
O meu nome é GÁRGOLA,
e veño a OBABAKOAK
para FUXIR
de AQUEL LUGAR.






sábado, xuño 17, 2017

Videopoema (16)

Zaira Míguez escolle este poema de KiKo Neves


 

Videopoema (15)

NoeliaVázquez Val e Lúa Sánchez Varela escollen este poema de Rosalía de Castro:




Mais ve que o meu corazón
É unha rosa de cen follas,
I é cada folla unha pena
que vive apegada noutra.
Quitas unha, quitas dúas:
penas me quedan de sobra;
hoxe dez, mañán corenta,
desfolla que te desfolla.
¡O corazón me arrincaras
desque as arrincares todas!

xoves, xuño 15, 2017

Falando con Ledicia Costas

Ledicia Costas chegou sen avisar. Andaba pola zona e sabía que o noso alumnado a lera. E tivo o grandísimo detalle de vir, non a tomar un café nin a descansar, senón que foi a un montón de clases a presentarse e a falar. Do que eles e elas quixesen. Das preguntas que lle viñesen á menta. Que para iso ten un lectorado fiel que a segue emocionado!!!

mércores, xuño 14, 2017

Meter o título (4)

David Taboada escribe:

Na Bretaña esmeraldina
nun arrabaldo do norte,
Antón e os inocentes
loitan contra maquieiro
con pólvora e magnolias
polo amor de Artur,
pola estripe de Percival
e outras historias

No ventre do silencio
co fin dun canto,
unha voce na néboa
comeza o outro

mentres conversas con Xosé Luís Méndez Ferrín



Iria Lareu Coego escribe:


E aí estaban os dous de sempre,
observando como a memoria da choiva
calmaba a intensa ira dos mansos
ao lembrar aquel agosto do 36
enchíanselles os ollos de auga.
Unha dor inflamable asentouse no seu corazón,
e a dúbida
de como as almas grises das persoas

poden chegar a traspasar un horizonte de sucesos.

Videopoema (14)

David Taboada escolle "Envellecer" de Ana Mª Fernández


 

martes, xuño 13, 2017

Poemas titulados (6)

Ana Santalla Garrido:




Zaira Míguez:







Videopoema (13)

Miguel Lamazares escolle o poema "Amencer" de Manuel María:




AMENCER
 Pouco a pouco, feblemente,
o día vai a nacer. Vense brillar quedamente
as luces do amencer!
Pra non despertar as cousas
que están durmindo a mañán:
 luces chumbas como lousas
 amodo, na terra, can...!

luns, xuño 12, 2017

O meu libro favorito (1)

Zaira Soto quere falar dun libro que lle encantou: O misterio das badaladas, de Xabier Docampo.

 


Poemas titulados (5)

Fernando González Salas:







Rubén Otero:




Meter o título (3)

Silvia Souto Froján:


Game over,
todas as horas roubadas na expedición do Pacífico.
Un videoxogo case perfecto,
onde percorrín un camiño perigoso
seguindo unha estrela no vento.

O faro escuro,
tamén chamado a casa da luz,
alzábase nun cume de neve interminable.
Ó descenso do derradeiro ocaso,
só queda á lus do candil
para atravesar a sombra cazadora
onde todo é silencio.

Aparecen sete caveiras
xunto con sete palabras e, detrás,
o anxo negro posuidor dunha chave de ouro,

                       A chave da Atlántida.



Alba Rodríguez Diéguez: 



Traballa arreo todos os días
nOs eidos da miña casa
sacando herba aquí ou acolá;
todos os días O galo espértame
arranco ortigas e malas herbas
ó rematar vou ao meu refuxio
cando o longo día acaba

eu volvo a casa ou sombra a descansar.



Verónica Soto Penalta:


Ela era Matilda,
a Ilustrisima daqueles tempos,
aquela que lle escribía Cartas de Inverno ,
ao Querido Tomás.
Pero en Agosto do 36,
pasaron Cousas importantes,
onde O Misterio das Badaladas ,
provocou O inferno de Marta.

E que desfeita!

domingo, xuño 11, 2017

Videopoema (12)

Zaira Soto González escolle o poema de Celso Emilio Ferreiro:



NON
Se dixese que si,
que todo está moi ben ,
que o mundo está moi bon,
que cada quen é cada quen...
Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Se dixese que acaso
as cousas son esí,
porque si,
veleí,
e non lle deamos voltas.
(Si aquil está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.
Se algúns van de porta en porta
cun saco de cinzas ás costas
é porque son uns docas).
Se dixera que si... 
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.

Meter o título (2)

Ana Santalla Garrido escribe este poema a partir dos títulos:


Os escaravellos voan a tardiña,
por un bosque cheo de faias,
sempre ven o porco de pé
e pasan por A cova das vacas mortas.
Teñen que ter coidado cos Rebeldes,
que viven en A casa da luz
pois a súa boca do inferno,
é Cómplice
do Aire negro.

Zaira Soto escribe estoutro:


Mulleres, aqueles días nos que eramos malas,
sen obediencia e con moita resistencia,
con tres segundos de memoria,
nos que o quería era matarte lentamente,
cun ollo aberto e outro sen cerrar,
e agora que, xa non estou aquí,
todo isto che direi:

ÁMOTE LEO A.

Videopoema (11)

Adrián Gamallo escolle "Penélope" de Xosé Mª Díaz Castro


 


A célula

Por segundo ano consecutivo, o alumnado de 1º de ESO andou a estudar os diferentes tipos de célula e os seus compoñentes. Algúns dos seus traballos puidemos velos na exposición que organizamos na entrada da biblioteca.








Videopoema (10)

Laura Soto, Noa Presas e Noa Villar Gallego:  "Mais ve que o meu corazón" de Rosalía de Castro.


venres, xuño 09, 2017

Videopoema (9)

Uxía López Lois escolle un poema de Antonio García Teijeiro e o seu Na fogueira dos versos.



Videopoema (8)

Laura Carelli escolle un poema de Manuel Rivas:



Préstame, chuvia, as túas palabras
e ti, vento, as ideas tan longas.
Déixame o teu rezo breve, río,
e ti, neve, a cortiza da bidueira.
Acouga ao norte, crepúsculo de musgo.
Pisadas.
Quebra o mundo como asa de garza.
Acúdeme, lóstrego.
Ponte de man, verde espada.
Cúbreme, néboa.

Coidémonos. Vén xente.


 Mohicania, 1986

Videopoema (7)

Marcos Quintana Cuñarro e Daniel Souto Froján elixen para facer o vídeo o poema de Celso Emilio Ferreiro "Eu en ti";


 

xoves, xuño 08, 2017

Homenaxe ás mulleres científicas galegas

Primeiro recibimos a exposición: Mulleres científicas premiadas:
 PREMIOS MARÍA JOSEFA WONENBURGER













E logo o profesor José noche co alumnado de  3º ESO B pensaron en como homenaxealas, en como visibilizalas, nun intento novo de que as mulleres teñan os mesmos dereitos cós homes. Quizais algún día o consigamos!
E así naceu este
Manequin challenge 




 

mércores, xuño 07, 2017

martes, xuño 06, 2017