mércores, xuño 20, 2018

Videopoema (39)

Videopoema realizado por Adriana Pampín  sobre o poema de Carlos Negro, "Es una chica chic? (Autocuestionario)".

Mordes as unllas ou lévalas á última?
As unllas úsoas para rabuñar a pel dos peluches.

Prefires barra de labios ou brillo?
Prefiro óxido na lingua, cuspe e dinamita.

Cal é a túa pose favorita?
A posición dunha percha no armario.

Estás apuntada a clases de dance?
Estou apuntada a unha danza de contradicións.

Gústanche os gatiños como mascotas?
Escollo o negro da pel da pantera.

Canto tempo pasas fronte aos espellos?
Procuro esquivalos para que non me devoren.

Cal é o teu mellor truco de beleza?
Dubidar, non sentirme evax fina y segura.

Como imaxinas a un chico dez?
Case tan perdido coma min, pero sen tetas.

Es feliz?
Nin se me pasa pola cabeza ser un parrulo no estanque.


martes, xuño 19, 2018

Videopoema (38)

Videopoema realizado por Carlota Vázquez Pacheco sobre o poema de Xoán Abeleira, "Agora, Dime como fixeches." .


Agora, Dime como fixeches.
Pra esquecer o que fomos
E o tanto que significamos
Dime de ónde quitaches
Azos pra aniquilares
Iste amor que procuramos
Procurándonos con devezo
Dimo porque eu non sei
Apréndeme que eu non podo

luns, xuño 18, 2018

Videopoema (37)

Videopoema realizado por Cristina Guerra Vila sobre o poema de Luz Pozo García, "Far blues" .

Naquela cidade
onde unha rapaza escribía un diario secreto
na noite
mentres o soño desvalido semellaba finxir
silencios compartidos
nesa vella cidade do norte
o primeiro poema de amor flutuaba
coma un blues nostálxico na noite.
Só quería saber
por qué as cordas permanecen vibrando coma labios
e qué queda do diario secreto
na noite desvalida.
Querería saber daquel río esvaído do soño
tal unha despedida sen retorno,
do silencio curvado nunha praza deserta e antiga.
¿Onde vai o primeiro poema de amor
a materia sonora dun blues fuxidío
a inocencia primeira?

domingo, xuño 17, 2018

Videopoema (36)

Videopoema realizado por Lúa Sánchez sobre o poema de Kiko Neves, "Os silencios"

Videopoema (35)

Videopoema realizado por José Silva Barros sobre o poema de Eva Veiga ,"Coñezo un lugar".

Coñezo un lugar-e non é lenda-
onde as noites
nas que a lúa empreña,
ós cans médralles o corazón
e ouvean.


sábado, xuño 16, 2018

Videopoema (34)

Videopoema realizado por Sara Granja  sobre o poema de Carlos Negro, "Sección de conxelados".




Videopoema realizado por Iria Donsión  sobre o poema de Carlos Negro, "Sección de conxelados".

venres, xuño 15, 2018

xoves, xuño 14, 2018

Videopoema (32)

Videopoema realizado por Alba Gómez Barros  sobre o poema de Ana Mª Fernández, "Envellecer".

Mira os avós.
Antes eran máis grandes,
máis altos,
máis anchos...
pero devecen coma as follas sen zume.

Aseguran que o tempo é o único culpable,
un furtivo que chega cos dentes afiados
a cravárselles no rostro
mentres dormen
mentres botan farangullas ás pombas dos xardíns
ou xogan coma nenos.

A miúdo falan de vidas que pasaron
e argallan historias,
ao quentaren as mans
sobre a seda dos lumes.

Os avós envellecen devagar,
pero ninguén pode arrincarlles o sorriso,
porque gardan
o segredo do futuro,
máis alá dos seus ollos pequenos.


mércores, xuño 13, 2018

Videopoema (31)

Videopoema realizado por Sheila Iglesias  sobre o poema de Rosalía de Castro, "Agora cabelos negros"

Agora cabelos negros,
máis tarde cabelos brancos;
agora dentes de prata,
mañán chavellos querbados;
hoxe fazulas de rosas,
mañán de coiro enrugado.
Morte negra, morte negra,
cura de dores e engaños:
¿por qué non mata-las mozas
antes que as manten os anos?

martes, xuño 12, 2018

Videopoema (30)

Videopoema realizado por Lorena Vázquez Codesido  sobre o poema de Pilar Pallarés, "Ás veces digo amor"

As veces digo amor
e só teño silencio
ás veces digo patria
e sei somente que esta é a terra que nos deron
e nela asento os meus pasos para sempre
sen máis perguntas ensarillando o vento
ás veces digo amor
e ninguén fala
e segue o tempo caindo lentamente
medido polo espasmo do reloxe
e ti pasas
sen mirar sen me mirar
como un fantasma enviso aqueloutrado
sen me ver
e sigo un pouco máis
calada
levo o selo do teu desleixamento sobre os beizos
e sinais no meu brazo da tua auséncia
levo o rosto mancado e os dentes malferidos
de tanto afastamento
ás veces verto os ollos sobre a terra
miro de esguello a fiestra do suicida
repito amor
e só ecoa o siléncio no baldeiro.

Pilar Pallarés "Sétima Soidade" 1984


luns, xuño 11, 2018

Videopoema (29)

Videopoema realizado por Héctor Fernández Pereiro  sobre o poema de Antonio García Teijeiro, "Voz sen verbas"

domingo, xuño 10, 2018

Videopoema (28)

Videopoema realizado por Valeria Fernández  sobre o poema de Lupe Gómez, "Se te enamoras"

Se te enamoras
 vaste e non volves.
Ou chegas e miras todo
como unha estranxeira.

sábado, xuño 09, 2018

Videopoema (27)

Videopoema realizado por David Daparte Deza  sobre o poema de Manuel Rivas, "Televisión"


A esa hora chegaba a miña vella,
xusto cando Billy Guffy, o baixo de The Cult,
daba aqueles pasos de comanche.
Wild hearted son!
¡Ah, fillo do corazón salvaxe!
A miña nai,
boqueando despois de fregar as oficinas do Fénix Español,
puña as zapatillas,
sentaba no sofá,
suspiraba fondamente
e cambiaba á primeira cadea.
Anda, pasmón, sae algo á rúa e espabila.
E entón apareceu na pantalla o Empire State
e a miña vella exclamou con tenrura:

¡Pobre da que teña que fregar todo iso!


venres, xuño 08, 2018

Videopoema (26)

Videopoema realizado por David Gallego Presas sobre o poema de Rosalía de Castro, "Non coidarei xa os rosales"

Non coidarei xa os rosales
que teño seus, nin os pombos:
que sequen, como eu me seco;
que morran, como eu me morro.
 (Poema 9 de "As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos" en Follas Novas)

xoves, xuño 07, 2018

Videopoema (25)

Videopoema realizado por David de la Torre Fernández sobre o poema de Amado Carballo, "Lúa"


A Lúa é velliña,
de brancos cabelos
de enrugas de ouro                           
e de olliños cegos.

Érguese do leito 
das foulas do mar
palpando os espazos
para camiñar.

Anda polo mundo
sen ver a onde vai                                      
pois as estreliñas
lévana da man.

Envolveita en néboas
hase de abrigar
pois como vai vella
tense que coidar.

Cando na outa noite
brúa o temporal
a lúa entre as tebras
tápase a tremar,

E así que o mal tempo
amainando vai
asoma a faciana
e espalla o luar.


mércores, xuño 06, 2018

Videopoema (24)

 Videopoema realizado por Alba Rodríguez Rois sobre o poema de Kiko Neves, "Os domingos"

Os domingos, maiormente, 
as parellas pasean collidas 
da man.
 Ou quedan nos coches 
en estrañas posturas á vista da xente.
 Ás veces míroas 
con envexa 
mentres sorrín. 
Son momentos de debilidade,
 recoñézoo. 
Se foran parrulos
 botaríalles migallas de pan.

Kiko Neves, Ruído de motos, 1969


martes, xuño 05, 2018

luns, xuño 04, 2018

Videopoema (22)

Videopoema realizado por Daniel Souto Froján sobre o poema de Antonio García Teijeiro, "Na fogueira dos versos".