sábado, novembro 30, 2019

Novembro contra a violencia de xénero (IV)

O alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal decidiron este curso escenificar tres posibles xuízos para que o alumnado do centro se percate da situación na que vive a nosa propia sociedade.
Debido a que a toda a semana realizamos actividades contra a violencia de xénero, veredes que hai diferentes vídeos arredor dun só xuízo.
Un xuízo está inspirado no xuízo real da manada. As frases escollidas están directamente collidas do testemuño real tanto dos violadores como da vítima. O que fixeron foi contextualizalo nunha posible agresión a unha moza que viña ás festas de Lalín. O resto, por desgraza. é real.




Un segundo xuízo que quixeron escenificar foi o de unha muller que sofre agresións por parte do seu cónxuxe. Aínda que a xuíza ditamina orde de afastamento, esta muller acaba por ser asasinada. Algo que ocorre con demasiada frecuencia no estado español.





E un terceiro xuízo, o máis complexo, que quixeron tamén aportar é o dun neno que a pesar de nacer no corpo de neno non se sente así e quere ser muller. Pero desta volta é o seu propio pai quen se nega a aceptar esta situación e négase á operación de cambio de sexo.



martes, novembro 26, 2019

Novembro contra a violencia de xénero (III)

Esta mañá vimos dúas curtas que nos deixaron sen palabras e co estómago revolto. Violacións e superación. Dúas curtas para reflexionar que deixaron o salón de actos ateigado en total silencio e respecto.


Bailando contra a violencia (II)

O alumnado do IES Laxeiro que asiste ás clases de baile da asociación Máis que danza, quixeron tamén amosar a súa arte no noso centro, enmarcándose dentro das actividades contra a violencia de xénero. O seu baile inspírase no tema "Tengo derecho" de La Insuperable:


luns, novembro 25, 2019

Bailando contra a violencia, un ano máis

O alumnado que conforma o grupo de Igualdade do centro, "Trafegando pola Igualdade", de 1º de Bacharelato, decidiu aportar un ano máis o seu particular gran de area contra a violencia de xénero; este ano fixémolo cun baile inspirado no tema "Mártires" de Xoana:

Novembro contra a violencia de xénero (II)

O alumnado de 2º de ESO-B da materia de Igualdade realiza unha performance para o 25 de novembro,  a partir dun poema de Ana Cerezuela (do seu libro "Lejos") 


Novembro contra a violencia de xénero (I)

O alumnado de 2º de ESO- A na materia de igualdade escribiu e realizou unha performance para o 25 de novembro, poñendo o acento en que as mozas non deben vestir nin comportarse segundo os estereotipos de xénero que a sociedade impón.


domingo, novembro 24, 2019

domingo, novembro 17, 2019

Máis alá da aula

E o día chegou. Un día cheo de emocións, de bágoas, un día no que Luís Gustavo foi quen de tirarnos aínda agora máis dun sorriso. Luís Gustavo era moito más ca un xefe de estudos. Moito máis ca un profesor de Física e Química. Moito máis ca un compañeiro. Moito máis ca un esposo. Moito máis ca un fillo. Moito máis ca un pai. Todo el era "moito máis".
Si, seino. Cando alguén morre, quen queda limítase a enxalzar todo canto de bo tivo a persoa que vén de falecer. Pero é tan diferente neste caso! Os testemuños aportados polo seu exalumnado, feito motu proprio e dende o corazón, son unha proba diso. Pero a maior proba foi a cantidade de xente que onte veu ao noso centro. O noso salón de actos non estaba cheo, estábao máis. O vestíbulo, o patio de fóra... E non só era a cantidade, era o silencio, o respecto, a estima, o amor que se respiraba... e era tamén o orgullo de formar parte dunha comunidade educativa que responde cando hai que facelo, era o orgullo de profesora vendo a ese alumnado implicado, a ese alumnado músico, a ese alumnado silencioso, a ese alumnado axudante... Luís Gustavo estaba alí entre nós, sorrindo, orgulloso de que todo saíse ben. Sentín que ao rematar unha palmada súa me dicía cariñoso, vez máis: ves como non era para tanto? Sempre te pos demasiado nerviosa e sempre sae todo ben...
Seguimos chorándote, Luís Gustavo. 





Na prensa:


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2019/11/17/luis-gustavo-corazon-laxeiro/0003_201911D17C3991.htm

https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2019/11/17/o-ies-laxeiro-lembra-ao/2203775.html

sábado, novembro 09, 2019

Cita ineludible

Falta unha semana. E seguimos traballando entre as bágoas que non cesan. Como conseguir deixar de chorar mentres vemos as fotos, seleccionámolas, falamos co alumnado, montamos vídeos, escoitamos a música...???? Pero segues facéndome rir, cando o alumnado me conta anécdotas, os teus chistes, mentres discuten cal das túas frases dicir, con que recordo quedarse para o vídeo... 
Por que nos damos conta de canto queremos as persoas só cando as perdemos? O feminismo ensina a quererse, a coidarse. O consello que vos dou sempre: non pensedes "quérote", dicídeo. Apertade os amigos e amigas, proclamade canto queredes e non cansedes de facelo. Que importante é abrazarse!

A túa presenza enchía os nosos corredores. A túa ausencia só escolleu o baleiro. A cambio, permanecen en nós os teus risos, os teus consellos, a túa amizade... grazas porque poderemos sobrevivir alimentándonos cada día con estas sensacións. Sempre estarás entre nós harmonizando o andar do Laxeiro.





domingo, novembro 03, 2019

X día da Ciencia en Galego (V)

Temos activada unha clase en Classroom para que o profesorado que queira faga algunhas actividades na aula relacionadas con Liz Marzán e Dmitri Mendeléiev.

Dentro das actividades, no apartado de A Xogar!, aparece o enlace ao Kahoot que preparamos con preguntas sobre os científicos, para que poidan aprender xogando.

Enlace ao Kahoot:





X día da Ciencia en Galego (IV)

Xa temos o Salón de Actos do centro preparado para celebrar mañá o Día da Ciencia na nosa lingua:






venres, novembro 01, 2019

Samaín de medo

En colaboración co Departamento de Lingua Española o Samaín deste curso serviu para que a xente confesase anonimamento os seus medos. Un éxito de participación, por outra parte.