mércores, xaneiro 25, 2023

Realidade social e violencia de xénero

 Por fin, hoxe puidemos escoitar a Miguel Lorente, a quen agardabamos dende o ano pasado. Un forense que coñece a realidade: "Mi marido me pega lo normal".





martes, xaneiro 10, 2023

Golpes

 Este martes, a través do Plan Proxecta “365 días de respecto e igualdade”, o alumnado de 2º de ESO tivo a oportunidade de asistir á obra de teatro protagonizada por Estíbaliz Veiga “Golpes” na que, a través da interpretación de diversos roles, a actriz fai un percorrido polos diversos estereotipos de xénero aos que estamos abocadas: no caso das mulleres, a sensibilidade, a sumisión, a vulnerabilidade, a delicadeza... e, no caso dos homes, a dureza, o control, a promiscuidade como logro.... 




 

luns, xaneiro 09, 2023

Violencia publicitaria

 Vivimos nunha sociedade machista, desigualitaria. Hoxe, 9 de xaneiro, Gela, ao abeiro do Plan Proxecta - “Por 365 días de respecto e igualdade”, achegouse ao IES Laxeiro para explicar ao alumnado de 3º de ESO C cal é a orixe desa desigualdade e que podemos facer para cambiala. Seguimos cos mesmos modelos de homes e mulleres dende hai moitos anos, e isto é contraproducente porque estes modelos xeran desigualdades. Os homes morren por suicidios, por accidentes de tráfico, por consumo de drogas, por practicar deportes de risco e por homicidios, e todas as causas están relacionadas co modelo de home educado para ser guerreiro; pola contra, non son asasinados polo feito de ser homes. Pola contra, as mulleres non son educadas para ser heroínas, de aí que as causas maioritarias das súas mortes non sexan as anteriormente mencionadas. 

A linguaxe, a familia, os axentes de comunicación, as amizades, así coma os medios de comunicación, son machistas. Recibimos 3.000 impactos publicitarios cada día, e a maior parte deles son machistas; o sexismo no catálogo de xoguetes, unha campaña do Carrefour polo “Día del niño”, un anuncio publicitario de post-it... Todos eles amosan unha desigualdade absoluta entre homes e mulleres, sendo os primeiros quen ocupan a posición do privilexio.

Unha charla amena e esclarecedora que, esperamos, lle servise ao alumnado para poder reflexionar e analizar o mundo que o rodea como un lugar desigual, no que nin a linguaxe nin un aparentemente non problemático anuncio dun colutorio bucal, nunca é inocente.