sábado, outubro 08, 2016

... E Rivas namorounos

Chegou arfando, coma se viñese en bicicleta en lugar de en coche. Dera unhas cantas voltas por Lalín... E comezou a falar, a conquistarnos coa modulación da súa voz, coa súa humildade, co seu sorriso continuo. Mesmo intuímos que se emocionou ao ver todo canto tiñamos feito para el.

Xa na beirarrúa ficou pampo:



A obra da nosa artista, Mar García, feita en carboncillo, foi convertida para recibilo. E gustoulle, tanto que logo diría que foi recibido por "un señor que era idéntico a el".
Logo, o patio. O traballo dos días anteriores deu o seu froito, cónstanos o seu abraio. "Pero se isto é unha performance". E é que as súas obras déronnos pé para facer unha homenaxe moi gráfica:






No patio tamén estaba a información que o alumnado puido ler estes días: a súa biografía, os seus artigos, o seu traballo, os seus gustos... E a aportación de Elsa:









Por suposto, tamén no patio unha exposición dos libros que escribe, dos que le, e da revista "Luzes" da que é coeditor:





Chegamos ao Salón de actos cun alumnado de Bacharelato expectante. E a música comezou a sonar mentres el se achegaba ao lugar reservado para el, para Noelia, a súa presentadora, e para Tamara, a nosa voz, que nos volveu a emocionar.



Logo, el tomou a palabra. E a palabra conquistounos. Falou do poder da Literatura, do poder dos contos orais, e da súa necesidade; contounos contos e salferiunos con anécdotas persoais. Referiuse ao poder que outorga nomear os lugares, as súas viaxes como xornalista...


Logo, a descuberta da placa que leva o seu nome. Obra de Mar García (témola sobreexplotada) e a lectura dun poema. Entrega de agasallos. Música do noso cuarteto de corda:







Con pouco tempo para un descanso cafeteiro, pasamos a reunirnos co alumnado de 1º e 2º da ESO. Cada curso elaborou un álbum ilustrado sobre a súa obra "Bala perdida" dirixidos por Busto e Cruz. Ademais, un grupo de 2º da ESO, grazas a esta profesora, ofreceulle esta mesma obra en Kamishibai, un xeito de contar que el descoñecía!:





E tamén asinou libros, claro:



E o noso libro de visitas conta coa súa pegada:


Á noite, cansa, saín dar un paseo. Topei a dúas das miñas nenas do Club. E pregunteilles, claro. "Encantounos! É súper-riquiño! E a el tamén lle gustou todo o que había, notábase emocionado!!!", contestoume Alba.

Agardamos que así sexa. Para nós, un ano despois de experimentar con Ángel Carracedo o valor da humildade do xenio, foi outra xornada máis para constatar que os grandes son aqueles que non presumen, que sabemos imprescindibles sen que eles así o recoñezan. Cómprennos as palabras de Rivas, e tamén cómpre o seu exemplo, ese de quen ten o poder da palabra e de quen non o sabe ou de quen realiza "unha doazón do ego ao Chuac".


Sen o equipo de biblioteca (sen Cruz, sen Pilar -as tres Marías, seica-, sen Noche, sen Xabier, sen Pilar Valladares, sen Emilia), sen as artistas Mar e Elsa, sen Busto, sen Ana e Álvaro, sen un equipo directivo que non cuestiona e confía, nada disto sería posible. Grazas, moitísimas grazas. E grazas tamén ao Concello de Lalín e á súa concelleira de Cultura, que nunca di que non ás miñas peticións. A presenza da vaca e dos paneis son a súa particular achega.

E grazas ao alumnado por comprender que estaban a vivir un día importante.

Grazas, Manuel Rivas, por permitir crear un lazo duradeiro connosco.


Fotos:
 https://goo.gl/photos/zn4XXamRSQxN81Ra9
https://goo.gl/photos/TPVxNJFrsSK3E8KE7


Todas as fotos:
https://goo.gl/photos/QmErfudjam8Y2odk7


Na prensa:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/10/08/reconecemento-a-calidade-literaria-rivas-laxeiro/0003_201610D8C119911.htm


http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2016/10/08/placa-bardo-montealto/1547450.html

http://www.farodevigo.es/multimedia/fotos/galicia/2016-10-08-72047-placa-para-bardo-montealto.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario