martes, abril 25, 2017

Esforzo e superación II

Xa temos o vídeo que recolle o momento  no que o noso alumno Francisco Rodríguez recolle o premio da ESO ao esforzo e superación do que xa vos falamos o outro día.

Todo o profesorado séntese moi orgulloso do noso alumnado, especialmente destes tres que foron recoller un premio que supón que, a pesar das circunstancias, a loita por saír adiante é propia do ser humano. Unha loita que adquire matices moi especiais cando estamos a falar da adolescencia, esa etapa de desenvolvemento tan difícil que require un especial adestramento para superar o que a vida, tan inxusta, depara. Por iso, queremos resaltar aquí o valor dos tres alumnos que mereceron este premio, porque souberon facer das circunstancias adversas un valor, ese que se agocha debaixo de bágoas e maldicións, ese que permite que as faces, a pesar de todo, volvan sorrir.
Parabéns de toda a comunidade educativa.

Este é o texto do discurso e o vídeo:

Unha frase, unha soa frase. A frase coa que a miña avoa marteleaba a miña infancia: “estuda, meniño, estuda, que logo xa che virá a recompensa”. Si, avoa, estás aquí, comigo, e xa ves, fíxenche caso. Estudei. Estudo. Pero a recompensa de hoxe ten un sabor ben agridoce, un sabor metálico a tristura e satisfacción que resulta difícil traducir en palabras. Como transcribir unha ausencia? Como encher unha páxina que quedou en branco para sempre?
Bos días, son Francisco Rodríguez, estudante de 1º de Bacharelato do IES Laxeiro de Lalín, un centro que posúe nos seus sotos unha maxia que me envolveu dende o primeiro día. A maxia marabillosa e feiticeira con poderes ocultos daqueles que sen chistera fannos medrar.
Son un neno inquedo, un neno ao que lle ferve o cu, inexperto pero maduro, un neno, ou un mozo, que quere ter sempre un sorriso nos beizos e que pretende que a xente que o rodea sexa quen de debuxar ese mesmo sorriso sempre. Pola situación que vivín é pola que hoxe estou aquí, trazando sorrisos, a pesar de todo.
A vida é como unha moeda que cae cara ou cruz sen un ter poder de decisión. De termos ese poder, eu non estaría aquí hoxe, ben seguro. Na miña vida saíu cruz, e nesa tómbola un piar fundamental da miña vida desapareceu e outros piares fixéronse máis fortes para evitar que o castelo se derrubase de xeito inexorable. Canda eles, outros piares pequerrechos naceron e axudaron a manterme en pé. O profesorado, os compañeiros… Os amigos e amigas foron claves: Dani, Mara, Guille, Tibu, Cristian, Jenny, Oscar, Nerea, Cristina… deben estar neste discurso, deben ser pronunciados porque todo aquilo que non se nomea corre o risco de desaparecer e eu débolles tantas tardes de distracción, tantas conversas de desafogo, tantas horas de fuxida da negrura pertinaz que tentaba conquistar o meu pequeno mundo. Eles e elas mantiveron este meu sorriso.
E a moeda cambiou. Grazas á familia e a tanta xente que me rodea no meu camiñar, hoxe a moeda cae do lada da cara. Un profesor especial, José Noche, díxome daquela: “Como se sobrevive? Adaptándose da mellor forma o máis rápido posible”. Esta frase apoioume en moitas ocasións nas que as miñas forzas enfraquecían.
E agora afronto un futuro incerto, pero sei que sempre estarei acompañado dunha estrela que me guiará para non desfalecer no camiño. Esa é a miña ambición, que a súa luz permaneza.
Para rematar, dar as grazas a quen fixo posible que eu estea aquí, organizadores deste evento, ao profesorado, ao xefe de estudos, á orientadora, a esas cabezas visibles que se preocuparon por min e me apoiaron; dar as grazas ás amizades, esa familia que se elixe e que axudou a levantarme de cada caída; á miña familia, e sobre todo á persoa máis importante da miña vida, estas palabras van por ti, papá, o meu faro que alumea.
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario