martes, agosto 20, 2019

Cada día contigo

Sempre diciamos que eras tan grande coma bo. Que non servías para xefe de estudos porque non eras quen de enfadarte. Pero vaia se servías! Alumnado e profesorado adorábate. Dabas miles de oportunidades, estas que a ti che foron denegadas, porque a morte non quixo darche nin unha pequena tregua, esa que podía advertirche que nos rondaba pero que aínda podiamos seguir canda ti. Quedamos un pouco máis orfos no noso camiñar, quedamos sen ese "osiño de peluxe" xigante que adoitabamos dicir que eras. 
Agora, os corredores do IES non contarán os teus pasos, a biblioteca permanecerá agardando a túa visita para facer os sudokus, para corrixir exames, para contar que ías facer a recuperación da recuperación da recuperación... Entrar no vestíbulo mirando a porta de enfronte, sempre aberta, sempre disposta a nos recibir, a nos escoitar, xa non será posible. Imposible entrar na cafetería para meternos contigo e o teu "colacao". Imposible que a vida siga igual. Toda a comunidade educativa botará en falta a túa bonhomía e a túa capacida infinita de perdoar. 
Esta vida tan inxusta foino onte máis ca nunca. 
Non hai neste mundo tantas boas persoas coma ti. Agora, só temos o teu recordo. Inconmesurable e agradecido.
Eu quedo co teu último sorriso pícaro de tarde de fútbol. Quedo coa nosa mesa arredor da tortilla e as nosas conversas. Quedo coas nosas reunións bibliotecarias dos luns polas tardes. Quedo con ese amor que derrochabas para a túa familia. Quedo co teu exemplo.




No Facebook:


Xosé Manuel López:

Nom sei quen che fixo este retrato e inda que es ti sen dúbida ningunha e o elixiches como o teu último avatar, creo que eras moito máis bo e máis alegre do que calquera sexa capaz de captarte ... quérote e querereite sempre ...


Chus Pato:

Chorámoste, imoste chorar mañá cando che deamos o adeus derradeiro, seremos centos, a tod@s fuches quen de darnos abeiro
Como non che vai ser a ti leve a terra, a ti que sostiñas o mundo?
Chorarémoste sempre



Belén Taboada Barros:

Esperábasme na porta para dicirme que a ver se algún día chegaba a tempo a clase, viñas de visita a biblioteca e entre a torre de apuntes que tiña na mesa soltabas un: 'A túa asignatura favorita é o recreo'. Non sabías descargar música e sempre que viaxabas en avión pedíasnos que aumentaramos a túa lista de reprodución. Mil veces che pedín que lle puxeses o meu nome a biblioteca do instituto e hoxe sei que, sen dúbida, debería levar o teu.

Grazas por ser coma un pai durante os dez anos que estiven no Laxeiro, es unha das persoas máis grandes que coñecín na miña vida. Grazas, de corazón, por todo. Que a terra che sexa leve, Luis Gustavo


Paz Vázquez Rodríguez

Aínda non o creo. Penso que terás algún chiste novo que contar a próxima vez que nos atopemos. Non podo crelo. Ou non quero.
Cando as persoas que queremos vanse a esa estrela que temos aí arriba sempre falamos do xeniais que eran. Neste caso todo o que din de ti queda curto. E aínda que soe a tópico es tan grande por dentro como por fóra. E BO. Así con maiúsculas, que é o mellor que se pode dicir de alguén.
Sei que che recibirán con alegría na nosa estrela todos os nosos que xa andan por alí , pero ti non deberías de estar aí tan pronto. Non. Aínda que sei que estás cos bos e xenerosos. Coma ti.
Reparte moitos bicos. 




Xm Salvador Méijome Sánchez
Cáseque chegas á lua e agora vas onde os bós e xenerosos.