Amosando publicacións coa etiqueta Departamento de Bioloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Departamento de Bioloxía. Amosar todas as publicacións

sábado, maio 18, 2019

Corredor da ciencia

A principios de curso, o equipo da biblioteca propuxo denomimar ao corredor de arriba como "Corredor da ciencia" xa que nel se sitúa o Laboratorio "Angel Carracedo" e a aula "Marisol Soengas". O alumnado de 2º de Bacharelato andou a preparalo este curso. Aínda sen rematar, podedes ver algunhas fotos:







venres, abril 05, 2019

Loitando contra o cambio climático

Co alumnado de Ciencias da Terra de 2º de Bacharelato elaboramos un artigo que presentamos ao noso alcalde e realizamos unha petición de sinaturas en Change.org :

http://chng.it/XhBTWsdc5N



O IES LAXEIRO DEMANDA QUE O CONCELLO ACTÚE CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO”

A evidencia dun clima cambiante é cada vez máis clara. Obviamente existen poderes interesados en manter o status quo, e tratar de agachar a realidade e o problema ao que nos enfrontamos todos como sociedade e como especie.
Este cambio climático non é unha problemática de hoxe, xa que o quentamento xeneralizado do planeta é unha consecuencia dunha realidade coñecida dende fai anos pero cuxas medidas por parte dos gobernos para remedialo son insuficientes.
A orixe do problema débese fundamentalmente a queima de biomasa e combustibles fósiles sumado a deforestación. Está, polo tanto, a man das institucións detrás do aumento da concentración atmosférica de CO2 responsable do efecto invernadoiro, e son as que deben de actuar para remediar esta situación con consecuencias tráxicas para o desenvolvemento da vida no planeta. Cambios na produción dos alimentos, aumento nos índices de mortalidade debido a inundacións, secas e tormentas ou a extinción de especies son só algúns exemplos do que xa está a suceder.
A situación é grave e urxente, non podemos alcanzar o punto de non retorno e temos que actuar agora para cambiar a curso da historia. Precisamos que os gobernantes teñan en conta os novos escenarios do cambio climático e debemos comezar co compromiso e a implicación do noso concello introducindo criterios de sostibilidade e medidas de loita contra o cambio climático, remitindo a Consellería de Medio Ambiente o que corresponda. Estas son algunhas das nosas propostas para a axenda política:
  1. Crear unha Oficina Contra o Cambio Climático como organismo de coordinación. Entre as súas funcións estarían: a cuantificación das emisións de CO2 dos plans municipais, crear un regulamento en contra do cambio climático que permita potenciar e beneficiar todas aquelas prácticas que opten por un camiño máis sostible, así como a vixilancia do cumprimento dos obxectivos da estratexia marcada.
  2. Realizar un plan de implantación de enerxías renovables en instalacións e servizos municipais para impulsar un modelo baixo en emisións contaminantes:
    • Optimización do alumado público ou melloras dos envolventes dos edificios; busca de novas alternativas coma cubertas verdes.
    • Instalar enerxía solar fotovoltaica en instalacións municipais.
    • Substituír sistemas de climatización e auga quente por outros máis sostibles.
    • Promover os edificios de consumo case nulo aplicando criterios de construción bioclimática para mostrar o compromiso municipal.
  3. Fomentar as 3R, reducir, reutilizar e reciclar, na xestión dos residuos.
    • Promover a creación de plantas de reciclaxe de residuos locais fronte a incineración, que ademais contribuirían a creación de emprego para a poboación da contorna.
    • Facilitar a separación e recollida selectiva de residuos no rural mediante a colocación dos diferentes contedores.
    • Estudar o horario dos puntos limpos para dar maiores facilidades aos cidadáns.




  1. Actuar contra a perda dos montes, establecendo medidas de prevención de incendios:
    • Planificar programas de reforestación que teñan en conta de forma prioritaria o risco de incendios á hora de escoller as especies nativas axeitadas.
    • Apostar polo emprego forestal estable, profesionalizando as brigadas nas labores de prevención.
  2. Mellorar a xestión da auga:
    • Esixir aos licitadores de contratas de limpeza o uso eficiente da auga e de produtos non tóxicos e non lesivos para o medio ambiente.
    • Ditar normativas que inclúan a xestión eficiente da auga no interior dos edificios municipais.
    • Automatización do rego dos espazos verdes.
  3. Reducir a contaminación orixinada polo tráfico, vivificando o transporte colectivo e non motorizado.
    • Impulsar o funcionamento da estación de Botos como medio de transporte de pasaxeiros entre cidades como Ourense e Santiago de Compostela.
    • Crear un programa municipal para o desenvolvemento de recarga de coches eléctricos en lugares de residencia ou traballo.
    • Priorizar desprazamentos non motorizados, promoción da rede ciclista e bicicletas para alugar.
  4. Desenvolver campañas de educación ambiental para os cidadáns:
    • Programar actividades de concienciación, sensibilización e información sobre pequenas accións que podemos levar a cabo para contribuír á diminución das emisións e da contaminación en xeral.
    • Implantación de educación ambiental nos centros educativos.
  5. Favorecer o comercio xusto e respectuoso co medio ambiente e as persoas:
    • Fomentar o comercio local que reduza as emisións de gases no trasporte e asegurando unhas condicións dignas para os traballadores.
    • Facilitar e promover a realización de mercados de segunda man e artesáns.
    • Incentivar a compra de produtos fabricados con procesos respectuosos co medio ambiente, como papel e tóner reciclado.
  6. Mellorar os espazos verdes do concello coa plantación de árbores e plantas autóctonas.
  7. Calcular e controlar as emisións de gases de efecto invernadoiro:
    • Establecer mecanismos de control e vixilancia da calidade do aire.
    • Facilitar a adopción de medidas preventivas e correctoras nos polígonos industriais que reduzan as emisións á atmosfera, así como fomentar o uso de enerxías renovables.
    • Realizar inspeccións periódicas que garantan o cumprimento da lexislación en materia non so de contaminación atmosférica senón tamén de xestión de residuos.

xoves, marzo 21, 2019

Día da árbore

Un ano máis, celebramos o Día da árbore e do Día da poesía plantando árbores e recitando poemas. Este ano fixemos dúas actividades, unha no parque de sempre co alumnado de 3º de ESO e outra co alumnado de 2º de Bacharelato plantamos carballos.
Aquí algunhas fotos:




mércores, outubro 03, 2018

Soengas metastaseounos

Hai días na vida dun centro que perduran na memoria. Deses días especiais, porque hai algún elemento que nos fai distorsionar as aulas para vivir aventuras memorables. Este luns foi un deses. 
Estaba todo preparado? Case non tiveramos tempo... o comezo do curso, as festas, e xa estaba aí o día 1 de outubro. Inauguración do curso académico ao grando: Marisol Soengas daba nome á aula de 2º de Bacharelato de Ciencias  e estaría connosco para compartir a súa sabedoría.
O que non sabiamos era que esta muller, número 1, é a humildade e a bonhomía en persoa. Ten un sorriso constante, un agradecemento continuo... É unha lección de vida. Non tardou moito en conquistarnos. É unha persoa tan próxima, é tan doado falar con ela... que o tempo voou. Maldito tempo que non permite que esta gran muller comparta máis espazo connosco.
Pero a súa pegada queda para sempre. Ademais, comparte "leira" con Ángel Carracedo... Algún día o noso recén inaugurado Corredor da Ciencia estará completo. Sería incrible xuntar a todas estas personalidades!!!



Marisol é tan especial que escribe no seu Facebook cousas coma estas:

So proud of being a scientist... La ciencia tiene muchos sinsabores, pero hay días en los que querrías saltar de alegría... y no solo por mí, casi tanto, por mi familia.

Yesterday I cried. Of pure joy. For being a scientist. For the possibility of helping others in research and in education, and even more so, when presented with a plaque and an award in my honor at a high school close where I was born...Hay momentos en esta vida que te dejan sin palabras, que te emocionan de tal manera que quisieras que se bloquease el tiempo. Instituto de Educación Secundaria Laxeiro en Lalín...no sé cómo agradecer el homenaje tan cariñoso que me habéis hecho! He dado muchas charlas para estudiantes, pero ninguna con un recibimiento con una banda de música... ni tampoco con una escultura maravillosa! Y desde luego, nunca había tenido la oportunidad de descubrir una placa personalizada, con un sol, cromosomas, y pequeños investigadores en la sombra para dar nombre a un laboratorio... todo esto con el himno gallego de fondo!!! Y el interés de los/las estudiantes en segunda charla sobre mujer y ciencia...indescriptible.














Tamén na prensa:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/agolada/2018/10/02/mujeres-capacescurriculo/0003_201810D2C8991.htm


https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2018/10/02/ciencia-perspectiva-genero/1971994.html


sábado, setembro 29, 2018

Homenaxe a Marisol Soengas

O próximo luns, 1 de outubro, inauguramos o curso escolar así, ao grande: con Marisol Soengas. Con ela inauguramos asemade o Corredor da Ciencia.

Marisol Soengas González, Agolada (Pontevedra) 1968, doutorouse en Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade Autónoma de Madrid en 1996. Posteriormente, iniciou unha etapa de investigación en EE UU, no Cold Spring Harbor Laboratory de Nova York e na Universidade de Michigan. En 2008, regresa a España ao Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), onde dirixe o Grupo de Melanoma, o mesmo que en 2009 identificou un composto sintético capaz de desencadear a destrución masiva das células deste cancro de pel, achado que mereceu a portada da prestixiosa revista científica Cell, e descubriu 40 xenes específicos do melanoma en 2014. É unha das investigadoras máis prestixiosas do mundo na loita contra o melanoma, o cancro de pel máis común e tamén o máis letal. Formouse xunto á histórica científica Margarita Salas e o seu exemplo serviulle para que sempre considerase natural que unha muller ocupase cargos de responsabilidade na ciencia. Toda unha honra para a comunidade do IES Laxeiro contar coa súa presenza entre nós e poder adicarlle un espazo do noso instituto.



domingo, xuño 11, 2017

A célula

Por segundo ano consecutivo, o alumnado de 1º de ESO andou a estudar os diferentes tipos de célula e os seus compoñentes. Algúns dos seus traballos puidemos velos na exposición que organizamos na entrada da biblioteca.








xoves, maio 04, 2017

Premios Luís Freire

O pasado día 29 de Abril, un equipo de 4º de ESO do IES Laxeiro formado polas alumnas Rosalía Díaz Cordido, Suevia Jácome Belay e Iria Lareu Coego , baixo a dirección do profesor Xusto Calvo Peña, defenderon na Domus de A Coruña as conclusións do seu traballo de investigación científica 
“Inflúe a alimentación das galiñas na túa tortilla?.

Participabamos con el na XVIII edición do concurso de Investigación científica na escola “Luis Freire” que de xeito ininterrumpido levan organizando os museos científicos coruñeses dende o ano 2000. Xunto ao noso participaron os centros “Poeta Uxío Novoneira” de Folgoso do Courel co traballo “Hai armiño e donicela no Courel?” finalmente gañadores do certame, e Obradoiro de A Coruña co tema “Son efectivos os ácidos contra o anisakis?”, 3ª premio.

Así pois quedamos segundos e o xurado valorou a calidade metodolóxica e a utilidade das nosas conclusións para outorgárnolo. Para contestar á nosa pregunta partimos de dous grupos de galiñas: un deles foi alimentado de xeito tradicional con verzas, millo, restos da comida da casa e o que obtiñan pola súa conta,  xa que estas galiñas estaban en réxime de semiliberdade e podían campear libremente durante 6 ou 8 horas diarias. O outro grupo pola contra non podía saír do galiñeiro e alimentouse exclusivamente con penso. Recollemos a produción de ovos durante 10 días, pesamos cada un deles e calculamos media e varianza cos datos extraídos. Coa produción dos últimos días realizamos unhas tortillas nas instalación do instituto e sometémolas a unha cata a cegas por parte do profesorado… 

Cales foron as nosas conclusións?:

-          Os ovos “a penso” foron de media máis grandes e máis homoxéneos entre eles que os “caseiros” nos que atopamos moita diferenza de tamaño
-          As tortillas realizadas cos ovos caseiros foron mellor valoradas no apartado de sabor, pero non en canto a “aspecto” e “textura”, moi igualadas meses parámetros cos “industriais”
-          Realmente a xente non diferencia claramente uns ovos de outros.

As nosas conclusións foron que ese maior tamaño e homoxeneidade nos ovos “a penso” explica a preferencia desta alimentación por parte da industria. As diferencias de tamaño dos ovos caseiros pode explicarse polo carácter xerárquico das galiñas, decisivo cando entran en competencia por unha fonte de alimentación discontinua que non se manifestaría na mesma medida cando teñen a libre disposición alimento en forma de penso . Tamén que a alimentación natural redunda nun mellor sabor dos ovos aínda que a xente non discrimine claramente a súa orixe.


O premio á nosa investigación foi un ipad a cada un dos participantes e a entrada libre aos tres museos científicos durante a xornada, tanto para nós como para os acompañantes xa que as familias das alumnas quixeron estar con elas nese día. Non era para menos xa que os dous grupos de galiñas suxeitos da nosa investigación eran as das avoas de Suevia e Iria.






venres, novembro 04, 2016

Hoxe celebramos o noso Día da Ciencia en galego

O alumnado de Bioloxía de 1º de Bacharelato foi o mestre de cerimonias neste día, extraendo o ADN a chícharos, tomates e cebolas. Asemade, o departamento de Matemáticas despregou un amplo dispositivo de xogos para que o alumnado rompa a cabeciña un pouco.
Todo un éxito







venres, xuño 24, 2016

Cobitis paludica

O noso compañeiro Xusto Calvo participa tamén este curso no Proxecto Ríos, analizando o noso río Pontiñas. Este ano toparon unha sorpresa: un peixiño raro que non adoita andar polos nosos lares. Así o recolle a prensa local, ata en portada:






http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/06/22/excursion-sorpresa-forma-pez-pontinas/0003_201606D22C4994.htm

martes, abril 12, 2016

A célula

O alumnado de 1º de ESO andou a estudar os diferentes tipos de célula e os seus compoñentes. Algúns dos seus traballos puidemos velos na exposición que organizamos na entrada da biblioteca.








xoves, novembro 05, 2015

O éxito do Día da Ciencia

Como hai políticos que cren que a nosa lingua non serve para ser científica, nos centros de ensino empeñámonos en demostrar que si. E resulta ben doado! 
Un ano máis, no noso centro decidimos dar o protagonismo ao alumnado de Diversificación para que fosen eles e elas quen demostrase que a ciencia pode explicarse en galego, converténdose en profesorado por un día. E que ben o fixeron!
As experiencias xiraron arredor da luz e da óptica.