Amosando publicacións coa etiqueta Libro do Mal Amor. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Libro do Mal Amor. Amosar todas as publicacións

martes, febreiro 02, 2016

Ramón Nicolás tamén!

Se Helena Villar Janeiro falaba de nós, agora tamén o fai o crítico literario Ramón Nicolás, tanto n'"A Voz de Galicia" como no seu blogue "Caderno da crítica":


Para combater a violencia machista débense usar todas as armas posibles e esta, procedente do ámbito docente, é ademais de necesaria por preventiva merecente de aplauso. Desde o IES Laxeiro de Lalín,  a profesora Gracia Santorum mobilizou alumnado e profesorado para construír un xuntoiro de imaxes e poesía en forma de ilustracións e haikus -eses breves poemas tan proclives á reflexión-, que promovese a concienciación do que é o amor mal entendido. No proxecto implicáronse, ademais, voces que son parte do máis brillante do noso sistema literario.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 29 de xaneiro de 2016, baixo o título de “Espléndida iniciativa”.

martes, xaneiro 19, 2016

Presentación do "Libro do Mal Amor"




O 16 de decembro foi un dos días máis especiais das nosas vidas educativas.
O traballo realizado o curso pasado por toda a comunidade educativa vía a luz en forma de libro, grazas á Secretaría Xeral de Igualdade que prestouse á súa publicación, destacando a súa calidade humana, artística e literaria, que tanto Susana López Abella, Secretaria Xeral, como Belén Liste apreciaron e puxeron en valor, e a quen nunca agradeceremos bastante.
Foi unha mañá de intensos nervios -que nos xogaron algunha mala pasada...!- e coa presenza de autoridades educativas que quixeron enxalzar así o acto. Pero o máis importante estaba  neste noso orgullo colectivo dun traballo colaborativo ben feito.
Grazas tamén a escritores e escritoras pola súa colaboración e moi especialmente a Carlos Negro e a Chus Pato que se prestaron a estar connosco e a ler algúns poemas como guinda final do acto.





sábado, xaneiro 16, 2016

Séguese a falar de nós

Helena Villar Janeiro fala do noso Libro do Mal Amor no "Correo Gallego". Tamén no seu blogue http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org




LIBRO DO MAL AMOR

Helena Villar Janeiro


A violencia machista percorre o mundo de diversos modos nunha escala variada de consecuencias que teñen no cume o feminicidio. Máis ou menos disimulado ou tolerado pola tradición e polas leis, o patriarcado sitúa a muller un paso detrás do home. Veño dicindo que, se superamos esta desigualdade estrutural, no futuro considerararase a situación pola que pasaron as mulleres -aínda hoxe no mundo que recoñece a igualdade nos dereitos humanos- máis anómala que a escrivitude da raza negra. As mulleres somos máis de metade da humanidade e a desigualdade non vén da man de mercadeiros sen escrúpulos e amos sen consideración, senón do contorno familiar, social e institucional que nos rodea.

Tan grave eiva só a pode vencer a educación, que é quen garante os cambios. Pero ha ser unha educación que mostre a igualdade real de mulleres e homes en todo o seu curriculum oculto, pois non chega con predicar, que hai que dar exemplo. A aprendizaxe da igualdade apréndese pola inmersión na igualdade. E niso tense que implicar a sociedade en xeral, moi particularmente os medios que transmiten valores máis ou menos ocultos nas mensaxes. O papel da familia é moi importante, máis tamén precisa que se interveña sobre ela pedagoxicamente por ser unha das grandes herdeiras e transmisoras dun comportamento viciado por moitos séculos. Neste concepto globalizador da educación, ten un destacado papel o sistema educativo oficial en toda a súa complexidade, desde os planos de estudo e a filosofía que os inspira, ata o trato persoal dos membros da comunidade educativa, pasando polos programas que desenvolven os planos, os materiais que se utilicen e as actividades de aprendizaxe que se propoñan.

No contexto de escola educadora para a igualdade e contra a violencia de xénero, naceu un proxecto colaborativo no IES Laxeiro (Lalín) da man da profesora Gracia Santorum, que foi involucrando departamentos e alumnado, arredor da idea do amor en igualdade, sen dominio nin violencia, na creación literaria a través dunha das formas-subxénero aparentemente máis sinxela: o haiku. Nestes pequenos poemas –tres versos de 5, 7 e 5 sílabas- arredor da relación de parella e contra o maltrato machista, o alumnado foi facendo os seus textos que pasaron a ser ilustrados por outro alumnado nas clases de educación artística. Ao alumnado seguírono profesoras e profesores que tamén fixeron o traballo de escribir e ilustrar haikus contra a violencia de xénero. Finalmente, 42 escritoras e escritores foron convidados a completar esta obra literaria, ilustrada por Mar García e Aránzazu Diñeiro. O resultado deste traballo foise mostrando de diversos modos a outros centros e ao público. Estivo en cartaces, nas redes sociais e nun blogue. Finalmente foi publicado pola Xunta de Galicia nun libro fermosísimo na forma, que honra o que o nome do centro representa, e selecto no contido que pretende transmitir: “Libro do mal amor. Contra a violencia de xénero”. Moitos parabéns.  


venres, decembro 25, 2015

Manuel Bragado fala do noso libro

O noso agasallo de Nadal veu este ano en forma de "post" no blogue de Manuel Bragado, falando do noso Libro do Mal Amor. Desde aquí queremos agradecerlle a súa xenerosidade e o pulo ofrecido a este proxecto que tanto nos ilusionou:


Onte 1541: «Libro do mal amor» do IES Laxeiro:

Cando visitei o IES Laxeiro de Lalín, Gracia Santorum agasalloume un exemplar do Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero. Unha auténtico alfaia, tanto pola calidade da edición como pola experiencia didáctica que supón, onde alumnado e profesorado do centro abordaron un labor colaborativo no que reflexionan sobre a violencia e o machismo utilizando os recursos expresivos da poesía e da ilustración. Traballo artístico ao que se sumaron máis de corenta escritores e escritoras que crearon cadanseu haiku denunciando o feminicidio. Máis alá da valiosa achega artística, tanto dos textos como da ilustración, este libro testemuña o interese dun enfoque didáctico transversal e interdisciplinar que aborda co alumnado de secundaria o ADN do machismo, onde xermola o mal amor, eses comportamentos de posesión que constitúen expresión do modelo de amor romántico tan nocivo. Parabéns por tan modélico traballo a Gracia Santorum, promotora da experiencia, como á comunidade educativa, que dirixe Uxío Grande. Orgullo de ensino público galego!

sábado, decembro 19, 2015

Xa temos en papel o LIBRO DO MAL AMOR




Este mércores foi día grande no IES Laxeiro. O traballo do curso pasado veuse recompensado en forma de libro que accedeu a publicar a Secretaría Xeral de Igualdade. Foi día de nervios, dalgunha metedura de pata, de enfados, de discursos, de agradecementos e de esperanza. Non imos parar aquí, seguiremos a loitar cada día contra esta lacra social chamada FEMINICIDIO. Non, non cansamos.
O acto comezou cunha actuación de "Máis que danza", un grupo de Lalín que entre as súas orixinais coreografías tamén teñen en contra que hai que loitar dende todos os frentes e no que actúan alumnas e alumnos do noso centro.



Como aínda non temos os nosos propios vídeos deixámosvos un vídeo do mesmo baile que atopamos:




Logo, un grupo de alumnado de 4º de ESO, comandado pola profa de música Ana Dios, interpretaron unha canción orixinal que mestura melodía e rap.



E logo presentamos o libro. Na mesa, Uxío Grande, director deste centro, Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, Román Rodríguez, Conselleiro de Educación e Gracia Santorum.



Hoxe é, para min, un día de agradecemento, pero tamén o é de esperanza.
Quero comezar dando as grazas a todo o equipo directivo, en especial ao director por confiar en min desde o momento en que crucei a porta deste centro.
Grazas ao Departamento de galego por colaborar e traballar na iniciativa. Fáltanos Hortensia,  tamén está aquí o froito do seu traballo.
Pero sobre todo, grazas ás nosas artistas, Mar e Arancha, porque sen elas nada disto sería posible. Son elas as que deberían estar nesta mesa,  non eu. Grazas pola ilusión coa que contemplan –contemplades- cada nova proposta; polas magníficas ilustracións realizadas; porque cada vez que chegaba unha nova colaboración mirábanme preguntando se esta sería a última, que cando acabaría unha bóla de neve que medraba cada día, mes a mes. Grazas por manter a ilusión e o exercicio do traballo como prioritario. A Mar debémoslle mesmo a maquetación do libro, e pódovos asegurar que foron moitas as horas empregadas e moitas as dores de cabeza!
Grazas a vós,  alumnado do centro, por escribir e ilustrar e sobre todo por cavilar o que supón esta lacra social chamada violencia de xénero. De todos os vosos traballos escollemos 152 por cuestións de espazo.
Grazas aos 42 escritores e escritoras que colaboraron desinteresadamente. Grazas, Carlos Negro, porque ti iniciaches esta parte do proxecto e estás hoxe connosco para celebralo; grazas, Chus Pato, por seguir adiante e por vir canda nós esta mañá a celebralo.
Grazas a Susana, Secretaria Xeral de Igualdade, por nos apoiar dende o momento en que te visitamos.
E grazas ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, por facer que isto medre.

Somos educadores e educadoras, e o noso discurso sempre parte deste punto de vista; ser profesor ou profesora acarrea unha responsabilidade engadida, a de sermos faros de conduta. Este proxecto serve para reafirmarnos nunha idea que pretendemos transmitirvos: que  debemos loitar por perseguir os nosos soños e que estes só se conseguen a base de traballo e esforzo. Esa falsa idea de que todo nos vén dado facilmente debemos desbotala; o feito de estarmos hoxe aquí, podedes estar seguros,  é a consecución de moito, moito traballo. Detrás deste libro hai horas e horas, pagadas co orgullo do traballo ben feito e do traballo en equipo que comparte preocupacións  e responsabilidade por unha educación igualitaria que remate na constitución dunha sociedade máis xusta. Que necesaria é a educación en igualdade! Así como temos unha figura de normalizador lingüístico deberiamos ter unha figura que nos guiase pola senda da igualdade; estou certa de que debería constituírse como unha materia máis do voso currículo.

Pero dicía que hoxe é un día de agradecemento e esperanza.

Esperanza, si, posta en vós, alumnado do IES Laxeiro, futuro do noso país, da nosa vila. Nas vosas mans está que a situación actual cambie. Unha situación que fala de que unha de cada oito mulleres sofre violencia física ou sexual por parte da súa parella. Pero a violencia vai máis alá. O 33% das españolas ten padecido violencia psicolóxica; a metade, acoso sexual; o 11% agresións sexuais antes do 15 anos. A violencia que exercen sobre nosoutras por pura cuestión de xénero é máis palpable aínda cando logramos acceder ao poder: o 75% das europeas que ocupan postos de responsabilidade nos seus traballos afirma ter sufrido acoso laboral.
Na última década máis de 700 mulleres foron asasinadas en España. É dicir, a violencia machista ten provocado máis vítimas que o terrorismo de ETA. E falamos de vítimas mortais, non das miles de mulleres que viven cada día atemorizadas, golpeadas, silenciadas, vilipendiadas...
Isto chámase FEMINICIDIO.
Sodes vós, mozos e mozas, quen pode construír un futuro en igualdade. Lemos e sabemos que constituídes arestora un grupo de risco, que vén dado por un problema estrutural de base, por unha sociedade que manda mensaxes negativas que vós aceptades e acatades sen cuestionar; cadeados nas pontes como símbolo de amor (cando o amor debe significar liberdade e respecto); libros e películas que enxalzan o mito do amor romántico (un amor romántico que relega a muller como obxecto do home); publicidade que nos mete polos ollos a idea de corpos perfectos esqueléticos que non envellecen e mesmo con imaxes violentas… Todas as mensaxes son negativas porque veñen dadas por unha sociedade patriarcal.
Claro que é fermoso sentir un millón de bolboretas no estómago cando estades namoradas. Pero esas bolboretas teñen ás, e as ás serven para voar. Cada vez que unha desas ás escacha, estanvos cortando unha parte da vosa liberdade individual.  E escachan tan facilmente!
Nas vosas ilustracións, nos vosos poemas, faciades fincapé no último estadío da violencia machista. Chamábanos a atención ao profesorado os vosos corazóns vermellos, partidos. Pero tedes que ter en conta que antes de chegar aí hai moitos pasos, e o primeiro deles é a negación da liberdade. Lembrade que só vós tedes esa liberdade individual e non podedes permitir que vola neguen, que encerren ese millón de bolboretas nun pequeno cuarto sen luz. Se esa habitación vai minguando, estanvos partindo en anaco as vosas ás, os vosos azos, os vosos anceios.

Debemos seguir loitando para que as estatísticas cambien. E para isto cómpre que os homes, os mozos, vós todos, entendades que home e muller son seres humanos, dotados e dotadas de dignidade, sen privilexios; necesitamos que vos unades na procura da xustiza social, na procura de ter relacións sas e igualitarias entre homes e mulleres..
Para evitar que as mulleres sigan sendo observadas nos seus traballos como obxectivos sexuais antes ca profesionais. Para que nas casas non exista un reparto de xénero das tarefas, aínda que case sempre se negue en público. Para que deixe de existir unha presión enfermiza para que as mulleres manteñan un aspecto de mocidade.

Si. Son feminista. Porque o feminismo procura a igualdade.

Na prensa:


Haikus en Lalín para luchar contra el mal amor 


 Un grito literario contra el machismo


Na web da Xunta.

luns, abril 06, 2015

Libro do Mal Amor (XXIX)

Coidamos que última entrega, cando menos iso parece. Ogallá sigan chegando, por suposto novas contribucións. Hoxe deixámosvos os haikus de Celso Fernández Sanmartín, do noso director Uxío Grande e do profesor Luís Jar e a profa Gracia Santorum. As artistas, imprescindibles por suposto, Arancha e Mar.






venres, febreiro 20, 2015

Libro do Mal Amor (XXVIII)

Nova entrega de Haikus. Contamos con Antonio Reigosa, que escribe e ilustra, e cos de Xavier Queipo, e  Rosa Huertas. Os dous primeiros están ilustrados pola profe Mar e o último pola profe Arancha. Unha nova preciosidade:




martes, xaneiro 13, 2015

Libro do Mal Amor (XXVII)

Nova entrega de Haikus. Contamos con Xosé Cobas, que escribe e ilustra, e cos de Agustín Fernández Paz, Joan Manuel Gisbert e Mar Benegas. Estes tres están ilustrados pola profe Arancha. Unha nova preciosidade: