domingo, xaneiro 30, 2022

Día da Ilustración 2022

 Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación de Profesionais da Ilustración. Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano o protagonista é Reimundo Patiño pintor, gravador e autor de BD. "Pioneiro da arte contemporánea galega."

 
 
Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun complemento da escrita.
 
 
Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo da ilustradora Paula Mayor autora do cartel deste ano, unha poderosa imaxe da que seguro teremos moitas e variadas lecturas: estéticas, literarias, históricas, mitolóxicas ... ao tempo que viaxamos polo "desacougo creador" do homenaxeado neste 2022.
 
 
Nesta data, desde a Asesoría de bibliotecas escolares queremos poñer en valor o  traballo dos ilustradores e ilustradoras  ao longo de 14 anos de creación e de colaboración na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas, que iniciáramos en 2008 , e, de paso, celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros educativos. Imaxes que xurden dun coidado proceso de creación a partir do lema proposto. Imaxes que son testemuña gráfica da evolución das bibliotecas escolares galegas.
 


sábado, xaneiro 22, 2022

Golpes

 Este venres 21 de xaneiro, unha selección de alumnado de 4º da ESO asistiu á representación teatral de "Golpes", onde unha moza, a través dun monólogo, interpreta a situación vivida por unha muller vítima dunha relación tóxica e as consecuencias  que esta conleva.

Golpes busca que os espectadores identifiquen os índices sociais de desigualdade latente entre homes e mulleres así como as diferentes formas e caras da violencia de xénero. Está baseado na experiencia vital de Pamela Palenciano.

O espectáculo forma parte do programa "Por 365 días de respecto e igualdade" do Plan Proxecta.

Queremos dar unha grazas moi especiais a Estíbaliz polo seu espectáculo e pola súa cercanía. É a segunda vez que acode ao noso centro pero queremos que volva!



xoves, xaneiro 20, 2022

Ano Laxeiro (I)

 Por mor de que este ano o Día das Artes Galegas estará dedicado ao noso pintor Laxeiro, o noso centro decidiu que durante todo o ano 2022 imos dedicar os nosos esforzos a esta notable figura da nosa vila, realizando así o "ano Laxeiro" : todos os meses haberá algunha actividade arredor del.

Este é o cartaz conmemorativo que nos lembra o primeiro obradoiro do mes de xaneiro: un obradoiro de stop-motion.