xoves, decembro 19, 2019

Novembro contra a violencia de xénero (V)

O mércores 18 de decembro fomos co alumnado de 3º da ESO ao concello, un ano máis, para asistir ao espectáculo poético-musical titulado "Deslindar o paraíso" dentro da programación Mulleres en Acción. Violencia Zero, promovido pola Deputación de Pontevedra, nesta ocasión da man de SILVIA PENAS





mércores, decembro 18, 2019

Formándonos en Igualdade

Aproveitamos a semana das avaliacións para formarnos en Igualdade cunha experta no tema: Monse Vilar veu formar o alumnado de 2º de ESO para profundar no dado na aula e seguir avanzando nestes temas. Unha vez máis, toda unha lección de Igualdade!




martes, decembro 17, 2019

Árbore de nadal científica

Un curso máis o Club da Cienca é o encargado de facer a árbore de nadal. Este curso, como non podía ser doutro xeito, a nosa árbore é máis especial porque está dedicada ao noso prezadísimo Luís Gustavo. Na súa memoria puxemos máis empeño na realización da árbore e nas cores. 
Esteas onde esteas, queremos que esteas orgulloso de nós.



luns, decembro 16, 2019

Alfredo Okenve sen Dereitos

Este luns descubrimos un mundo novo grazas a unha visita moi especial que debemos a Amnistía Internacional. Sabermos máis dun país como Guinea e tamén saber das atrocidades que se cometen sen ter en conta os Dereitos Humanos debe estar presente na nosa educación para valorarmos máis o que temos e non querer perdelo.





xoves, decembro 12, 2019

Alfredo Okenve

Temos unha visita moi especial o próximo luns pola tarde: Alfredo Okenve, de Guinea Ecuatorial, estará connosco para falar do seu traballo como activista de Amnistía Internacional no seu país.




https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2019/12/17/realidad-guinea-laxeiro/2218940.html

mércores, decembro 11, 2019

Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Amnistía Internacional colabora connosco dende hai varios anos. Este curso prestounos a exposición que contén os artigos contidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Está no Salón de actos para que acudades a lembralos neste momento de vulnerabilidade especial.








sábado, novembro 30, 2019

Novembro contra a violencia de xénero (IV)

O alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal decidiron este curso escenificar tres posibles xuízos para que o alumnado do centro se percate da situación na que vive a nosa propia sociedade.
Debido a que a toda a semana realizamos actividades contra a violencia de xénero, veredes que hai diferentes vídeos arredor dun só xuízo.
Un xuízo está inspirado no xuízo real da manada. As frases escollidas están directamente collidas do testemuño real tanto dos violadores como da vítima. O que fixeron foi contextualizalo nunha posible agresión a unha moza que viña ás festas de Lalín. O resto, por desgraza. é real.




Un segundo xuízo que quixeron escenificar foi o de unha muller que sofre agresións por parte do seu cónxuxe. Aínda que a xuíza ditamina orde de afastamento, esta muller acaba por ser asasinada. Algo que ocorre con demasiada frecuencia no estado español.





E un terceiro xuízo, o máis complexo, que quixeron tamén aportar é o dun neno que a pesar de nacer no corpo de neno non se sente así e quere ser muller. Pero desta volta é o seu propio pai quen se nega a aceptar esta situación e négase á operación de cambio de sexo.



martes, novembro 26, 2019

Novembro contra a violencia de xénero (III)

Esta mañá vimos dúas curtas que nos deixaron sen palabras e co estómago revolto. Violacións e superación. Dúas curtas para reflexionar que deixaron o salón de actos ateigado en total silencio e respecto.


Bailando contra a violencia (II)

O alumnado do IES Laxeiro que asiste ás clases de baile da asociación Máis que danza, quixeron tamén amosar a súa arte no noso centro, enmarcándose dentro das actividades contra a violencia de xénero. O seu baile inspírase no tema "Tengo derecho" de La Insuperable:


luns, novembro 25, 2019

Bailando contra a violencia, un ano máis

O alumnado que conforma o grupo de Igualdade do centro, "Trafegando pola Igualdade", de 1º de Bacharelato, decidiu aportar un ano máis o seu particular gran de area contra a violencia de xénero; este ano fixémolo cun baile inspirado no tema "Mártires" de Xoana:

Novembro contra a violencia de xénero (II)

O alumnado de 2º de ESO-B da materia de Igualdade realiza unha performance para o 25 de novembro,  a partir dun poema de Ana Cerezuela (do seu libro "Lejos") 


Novembro contra a violencia de xénero (I)

O alumnado de 2º de ESO- A na materia de igualdade escribiu e realizou unha performance para o 25 de novembro, poñendo o acento en que as mozas non deben vestir nin comportarse segundo os estereotipos de xénero que a sociedade impón.


domingo, novembro 24, 2019

domingo, novembro 17, 2019

Máis alá da aula

E o día chegou. Un día cheo de emocións, de bágoas, un día no que Luís Gustavo foi quen de tirarnos aínda agora máis dun sorriso. Luís Gustavo era moito más ca un xefe de estudos. Moito máis ca un profesor de Física e Química. Moito máis ca un compañeiro. Moito máis ca un esposo. Moito máis ca un fillo. Moito máis ca un pai. Todo el era "moito máis".
Si, seino. Cando alguén morre, quen queda limítase a enxalzar todo canto de bo tivo a persoa que vén de falecer. Pero é tan diferente neste caso! Os testemuños aportados polo seu exalumnado, feito motu proprio e dende o corazón, son unha proba diso. Pero a maior proba foi a cantidade de xente que onte veu ao noso centro. O noso salón de actos non estaba cheo, estábao máis. O vestíbulo, o patio de fóra... E non só era a cantidade, era o silencio, o respecto, a estima, o amor que se respiraba... e era tamén o orgullo de formar parte dunha comunidade educativa que responde cando hai que facelo, era o orgullo de profesora vendo a ese alumnado implicado, a ese alumnado músico, a ese alumnado silencioso, a ese alumnado axudante... Luís Gustavo estaba alí entre nós, sorrindo, orgulloso de que todo saíse ben. Sentín que ao rematar unha palmada súa me dicía cariñoso, vez máis: ves como non era para tanto? Sempre te pos demasiado nerviosa e sempre sae todo ben...
Seguimos chorándote, Luís Gustavo. 





Na prensa:


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2019/11/17/luis-gustavo-corazon-laxeiro/0003_201911D17C3991.htm

https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2019/11/17/o-ies-laxeiro-lembra-ao/2203775.html

sábado, novembro 09, 2019

Cita ineludible

Falta unha semana. E seguimos traballando entre as bágoas que non cesan. Como conseguir deixar de chorar mentres vemos as fotos, seleccionámolas, falamos co alumnado, montamos vídeos, escoitamos a música...???? Pero segues facéndome rir, cando o alumnado me conta anécdotas, os teus chistes, mentres discuten cal das túas frases dicir, con que recordo quedarse para o vídeo... 
Por que nos damos conta de canto queremos as persoas só cando as perdemos? O feminismo ensina a quererse, a coidarse. O consello que vos dou sempre: non pensedes "quérote", dicídeo. Apertade os amigos e amigas, proclamade canto queredes e non cansedes de facelo. Que importante é abrazarse!

A túa presenza enchía os nosos corredores. A túa ausencia só escolleu o baleiro. A cambio, permanecen en nós os teus risos, os teus consellos, a túa amizade... grazas porque poderemos sobrevivir alimentándonos cada día con estas sensacións. Sempre estarás entre nós harmonizando o andar do Laxeiro.





domingo, novembro 03, 2019

X día da Ciencia en Galego (V)

Temos activada unha clase en Classroom para que o profesorado que queira faga algunhas actividades na aula relacionadas con Liz Marzán e Dmitri Mendeléiev.

Dentro das actividades, no apartado de A Xogar!, aparece o enlace ao Kahoot que preparamos con preguntas sobre os científicos, para que poidan aprender xogando.

Enlace ao Kahoot:





X día da Ciencia en Galego (IV)

Xa temos o Salón de Actos do centro preparado para celebrar mañá o Día da Ciencia na nosa lingua:






venres, novembro 01, 2019

Samaín de medo

En colaboración co Departamento de Lingua Española o Samaín deste curso serviu para que a xente confesase anonimamento os seus medos. Un éxito de participación, por outra parte.









domingo, outubro 27, 2019

Lembrándote sempre

Dende o 2003 este amigo bonachón paseou os corredores do noso centro, impartiu clases, foi xefe de estudos, gastou bromas e explicou a Física e a Química coma ninguén. A súa ausencia levounos unha parte da nosa propia idiosincrasia. O IES Laxeiro non é o mesmo sen el. Miro para o alumnado de 1º de ESO e sinto mágoa porque eles e elas non tiveron a sorte de coñecelo, non tiveron a sorte de ver o seu sorriso -que pretendía ser maligno e non o conseguía- polos corredores ou no seu despacho. Cada día botámolo de menos. Non hai ninguén co seu carácter. E iso que cando nos enfadamos, lembramos: "espírito Luís Gustavo" e calmámonos antes. Porque si, porque el estará sempre entre nós poñendo esa harmonía da que só el era quen.
E cada día, lembramos miles de anécdotas, pensamos "e agora el diría..." e as bágoas constantes volven a nós.
Se queredes vir, aquí estaremos. Pódovos asegurar que é a homenaxe máis difícil de organizar de todas as nosas vidas...


xoves, outubro 24, 2019

luns, outubro 21, 2019

martes, agosto 20, 2019

Cada día contigo

Sempre diciamos que eras tan grande coma bo. Que non servías para xefe de estudos porque non eras quen de enfadarte. Pero vaia se servías! Alumnado e profesorado adorábate. Dabas miles de oportunidades, estas que a ti che foron denegadas, porque a morte non quixo darche nin unha pequena tregua, esa que podía advertirche que nos rondaba pero que aínda podiamos seguir canda ti. Quedamos un pouco máis orfos no noso camiñar, quedamos sen ese "osiño de peluxe" xigante que adoitabamos dicir que eras. 
Agora, os corredores do IES non contarán os teus pasos, a biblioteca permanecerá agardando a túa visita para facer os sudokus, para corrixir exames, para contar que ías facer a recuperación da recuperación da recuperación... Entrar no vestíbulo mirando a porta de enfronte, sempre aberta, sempre disposta a nos recibir, a nos escoitar, xa non será posible. Imposible entrar na cafetería para meternos contigo e o teu "colacao". Imposible que a vida siga igual. Toda a comunidade educativa botará en falta a túa bonhomía e a túa capacida infinita de perdoar. 
Esta vida tan inxusta foino onte máis ca nunca. 
Non hai neste mundo tantas boas persoas coma ti. Agora, só temos o teu recordo. Inconmesurable e agradecido.
Eu quedo co teu último sorriso pícaro de tarde de fútbol. Quedo coa nosa mesa arredor da tortilla e as nosas conversas. Quedo coas nosas reunións bibliotecarias dos luns polas tardes. Quedo con ese amor que derrochabas para a túa familia. Quedo co teu exemplo.




No Facebook:


Xosé Manuel López:

Nom sei quen che fixo este retrato e inda que es ti sen dúbida ningunha e o elixiches como o teu último avatar, creo que eras moito máis bo e máis alegre do que calquera sexa capaz de captarte ... quérote e querereite sempre ...


Chus Pato:

Chorámoste, imoste chorar mañá cando che deamos o adeus derradeiro, seremos centos, a tod@s fuches quen de darnos abeiro
Como non che vai ser a ti leve a terra, a ti que sostiñas o mundo?
Chorarémoste sempre



Belén Taboada Barros:

Esperábasme na porta para dicirme que a ver se algún día chegaba a tempo a clase, viñas de visita a biblioteca e entre a torre de apuntes que tiña na mesa soltabas un: 'A túa asignatura favorita é o recreo'. Non sabías descargar música e sempre que viaxabas en avión pedíasnos que aumentaramos a túa lista de reprodución. Mil veces che pedín que lle puxeses o meu nome a biblioteca do instituto e hoxe sei que, sen dúbida, debería levar o teu.

Grazas por ser coma un pai durante os dez anos que estiven no Laxeiro, es unha das persoas máis grandes que coñecín na miña vida. Grazas, de corazón, por todo. Que a terra che sexa leve, Luis Gustavo


Paz Vázquez Rodríguez

Aínda non o creo. Penso que terás algún chiste novo que contar a próxima vez que nos atopemos. Non podo crelo. Ou non quero.
Cando as persoas que queremos vanse a esa estrela que temos aí arriba sempre falamos do xeniais que eran. Neste caso todo o que din de ti queda curto. E aínda que soe a tópico es tan grande por dentro como por fóra. E BO. Así con maiúsculas, que é o mellor que se pode dicir de alguén.
Sei que che recibirán con alegría na nosa estrela todos os nosos que xa andan por alí , pero ti non deberías de estar aí tan pronto. Non. Aínda que sei que estás cos bos e xenerosos. Coma ti.
Reparte moitos bicos. 




Xm Salvador Méijome Sánchez
Cáseque chegas á lua e agora vas onde os bós e xenerosos.


mércores, xuño 26, 2019

Premio á Solidariedade e ao Compañeirismo

Rematamos o curso así, premiando a quen o merece. Dende hai tres meses, unha nena en cadeira de rodas, necesitada de axuda, é acompañada por unha compañeira da súa clase. Puntual, cada mañá á primeira hora vaina buscar á súa casa para traela ao centro, lévaa ás clases, acompáñaa nos recreos, axúdaa nos estudos para recuperar o tempo perdido durante a operación e posterior recuperación... e as fins de semana tamén é ela quen a saca da casa para dar un paseo. 
Xestos coma este, que adoitan pasar desapercibidos para a maioría do alumnado e profesorado, cremos que deben ser postos en valor. Somos conscientes de que hai máis, por suposto, e de que hai outros que se nos escapan porque non damos chegado a todos os recunchos. Pero a visibilización da solidariedade é máis necesaria ca nunca, porque neste caso María Vázquez representa un deses valores fundamentais da sociedade que impulsamos no noso instituto.
Por iso, e en nome de toda a comunidade educativa, grazas, María, pola túa bondade e pola túa xenerosidade.