Amosando publicacións coa etiqueta Día do Libro Infantil e Xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día do Libro Infantil e Xuvenil. Amosar todas as publicacións

sábado, abril 02, 2022

Día do Libro Infantil e Xuvenil



Ler é liberdade. Ler é respirar.
 
Ler  permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
 
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
 
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
 
A plenitude do teu universo só medra cando les.
 
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa quelogo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
 
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
 
Inspiran. Ensinan.
 
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
 
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
 
 
 Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett.
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 

xoves, abril 02, 2020

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

FAME DE PALABRAS




"A finais do mes de abril, ou a comezos de maio, no meu país reverdecen os arbustos. Ao pouco tempo, as crisálidas das bolboretas prenden neles. Locen coma boliñas de algodón, mais as eirugas devoran folla tras folla ata que os arbustos perden o seu verde por completo. Cando as bolboretas saen das súas crisálidas botan a voar; pero malia todo, os arbustos non quedan arruinados: dentro dun ano volverán agromar, e así unha e outra vez.
Esta é a imaxe dunha escritora, a imaxe dun poeta: os contos e os poemas aliméntanse deles, ríllanos, esgótanos... E cando xa están escritos, saen voando para acabaren nos libros, para aterraren nos oídos daqueles que os escoitan. E isto non deixa de repetirse nunca...
E que ocorre cos poemas e cos contos?
Coñezo un rapaz ao que operaron dos ollos. Logo da intervención tivo que estar dúas semanas deitado sobre o seu costado dereito; e despois, durante un mes máis, non puido ler. Non puido ler nada. Cando, tras un mes e medio de repouso, volveu coller un libro, tivo a sensación de estar arramplando coas palabras a eito dunha tarteira. Como se as comese, como se as comese de verdade.
E coñezo unha rapaza que agora é mestra, e que dixo: “Pobres daqueles nenos aos que os seus pais non lles lían libros!”
As palabras, nos poemas e nos contos, son alimento. Non son alimento para o corpo, porque ninguén podería encher o estómago con elas. Son alimento para o espírito e para a alma.
Cando alguén ten fame e sede, o seu estómago encóllese e sécaselle a boca. Busca encontrar cando menos un codeliño de pan, unha cunca de arroz, un peixe ou unha froita. Canta máis fame, tanto máis se lle estreita a mirada, ata que xa non ve máis ca un bocado ou un grolo que o deixarían farto.
Pero a fame de palabras non se presenta deste xeito, senón que toma forma de abatemento, de apatía, de arrogancia. A xente que sofre deste tipo de fame non é consciente de que na súa alma reina o frío, non se decata do que está a pasar a carón de si mesma e non se ve. Unha parte do mundo váiselle das mans sen sequera notalo.
Esta fame unicamente poden saciala os poemas e os contos.
Se nunca o fixemos, existe a esperanza de que poidamos acalmar este tipo de fame?
Si. Aquel mozo le, raro é o día en que non o fai. E a moza que é mestra le contos para o seu alumnado. Cada venres. Cada semana.
E se algunha vez lle esquece, son as nenas e os nenos quen llo lembran.
E a escritora? E o poeta? Ao ano seguinte, reverdecerán. E volverán roelos os contos e os poemas que logo, transformados en bolboretas, botarán a voar. Unha e outra vez."
Escrito por Peter Svetina (Eslovenia)
Ilustrado por Damijan Stepancic (Eslovenia)
Traducido por Héctor Cajaraville


Ilustración de Dani Padrón:




Ilustración de Kęstutis Kasparavičius: 


luns, abril 02, 2018

Día Internacional do Libro Infantil



Coma en anos anteriores, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2018  correspondeulle a Letonia. Ten a autoría do texto a escritora letona Inese Zandere, poeta, editora e activista da promoción da lectura quen titula a súa mensaxe: Os libros fan grande o máis pequeno.
Pola súa parte, a imaxe do cartel é do ilustrador Reinis Petersons, recoñecido debuxante deste país báltico. 
Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego. 


domingo, abril 02, 2017

Abraza a un libro, abraza a un amigo

A editorial Anaya preparou un cartel con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil, o 2 de abril.
“Abraza un libro, abraza a un amigo”, está inspirada na ilustración que realizou Isol no Abecedario ilustrado (Carles Cano).




sábado, abril 02, 2016

Manuel María e a literatura infantil e xuvenil

Unha vez máis (canto lles debemos!), dende o IES San Paio chéganos esta información para celebrar o día de hoxe:

Dentro da vasta obra do autor ao que este ano dedicamos o Día das Letras hai presenza de publicacións pensadas e dirixidas ao público infantil e xuvenil moi oportunas cando imos celebrar unha nova edición do Día do Libro Infantil e Xuvenil. 
Está ben lembrar neste día ao escritor danés Hans Christian Andersen mais tamén cómpre non esquecer ao noso Manuel María por ter tamén atendido ás lecturas de nenos e mozos con títulos como
 
http://libreriaabrente.es/es/poesia-en-galego-/3446-as-ruas-do-vento-ceibe.html

As rúas do vento ceibe
http://www.rios-galegos.com/conto01.htm
A tribo ten catro ríos
http://www.opacmeiga.rbgalicia.org/DetalleRexistro.aspx?CodigoBiblioteca=CEC180&Rexistro=1235&Formato=Etiquetas
Unha sombra vai polo camiño. 
Como desapareceu a Atlántida 
e apareceron os lagartos
http://www.casamuseomanuelmaria.gal/obras/ver.htm%3Bjsessionid=B61FB6A19896AE7CEB837EEED02867E5?id=71&paxina=1

Cando o mar foi polo río
http://www.casamuseomanuelmaria.gal/obras/ver.htm%3Bjsessionid=A270E1787A42104D25BCB9CE715613A1?id=72&paxina=1
Viaxes e vagancias de M. P.
http://iesmasahistoria.blogspot.com.es/2008/05/as-ribeiras-son-escuras-manuel-mara.html
As ribeiras son escuras
http://www.casamuseomanuelmaria.gal/publicacions/ver.htm?id=9
O bigote de Mimí
http://www.larousse.es/catalogos/proyectos_lectura/XG00025603_9999998786.pdf

Os soños na gaiola (versos pra nenos)
(Premendo sobre as portadas atoparás información ou materiais adicionais)
Para ter unha visión de conxunto da poesía infantil de Manuel María recomendamos un breve artigo de Celia María Armas García: http://ruc.udc.es/bitstream/2183/13011/1/CC-107_art_18.pdf

Día Internacional do Libro Infantil

Hoxe celébrase o Día Internacional do Libro Infantil en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen. 
Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People), a súa sección española a OEPLI xunto coas entidades colaboradoras como GALIX, en Galicia, editan un cartel cunha mensaxe e unha imaxe especialmente deseñada para este día.
Nesta ocasión, a sección de Ibby do Brasil foi a encargada da elaboración deste cartel. O texto, da escritora brasileira Luciana Sandroni, recrea a fascinación que pode exercer unha biblioteca  nunha pequena lectora e o estímulo que os contos supoñen para a imaxinación de quen se deixa levar polo poder da lectura. O debuxante e ilustrador brasileiro Ziraldo pon a imaxe a este cartel cunha sinxeleza e evocación só propias dos grandes artistas. 




Era unha vez unha... Princesa? Non.
Era unha vez unha biblioteca. E era tamén unha vez Luisa, que foi á biblioteca por primeira vez. A nena camiñaba amodo, tirando dunha mochila de rodiñas enorme. Miraba para todo abraiada: andeis e máis andeis cheíños de libros... Mesas, cadeiras, coxíns de cores, debuxos e carteis nas paredes.
–Trouxen unha foto miña –díxolle timidamente á bibliotecaria.
–Moi ben, Luisa! Vou facerche entón a túa tarxeta da biblioteca. Mentres, podes ir escollendo un libro. Podes escoller un para levar para a casa, vale?
–Só un? –preguntou, decepcionada.
De súpeto, soou o teléfono e a bibliotecaria deixou á nena con esa tarefa tan complicada de escoller só un libro de entre aquel mar de libros dos andeis. Luisa camiñou tirando da súa mochila e buscou e buscou ata que atopou o seu favorito: Brancaneves. Era un exemplar de tapa dura cunhas ilustracións preciosas. Co libro na man, volveu tirar da mochila e, xusto cando ía saír, alguén lle tocou no ombro. A nena case cae de cu da sorpresa: era, nada máis e nada menos, que o Gato con Botas, co seu propio libro nas mans ou, máis ben, nas poutas!
–Como está vostede? –preguntou o gato cunha reverencia–. Luisa, non sabes xa todo o que hai que saber desas historias de princesas? Por que non levas o meu libro, O Gato con Botas, que é máis divertido?
Luisa, asombrada, cos ollos estartelados, non sabía que dicir.
–Que ocorre? Comeuche a lingua o gato? –burlouse o gato.
–Es de verdade o Gato con Botas?
–Son eu de verdade! O mesmiño! Veña, logo, lévame para a casa e coñecerás todo sobre a miña historia e a do Marqués de Carabás.
A nena estaba tan atónita que só puido asentir coa cabeza.
O Gato con Botas mergullouse maxicamente de volta no seu libro e, cando Luisa estaba a marchar, sentiu de novo que lle tocaban no ombro. Era ela: "branca coma a neve, meixelas de roseira e cabelos tan negros coma o carbón". Sabedes quen era?
–Brancaneves! –dixo Luisa, perplexa.
–Luisa, lévame tamén contigo. Este exemplar –dixo, amosándolle o seu libro– é unha adaptación auténtica da historia dos irmáns Grimm.
Cando a nena estaba a piques de cambiar o libro de novo, o Gato con Botas apareceu, moi irritado.
–Brancaneves, Luisa xa se decidiu. Volve onda os teus seis ananos.
–Son sete! E ela aínda non decidiu nada! –exclamou Brancaneves, arroibándose do enfado.
Os dous personaxes ollaron para a nena agardando unha resposta.
–Non sei cal levar. Quero levalos todos…
De súpeto ocorreu algo extraordinario e insospeitado: todos os personaxes comezaron a saír dos seus libros: Cincenta, Carapuchiña Vermella, a Bela Dormente e Rapunzel. Aquelo era todo un equipo de auténticas princesas.
–Luisa, lévame para a túa casa! –rogaron todas elas.
–Eu só preciso unha cama para durmir un chisco –dixo a Bela Dormente, bocexando.
–Só cen aniños, un chisco! –mofouse o Gato.
–Eu podería limparche a casa –falou Cincenta–, pero á noite teño unha festa no castelo do...
–Do Príncipe! –berraron todas.
–Na miña cesta levo torta e viño. Alguén quere? –ofreceu Carapuchiña Vermella.
De seguido, máis e máis personaxes foron aparecendo: o Parrulo Feo, a Vendedora de Mistos e, tamén, o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
–Luisa, podemos ir contigo? Somos pesonaxes de Andersen –pediu o Parrulo Feo que, en realidade, non era tan feo.
–Vai caloriño na túa casa? –preguntou a Vendedora de Mistos.
–Ouh, se hai unha cheminea, mellor quedamos por aquí... –engadiron o Soldadiño de Chumbo e a Bailarina.
Xusto entón, para sorpresa de todos, apareceu fronte a eles un lobo enorme e peludo, cos dentes afiados. Era o Lobo Feroz!
–Lobo, vaia boca máis grande tes! –dixo Carapuchiña, por costume.
–Eu protexereivos! –falou o Soldadiño de Chumbo, con moito valor.
Foi entón cando o Lobo Feroz abriu a súa enorme boca e... Comeunos a todos? Non! Bocexou do cansado que estaba e dixo, con moita calma:
–Tranquilizádevos todos. Só quería darvos unha idea. Luisa podería levar o libro de Brancaneves e o resto poderiamos ir na súa mochila, é abondo grande para todos nós.
A todos os personaxes lles pareceu unha moi boa idea.
–Podemos ir, Luisa? –preguntou a Vendedora de Mistos, que tremía de frío.
–Claro! –dixo ela mentres abría a mochila.
Todos os personaxes puxéronse en fila e comezaron a entrar.
–Primeiro as princesas! –pediu Cincenta.
Ao final, foron aparecendo tamén personaxes do Brasil: Saci, Caipora, unha boneca de trapo que falaba moito, un neno toliño, unha nena cun bolso amarelo, outra coa foto da súa bisavoa pegada ao corpo, un rei pequeno e mandón. Todos e todas entraron. A mochila pesaba máis ca nunca. Os personaxes pesaban moito! Luisa colleu o libro de Brancaneves e a bibliotecaria anotouno na súa tarxeta da biblioteca.
Un anaco despois, a nena chegou á casa moi contenta. A súa nai chamou dende dentro:
–Chegaches, miña rula?
–Si! Chegamos!

xoves, abril 02, 2015

Moitas culturas, unha historia

Hoxe, 2 de Abril, conmemórase, tal e como se vén facendo desde o ano 1967, o nacemento de Hans Christian Andersen. A IBBY declarou esa data Día Internacional do Libro Infantil, coa fin de lembrar a importancia de ofrecer  bos libros a todas as nenas, a todos os nenos, libros de calidade que esperten a súa imaxinación e os/as axuden a medrar como lectorxs e como persoas. 

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder á mensaxe de Marwa Al Aqroubi e ao cartel de Nasim Abaeian.



"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, mais compartimos as mesmas historias"
Historias internacionais… historias tradicionais
É a mesma historia que se nos conta a todos
En diferentes voces
En diferentes cores
Pero permanece inmutábel…
Comezo…
Argumento…
E fin…
É a mesma historia que todos sabemos e amamos
Todos a escoitamos
En diferentes versións de diferentes voces
Mais sempre é a mesma
Hai un heroe… unha princesa… e un vilán
Non importa a súa lingua, nin os seus nomes,
Nin as súas caras
É sempre o mesmo comezo,
Argumento
E fin
Sempre ese heroe… esa princesa e ese vilán
Inmutábeis durante séculos
Acompáñannos
Murmúrannos nos nosos soños
Arrólannos para durmir
As súas voces marcharon hai tempo
Pero viven nos nosos corazóns para sempre
Pois únennos nun mundo de misterio e imaxinación
Para que todas as culturas se fundan nunha única historia."