xoves, agosto 27, 2020

Machirulo agóchate

Por fin está aquí! E estamos emocionadas. O mes de febreiro foi un mes de ensaio por parte da nosa "banda" do Laxeiro para que o tema saíse perfecto, e foino. A voz de Fátima e a persistencia do profesorado de música. Ana conseguiu os permisos e traballou arreo.

Pero sobre todo, sobre todo, grazas a Noche polas horas de montaxe deste e dos outros vídeos. O Laxeiro está en débeda contigo...

A nós encántanos. Xa nos contaredes que opinades. Lembramos o 9 de marzo como un día de celebración marabilloso onde falamos de feminismo e reivindicámonos de xeito festivo. Semella que pasasen anos dende aquel día!!!




 Adaptación e tradución do tema "Machirulo Escóndete" do grupo Tongo. Moitas grazas por darnos o permiso. Un tema viral no noso centro, o IES Laxeiro.




Somos as meigas ardendo

somos a rabia e a voz

Hoxe queremos cantarvos

que se acabou a opresión

Somos o eco que racha

coa verticalidade

Seguen vibrando os ventos

de ousadía e liberdade

 

Eu non vou gardar silencio

Non nacín para calar

Ocupemos os espazos

que nos quixeron negar

Eu non son nai por defecto

nin nacín para fregar

Deconstrúo alicerces

do sistema patriarcal

 

Somos quen nunca se rende

Quen alza unha rebelión

Unha gran onda que bate

este sistema feroz

Desaprendendo o camiño

Construíndo ao camiñar

A liberdade conquístase

coas gañas de loitar.

CHÁMAME COMO ME CHAMES

TI NON ME PODES DETER

FEMINISTA OU FEMINAZI

¡MACHIRULO, AGÓCHATE!

 (Recitado:)

Somos as outras,

as que non importan,

as silenciadas

as rotas,

as boas,

as peores,

as feridas,

as tolas,

as raras,

as outras,

somos a rabia das nosas asasinadas,

somos a ira e a ledicia das nosas fillas,

somos as netas das bruxas que queimastes,

somos un coitelo no voso pescozo.

 

Somos a sabedoría das maiores,

somos as que decidiron importar,

somos a vinganza e a risa,

e a aperta e o berro colectivo das irmás.

 

Vimos de nos recoñecer entre nós mesmas,

Identificando o inimigo,

dámonos a man e a palabra,

queremos o que é noso,

e querémolo agora.

Queremos poder ser,

queremos liberdade,

Somos unha, somos todas


 

CHÁMAME COMO ME CHAMES

TI NON ME PODES DETER

FEMINISTA OU FEMINAZI

¡MACHIRULO, AGÓCHATE!


CHÁMAME COMO ME CHAMES

TI NON ME PODES DETER

FEMINISTA OU FEMINAZI

¡MACHIRULO, AGÓCHATE!


luns, agosto 24, 2020

En clave de igualdade (III)

 A segunda canción que transformamos este curso foi outra que tamén nos parecía ben complicada e que ten unha desas letras que os nosos oídos non queren ouvir nin de lonxe: "Loca" de Duki.




 

 

 

 

Estamos tolos, eh,
loitando nesta sociedade de inxustizas.
Parece tan difícil que nos cheguen a valoar, eh,
unha vida así e un futuro tan gris que non quere avanzar, eh,
segue sen avanzar.
Estamos tolos, eh,
loitando nesta sociedade de inxustizas.
Parece tan difícil que nos cheguen a valoar, eh,
unha vida así e un futuro tan gris que non quere avanzar, eh,
segue sen avanzar.

Pensan que imos aguantar, pero nós llas imos pasar
veno todo moi normal, non son conscientes da realidade.
Non queremos ningunha máis, camiñades cara a atrás,
cansamos de aturar e nos imos loitar.

Oídeme ben, eh, así non é , eh, pensádeo ben, iso non é igualdade.
Oídeme ben, eh, así non é , eh, pensádeo ben, iso non é igualdade.

Estamos tolos, eh,
loitando nesta sociedade de inxustizas.
Parece tan difícil que nos cheguen a valoar, eh,
unha vida así e un futuro tan gris que non quere avanzar, eh,
segue sen avanzar.
Estamos tolos, eh,
loitando nesta sociedade de inxustizas.
Parece tan difícil que nos cheguen a valoar, eh,
unha vida así e un futuro tan gris que non quere avanzar, eh,
segue sen avanzar.

Agora non hai que nos pare, xa non hai escusas que nos paren.
Esta canción é para que o penses,
para que nos poidades ver.
Con esta letra remodelamos, con esta letra manifestamos,
que seguimos aquí pese a tanto, e seguiremos en pé.

Aínda que nos engaiolen, non haberá gaiolas que as ás nos corten.
A min non me toques, a nós non nos tocas.
Se tocas a unha tocas a todas.

O respecto é fundamental para vivir mellor.
Se che din que non , non hai outra opción.
Non me cales a boca, asúmeo.
Agora imos berrar, máis e mellor.
Non baixo o voso poder, poder,
non nos ides deter, deter,
non nos ides calar, calar,
agora imos berrar, berrar;
non estou para aturar, aturar,
ti xa podes calar, calar,
non te quero escoitar.
Todo por ti muller.

Estamos tolos, eh,
loitando nesta sociedade de inxustizas.
Parece tan difícil que nos cheguen a valoar, eh,
unha vida así e un futuro tan gris que non quere avanzar, eh,
segue sen avanzar.
Estamos tolos, eh,
loitando nesta sociedade de inxustizas.
Parece tan difícil que nos cheguen a valoar, eh,
unha vida así e un futuro tan gris que non quere avanzar, eh,
segue sen avanzar.

 

En clave de igualdade (II)

Un proxecto que comezou hai ben tempo e que este ano puidemos darlle solución de continuidade; é un proxecto que recoñecemos complicado pero  este curso obtivemos unhas condicións necesarias para conseguilo: un alumnado de luxo, feminista, comprometido, e músico!!!
Escolleron unha letra tan difícil coma esta (tiñámoslle moitas ganas porque é unha letra que fere, pero ten moitas dificultades): estamos a falar de "Cuatro Babys" de Maluma. 
Veredes que a letra que o grupo de rapazas e rapaces escribiron nada ten que ver. E que ogallá as letras todas cambiasen deste xeito
A nosa canción leva por título: "Agora somos guerreiras"

 
 


Non sei que facer non sei como alzarme ninguén sabe o que pode maltratarme, tenme mal, chea de cardenais.
Estaba namorada de ti "baby" sempre souben o que quero era todo tan perfecto ía ser tan duradeiro. Non era un santo, era un demo, quere que faga todo o que diga pero eu non quero. Estaba namorada de ti "baby" sempre souben o que quero era todo tan perfecto ía ser tan duradeiro. Non era un santo, era un demo, quere que faga todo o que diga pero eu non quero.
Agora somos guerreiras,
todos os medos van para a fogueira, agora imos para adiante,
non hai ninguén que nos pare. Nunca nos rendiremos,
todas unidas pronto venceremos. Se toca a unha tócasnos a todas. Escoita: coidado, machista, estás nesta lista.
Estás orgulloso de ser tan macho,
sempre me ofendes cando estás borracho. Nos bares tesme insultado,
ti es outra peza máis do patriarcado. Así que mira, non me vaciles.
Eu curo soa as miñas cicatrices;
non te quero xa na miña vida,
déixame ser Frida, quero ser coma Rosalía.

Estaba namorada de ti "baby" sempre souben o que quero era todo tan perfecto ía ser tan duradeiro. Non era un santo, era un demo, quere que faga todo o que diga pero eu non quero. Estaba namorada de ti "baby" sempre souben o que quero era todo tan perfecto ía ser tan duradeiro. Non era un santo, era un demo, quere que faga todo o que diga pero eu non quero.

Agora somos guerreiras,
todos os medos van para a fogueira, agora imos para adiante,
non hai ninguén que nos pare. Nunca nos rendiremos,
todas unidas pronto venceremos. Se toca a unha tócasnos a todas. Escoita: coidado, machista, estás nesta lista.

xoves, agosto 20, 2020

Un ano sen ti

 Un ano xa! 365 días nos que andamos a te procurar, a falar contigo agardando unha resposta que non sempre obtivemos. Seguimos véndote pola rúa, sempre co teu sorriso pícaro e luminoso. Seguiches aquí, nos corredores do Laxeiro, poñendo paz, bailando harmonía.

365 días nos que moitas cousas antes impensables ocorreron. Cantas veces me sorprendín falando contigo, preguntándoche que opinabas nese momento. Cantas veces te botei de menos: cada día ao saír das aulas, porque xa non tiña un compañeiro que me agardase na volta á casa (cargando cos libros ademais!!!). Cada día ao entrar no instituto e saber que non podía cruzar a porta para preguntarche por novos cotilleos do noso prezado alumnado. Cada día, ao mirar o xornal e saber que xa non ías facer o sudoku mentres me acompañabas na biblioteca. Cada fin de semana, cando xa non ías ver o futbol con eles. Cada día, coa túa familia. 

Botámoste de menos todos e cada un destes 365 días que pasaron. Eras tan, tan grande, que nada nin ninguén poderá encher ese enorme oco que sementaches no noso corazón. Ás veces paréceme verte aí, convertido nun trasno rideiro e traste, facendo algunha falcatruada... pequeniña, porque o teu corazón é tan xigantesco que es incapaz de facer dano nin por un segundo. Segues aquí, porque así é como queremos terte arestora: nos nosos corazóns, disposto a facernos cóxegas para sentirte. Unha cóxegas doces e amargas que nos lembran, unha e outra vez, a túa ausencia real. 

365 días de abandono. A luz da biblioteca non brillou coa mesma intensidade. Os corredores foron marcados sen as túas alancadas. A árbore de nadal non tivo anxiño. A beirarrúa non foi pisada polos teus pasos. E o acivro camiña lento ao ceo na túa procura.

Coido que estás nas galaxias ollándonos. Orgulloso da túa Lucía, a quen tanto queremos. Tentando que elas, sempre elas, sintan a túa man silenciosa, agora opaca, sempre presente. Ás veces as bágoas non deixan verte con claridade. Maldita a tristura desta nostalxia infinita!



domingo, agosto 09, 2020