sábado, agosto 13, 2016

CONFIGURACION XEOPOLITICA DA GALIZA

Topamos esta información tan interesante aquí.


Sobre dos moitos erros -intencionados ou non-, cometidos pola historiografía, hai un moi rechamante: é o de proclamar, vinte séculos despois, Provincia romana a HISPANIA. A realidade é teimuda e sabemos que os romanos dividiron a Península Ibérica en distintas ocasións asegún os seus propios intereses.

“No século III, a primeira Galicia, e falamos da Galicia institucionalizada, é dicir, da Gallaecia romana, comprendía o cuadrante noroccidental da península e repartíase nos tres coñecidos conventos xurídicos : o bracarense, o lucense e o asturiciense. Nesta distribución xeográfica a Galicia actual coincidiría aproximadamente, salvo en certas áreas estremeiras, co convento lucense” Así escribe ANSELMO LOPEZ CARREIRA, no seu capítulo do libro colectivo coordinado por Isidro Dubert, e que seguimos neste comentario. Facemos fincapé en que o autor especifica que está a falar da Galiza institucionalizada, xa que a outra Galiza, a dos castros a da civilización céltica, sobre a que os romanos, poida que tivese certa orgaización, pero que se sepa non chegaron a ter institucións que abarcasen a todo o territorio chamado hoxe galego.

A comenzo do século IV- no ano 305 d.C.- o emperador Diocleciano, reestructura o Imperio, creando a provincia de Gallaecia. Co que a Galiza institucionalizada polos romanos, anexionábase “o convento cluniaciense, na submeseta norte, soar da futura Castela”. Lémbranos Anselmo que agora nesta ampliación dentro da chamada Gallaecia, xa hai pobos que non son propiamente galaicos.

No 411 entran os suevos e desprazan os marcos da Galicia histórica cara ao sur do río Douro, en terras que coa orgaización romana eran a Lusitania.

No século VII, Galiza formando parte do reino visigodo,  volta a ser o que era na Gallaecia romana, xa que o metropolitano de Mérida reclamou e así se lle reconoceu que as sés de Idaña, Coimbra, Viseu e Lamego, eran lusitanas e non galaicas.

Pero no século VIII, desaparecido o reino visigodo, e nos dous seguintes séculos, ” a Galicia que reaparece entre unha documentación escasa e confusa vese outra vez notablemente ampliada, acorde territorialmente  coa establecida en época sueva, ou incluso algo aínda maior, pois ese vai ser o nome aplicado a todo o ámbito cristián do norte peninsular, excepción feita dos diminutos señoríos pirenaicos dependentes do imperio franco”. Comenta López Carreira, que  isto supón desbotar a teoría da fractura histórica, da perda de España, tras da invasión musulmá, xa que o reino de Galicia, que comprende casi todo o norte peninsular, non soio non despareceu senón que mesmo se ampliou.

” Será no século XII cando aquela área extensa que cómpre designar como Reino de Galicia se fracture de forma definitiva, cando se consolidan distintos espazos de poder feudal nas diferentes parte que o integran”. Será neste século no ano 1157, nace o reino independente de Castela, e no 1139 Afonso Enríquez é proclamado rei de Portugal. ” A partir desas datas a Galicia da época xa coincide coa Galicia actual, unha vez desaparecida definitivamente a antiga concepción  territorial procedente da Gallaecia romano-sueva. Fica a excepción do territorio berciano, que será galego ata finais do século XV, cando se lle confisca aos condes de Lemos e se constitúe nel o marquesado do Bierzo ou de Vilafranca e Ponferrada, que pasa ao dominio directo da coroa castelá”

E como remate no ano 1833, Galicia pasa de ser denominada reino, e divídese en catro provincias. Para o autor que estamos a seguir no comentario, é estraño que despois de tantos séculos nos documentos e dunha época de grande esplendor como foi o románico e a producción lírica medieval, o reino de Galicia desaparecese “dos anais do medievalismo peninsular nos inicios do XX, un fenómeno en extremo rechamante e digno de reflexión”. Cousa que para un que esto suscribe lémbralle aquela frase de Nebrija, la lengua es compañera del imperio, e o imperio escribe a súa propia historia na súa propia lingua. Por iso ten razón o Anselmo, cando reflexiona no artigo ao que voltaremos noutra ocasión, que a culpa tamén é dos galegos, por non ter escrito antes a nosa propia historia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario