No ano 2007 os responsables da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia solicitáronme un texto que animase a ler poesía para celebrar o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía.
O texto, que lin no Mercado de San Andrés na Coruña durante a
presentación oficial da campaña, publicouse nos principais medios de
comunicación do país e tivo unha excelente acollida nos centros de
ensino e nas bibliotecas públicas e escolares. Tituleino 5 motivos para ler poesía. Desde aquela, os meus 5 motivos para ler poesía circulan por internet, en pdf ou copiados nos blogs, espallados polas distintas redes sociais e
empregados como recurso didáctico. Non podo máis que agradecer ao
profesorado, ás persoas responsables das bibliotecas e aos lectores e
lectoras o entusiasmo con que acolleron e compartiron os 5 motivos para ler poesía.
Nestes anos tamén apareceu unha versión que se espallou por distintos blogs e que contén algunha frase que non é miña. Por exemplo, na primeira fase do quinto motivo aparece o seguinte:
«O importante da poesía non é obsesionarse con descifrala (besito tarantino), senón saber gozala, sentila, e intuíla».
Evidentemente, eu non son o autor dese besito tarantino, que non figuraba na versión orixinal e que non ten sentido ningún. Ao longo destes once anos, apareceu tamén unha tradución ao castelán, que non fixen eu, e que se espallou por lugares como as bibliotecas públicas españolas.
Así que, en vista da excelente aceptación que tiveron os meus 5 motivos para ler poesía, decidín revisalos, actualizalos, e lanzalos de novo nas vésperas do 21 de marzo de 2018.
En consecuencia, poño a disposición de quen o desexe, estes 5 motivos para ler poesía, revisados e actualizados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario