xoves, agosto 20, 2020

Un ano sen ti

 Un ano xa! 365 días nos que andamos a te procurar, a falar contigo agardando unha resposta que non sempre obtivemos. Seguimos véndote pola rúa, sempre co teu sorriso pícaro e luminoso. Seguiches aquí, nos corredores do Laxeiro, poñendo paz, bailando harmonía.

365 días nos que moitas cousas antes impensables ocorreron. Cantas veces me sorprendín falando contigo, preguntándoche que opinabas nese momento. Cantas veces te botei de menos: cada día ao saír das aulas, porque xa non tiña un compañeiro que me agardase na volta á casa (cargando cos libros ademais!!!). Cada día ao entrar no instituto e saber que non podía cruzar a porta para preguntarche por novos cotilleos do noso prezado alumnado. Cada día, ao mirar o xornal e saber que xa non ías facer o sudoku mentres me acompañabas na biblioteca. Cada fin de semana, cando xa non ías ver o futbol con eles. Cada día, coa túa familia. 

Botámoste de menos todos e cada un destes 365 días que pasaron. Eras tan, tan grande, que nada nin ninguén poderá encher ese enorme oco que sementaches no noso corazón. Ás veces paréceme verte aí, convertido nun trasno rideiro e traste, facendo algunha falcatruada... pequeniña, porque o teu corazón é tan xigantesco que es incapaz de facer dano nin por un segundo. Segues aquí, porque así é como queremos terte arestora: nos nosos corazóns, disposto a facernos cóxegas para sentirte. Unha cóxegas doces e amargas que nos lembran, unha e outra vez, a túa ausencia real. 

365 días de abandono. A luz da biblioteca non brillou coa mesma intensidade. Os corredores foron marcados sen as túas alancadas. A árbore de nadal non tivo anxiño. A beirarrúa non foi pisada polos teus pasos. E o acivro camiña lento ao ceo na túa procura.

Coido que estás nas galaxias ollándonos. Orgulloso da túa Lucía, a quen tanto queremos. Tentando que elas, sempre elas, sintan a túa man silenciosa, agora opaca, sempre presente. Ás veces as bágoas non deixan verte con claridade. Maldita a tristura desta nostalxia infinita!



3 comentarios:

  1. Foi onte e xa fai un ano. Foi un lóstrego que desencadenou a tormenta. Non te esquecemos. Eres tan grande que en ti non hai olvido. Grazas por facer que siga presente....sempre!
    O teu irmán da alma, Uxío.

    ResponderEliminar
  2. Realmente foi unha pérdida moi grande, de unha persoa tamen moi grande, tanto de estatura como de boa persoa, responsable, un bo amigo, eu nunca coincidÍn con él en ninguna clase no Instituto Ramón Mª Aller Ulloa, pero o via cando iba para a súa clase, polos pasillos, e sempre un "hola", coñecidos porque os dous éramos de Lalin, coñecidos porque tivemos amigos en común, tiña toda a súa vida por diante, pero o destino nin a morte teñen presente cantos anos tes, nin si eres unha boa persoa, como era él. D.E.P

    ResponderEliminar
  3. Acabo de facer o comentario, son Mary González

    ResponderEliminar