martes, abril 05, 2022

Contra a invasión de Ucraína

 Hoxe realizamos un pequeno acto no patio en contra da invasión de Ucraína por parte de Rusia. Pero tampouco esquecemos outros conflitos bélicos.

 

 












41 días de guerra en Ucraína.

Perdón. Non é unha guerra, é un agresión militar por parte doutro país, Rusia.

Cando pensabamos que este horror só podería suceder lonxe de nós, Europa volve a ser o escenario. Un país que está ao noso carón. Por iso mirámolo con máis atención.

Pero… debemos actuar así? Somos conscientes de que a nosa solidariedade adoita ser finxida? Quizais o que nos preocupa agora é que Europa está en crise, e nós somos europeos e europeas?

As guerras non están só nos medios de comunicación. Os campos de batalla, os reais, son as rúas de todas as cidades, das vilas coma a nosa. Espazos nos que a xente común (nosoutros e nosoutras), as principais vítimas, ven como a súa forma de vida desaparece e imponse a destrución, o medo, a fuxida, ou a morte en último caso. Onte lemos con angustia que había unha fosa común de centos de civís. Isto significa que hai unha masacre poucas veces sentida nas guerras europeas. Sospéitase que hai execucións sumarias: as forzas rusas eliminan poboación civil sen ningún tipo de xustificación e garantía xurídica. Temos que lembrar que hai lexislación humanitaria mundial para protexer dos abusos á poboación civil. E isto non se está respectando.

As guerras teñen como obxectivo a destrución, tanto material como emocional.

E sobran os exemplos. Agora falamos de Ucraína. Pero hai moitos outros conflitos bélicos. Siria, Etiopía, Nixeria, Somalia, México, Tíbet, Kurdistán… A violencia é exercida en moitos lugares e de diferentes maneiras.

Por iso, desde aquí queremos berrar coas nosas voces para declarar que NUNCA existe unha xustificación da violencia. Sabemos que a PAZ é o único xeito de construír unha sociedade libre, segura e xusta.

Hai uns días celebramos o Día da muller. Hoxe queremos pensar especialmente nelas, porque adoitan ser as grandes perdedoras en todos os conflitos. Vítimas de violacións, de escarnios públicos, de explotación. Dobremente vítimas antes de seren vítimas da guerra. Os conflitos amplían as diferenzas entre homes e mulleres.

Lembremos Afganistán e todas as leis que prohíben a liberdade das mulleres, mesmo o feito de iren á escola.

Lembremos as mulleres nixerianas, que sofren mutilacións xenitais, lapidacións, escravitude sexual…

As mulleres de Iemen ou de Siria, utilizadas como arma de humillación para establecer o temor como forma de vida.

As mulleres que son perseguidas pola súa condición étnica en Myanmar, en Etiopía.

As mulleres que son vítimas da violencia extrema exercidas polas organizacións criminais do narcotráfico en México ou en Colombia.

Todas as mulleres que caen presas das redes de trata mentres tratan de fuxir do espanto en todas as áreas en conflito do planeta. E que en países como España son convertidas en prostitutas mentres miramos, novamente, para outro lado.

A memoria dos pobos e os libros de historia levan décadas advertíndonos de que podiamos repetir erros do pasado. Depende de nós parar.

                NON Á GUERRA


Ningún comentario:

Publicar un comentario