luns, novembro 27, 2023

25N, o manifesto

 O manifesto que lemos o día 27, luns no que realizamos as actividades en contra da violencia de xénero no noso centro:

MIL DUASCENTAS TRINTA E NOVE.

Podemos repetir esta cifra:

MIL DUASCENTAS TRINTA E NOVE.

Seguramente non o recordemos, pero o pasado 25 de novembro comezabamos o noso discurso con outra cifra: MIL CENTO SESENTA E SETE; esta correspondíase co número de mulleres asasinadas dende o ano 2003, momento no que se empezaron a recompilar estes datos.

Como vedes, a cifra aumentou.

Cada ano asasínanse máis e máis mulleres polo feito de selo. Porque a violencia machista é iso: maltratar e matar persoas pola súa condición de mulleres. Nada máis.

E nada menos. 

Porén, a violencia que se exerce contra nós, as mulleres, vai máis alá dun golpe, vai máis alá dun asasinato...

Esta violencia forma parte dun sistema heteropatriarcal que nos somete e que nos oprime. A violencia machista tamén é Rubiales, tamén son os puteros, tamén é ese home que unicamente mira as mulleres con tetas e vulva a quen tocar; é o control; é ter que levantar a voz para que se nos escoite.

Hoxe, 25 de novembro, concentrámonos en nome das irmás Mirabal, e de todas as persoas vítimas de violencias machistas, para visibilizar un problema que non remata e para amosar a nosa repudia, indignación e sororidade. Xuntámonos tamén para comunicarnos que non estamos soas, que esta loita ten que ser colectiva e que, como di Paul B. Preciado: a ficción non se opón á verdade, e cada vida individual é unha historia colectiva.   

Dende o IES Laxeiro, dicimos NON á violencia machista, amosamos a nosa INDIGNACIÓN ante esta realidade que continúa a abafarnos, e pedimos REFLEXIÓN DISIDENTE. Porque o futuro será feminista ou non será, e porque estamos fartas de vivir nunha sociedade na que moitas das persoas que a compoñen continúan crendo que a diferenza entre homes e mulleres unicamente depende do xenital co que nacemos.

Temos que seguir defendendo o poder da solidariedade colectiva como a única forma de combater as inxustizas que nos rodean e nos atravesan como mulleres É importante seguir unidas desde a mirada feminista, protexéndonos, coidándonos, e esixindo o dereito a vivir unha vida digna. Por todo isto, hoxe e sempre, repetimos*:

Querémonos vivas

Nin unha menos!!!

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario