venres, marzo 01, 2019

Empoderamento positivo


27 de febreiro. Alumnado de ciclos e bacharelato asistiu á proxección do documental "Tecido resistente", no salón de actos Manuel Rivas do IES Laxeiro.
Marina Chiavegatto,  xornalista e directora do documental, presentou e respondeu  ás preguntas do alumnado sobre o proceso creativo da obra.
En "Tecido resistente" un grupo de mulleres, traballadoras da fábrica "Hilados y Tejidos de  Vilasantar" contan o que significou para as súas vidas a incorporación ao mundo do traballo asalariado. Sen ser de todo conscientes da revolución tranquila que estaban protagonizando, a mediados do século pasado, máis de 300 mulleres descubriron que un traballo e un salario significaban a súa independencia e a posibilidade de cambiar a economía e a organización social dunha comarca.








xoves, febreiro 28, 2019

Hai que empezar xa

 Greta Thunberg (2003), activista contra o cambio climático, participou no agosto pasado nas folgas estudiantís realizadas fronte ao Parlamento sueco para tentar xerar conciencia sobre o cambio climático.Nesta conferenia solicita unha acción inmediata ante a grave situación provocada polo cambio climático

 Vía

mércores, febreiro 27, 2019

Exposición de Eva Mirás




O Espazo Xove de Lalín inagura o día 4 de marzo unha mostra de fotografías dixitais en diferente formato, autoría de Eva Mirás.

Eva Mirás Gende é graduada en Belas Artes pola Universiade de Vigo, na actualidade cursa o mestrado de Mercadotecnia Dixital, Social Media & Community Manager na Universidade Complutense de Madrid.

O día 4 de marzo presenta no Espazo Xove de Lalín   o proxecto Nu onde reflexiona sobre a problemática do corpo feminino como individualidade, reafirmándoo como “suxeito empoderado” e non coma “obxecto de contemplación”.

A intención da autora di, “é plasmar o corpo cunha perspectiva forzada, que o ensalce, o monumentalice e que as formas primarias do mesmo funcionen como pinceladas e texturas proxectadas por medio dos pregos carnais. As posturas son aleatorias, deixando fluír o corpo dun xeito natural e sen prexuízos, xogando coa distancia cara a cámara e o movemento como pulo para fortalecer as imaxes. Isto, á súa vez, trata de romper cun canón de beleza estabelecido e uns cortes sociais que tentan condicionar o noso comportamento encasillándoo segundo a nosa cultura.”

A exposición permanecerá aberta ata o 2 de maio , en horario de 9:30 a 13:30 e de 16:00-21:00 de luns a venres.

domingo, febreiro 24, 2019

Canto sabes de Rosalía de Castro?

Hoxe é o Día de Rosalía. Precioso o vídeo que realizaron no concello da Estrada:





Dende GCiencia propoñen este xogo para mirarmos canto sabemos de Rosalía. Animádevos! Premede na ligazón:

https://www.gciencia.com/wp_quiz/canto-sabes-de-rosalia-de-castro/?fbclid=IwAR3uuReSIRwRGl4WmQDZ_boUa3m7hF6DhOLZFm6JLvZIu7WE_1UEHiPxQMY

xoves, febreiro 21, 2019

Feminicidios e desaparición de mulleres en México

 Mañá visitaranos no instituto a Defensora dos Dereitos Humanos, Aleida Quintana: activista, antropóloga social e defensora dos dereitos humanos, Aleida Quintana, realizaba traballos de acompañamiento e desenvolvendo bases de datos de familias de persoas desaparecidas, vítimas de tráfico de persoas, feminicidios, explotación sexual, traballo forzado, violencia doméstica, etc. Tivo que fuxir a España baixo a protección de Amnistía Internacional logo de recibir agresións e amenazas de morte.

As/os defensoras/es dos Dereitos Humanos son persoas que están en perigo de morte ou de sufrir desaparicións forzadas, detencións ilegais ou calquera violación grave dos seus dereitos civís. Con frecuencia están ameazadas e sufriron asasinatos, torturas ou represión grave na súa familia ou persoas próximas. Amnistía Internacional proporciona un ano de protección a estas persoas, durante o cal se lles ofrece residencia fóra do seu país. 





martes, febreiro 19, 2019

martes, febreiro 05, 2019

Represaliadas

Montse Fajardo veu ao noso centro para nos lembrar as consecuencias da Guerra Civil o martes 29 de xaneiro. Centrouse nas mulleres, sempre máis esquecidas, para lle poñer nome e apelidos a moitas das mullers que foron asasinadas, violadas, rapadas...
E así, lembramos que o Día da Paz é tamén aquel que merece ser chamado así por ter Memoria Histórica

















sábado, febreiro 02, 2019

'Red de Bibliotecas de Mujeres: 25 años de historia'

Este documental foi elaborado polo Centro de Documentación "María Zambrano" do Instituto Andaluz da Muller para conmemorar o 25º aniversario da Rede de Centros de Documentación e Bibliotecas de Mulleres. Un repaso pola historia recente das bibliotecas feministas no Estado Español.



domingo, xaneiro 20, 2019

Coming Ashore

Imposible non avergoñarse de nós, de pertencer a un estado e a unha Europa que atenta contra os Dereitos Humanos.


Coming Ashore from Coming Ashore on Vimeo.

sábado, decembro 22, 2018

Conquistando Celanova

Primeiro percorremos as rutas dos protagonistas da Esmorga. E logo seguimos os pasos dos nosos poetas máis sobranceiros por terras de Celanova. Un día inesquecible co alumnado de 1º de Bacharelato.






martes, decembro 18, 2018

Árbore de Nadal Científica

Este curso no IES Laxeiro estamos intentando facer máis visible a ciencia, participamos na semana STEM (25 alumnas e alumnos de 1ºESO), e foinos concedido o club de ciencia pola consellaría, polo que chegadas estas datas pensamos que a decoración tamén tiña que facer visible este aspecto.

Inspirándonos en que moitos laboratorios usan o seu propio material para decorar e acordándonos que o día da Ciencia en galego , que celebramos o 6 de novembro, a práctica de medición do pH, feita por alumnado de 4ºESO, quedara moi vistosa, desenvolvemos a idea de facer unha árbore de Nadal usando os balóns do laboratorio e os resultados da práctica de ciencias de medición do pH cun indicador natural.

Alumnado de 2ºbacharelato de ciencias fixo a práctica : 
 
Medición de pH usando COL LOMBARDA
que consiste en:

1º - Preparar o estrato de lombarda, cortando e fervendo a col e filtrando o líquido obtido, que será o que funciona como indicador.
2º – Estudar como este indicador natural se comporta ao enfrontalo a diferentes substancias, xa que ao engadilo a elas estas toman diferentes cores en función do seu pH

Tamén se fixeron algúns balóns usando indicadores de pH químicos, como o verde metilo, no laboratorio de física e química.


ÁCIDO
NEUTRO
BÁSICO
Zume de limón
Vinagre
Auga destilada
Bicarbonato Sódico
Amoníaco
Vermello
Rosa-Vermello
Violeta-Craro
Azul-Verde
Verde

Para darlle un pouco de decoración de natividade coroouse a árbore cunha estrela feita coa técnica da papiroflexia, decoramos a mesa cun papel vermello cheo de notacións das diferentes ciencias: matemáticas, física, química orgánica,... e ao fondo escribimos a descrición da práctica para que o alumnado poida ver que esas cores son resultado dun experimento científico feito no noso laboratorio.

Quixemos tamén, felicitar as festas usando elementos químicos da táboa periódica, gardando o rigor ao elixir as cores para cada grupo de elementos.

Fe Li Ce S Fe S Ta S I Es La Xe I Rh O

O obxectivo principal desta decoración é facerlle ver ao alumnado que a ciencia está presente no noso entorno e que aínda que ten unha parte árida no seu estudo, tamén ten unha parte divertida e atrainte que compensa o esforzo.

O profesorado que participou nesta actividade é dos distintos departamentos, Bioloxía, Física e Química, Tecnoloxía e Matemáticas, equipo da Biblioteca,  xunto con moitas ideas aportadas por outros profesores que puxeron o seu grao de area axudando a colocar ou valorando o traballo feito,  
GRAZAS A TODAS E TODOS.








E saímos na prensa: