O día 5 de novembro tivemos o pracer de acudir a unha cita con Gonzalo Navaza para contarnos novas sobre a vida do noso Matemático de Bermés: José Rodríguez. El contounos moitos detalles da súa vida e da súa intelixencia.
José Rodríguez
González, “O matemático de Bermés”, naceu en 1770 na parroquia lalinense de
Bermés, no seo dunha familia de labregos. Desde pequeno destacou polo seu
talento nas matemáticas, o que motiva a un tío cura deste a levalo a estudar ao
Seminario de Monforte de Lemos e máis tarde á Universidade de Santiago.
En Santiago estuda
Teoloxía, pero son as Matemáticas as que realmente o apaixoan e para as que
está ben dotado, logrando unha cátedra desta disciplina na Universidade.
Con ansias de ampliar
sempre os seus coñecementos, solicita saír a Londres ou París na última década
do século XVIII. Logra ir a París e alí ponse en contacto con personalidades
moi destacadas nos estudos e aplicacións matemáticas e mineralóxicas. Coñece a
Haüy, o gran cristalógrafo francés, que lle regala unha colección de figuras
dos sistemas de cristalización dos minerais, e que aínda se conserva no Museo
de Historia Natural “Luis Iglesias” da Universidade de Santiago.
En plena invasión
napoleónica de España colabora co matemático francés François Arago na medida
do meridiano que vai desde Alburquerque en Francia ata Barcelona, coa idea de
calcular con precisión a medida do metro, unidade de medida do sistema decimal
que se quería instaurar a nivel internacional naquela época.
A partir de 1810
visita o Reino Unido e alí desenvolve unha grande actividade científica moi
diversa, segue interesándose pola mineraloxía pero tamén a fabricación de
buques, e non abandona as matemáticas onde realiza cálculos moi precisos para
determinar a forma da Terra.
Despois da expulsión
dos franceses de España vai para Madrid e destapa a súa faceta política,
chegando a ser deputado nas cortes polo goberno liberal que abrazou a
Constitución de 1812.
Coa implantación, de
novo, do absolutismo deixa a política pero non a súa faceta científica pois no
ano 1819 pasa a dirixir o observatorio astronómico de Madrid e nestes anos
viaxa moito a Galicia medrando nel un forte sentimento protogaleguista que
fomenta e apoia xunto con outros galegos afincados na capital do reino.
Xa en Galicia morre
en 1824 en Santiago, onde está enterrado no Mosteiro de San Agostiño nalgunha
tumba sen lápida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario