mércores, xuño 15, 2016

Sen fume pero con premio (Clases sen fume IV)

Hai pouco comentabámosvos que eramos finalistas. Agora anunciamos que somos premiados. Si, si, primeiro premio! Todo, grazas ao vídeo “Des-Marca-Te do tabaco”






O premio foi entregado pola Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado, dona Cecilia Vázquez. Recolleron o premio a delegada e a subdelegada de 2º C, Noa Villar e Noa Presas, respectivamente.
Na entrega de premios estivemos con outros centros  (IES de Teis, IES Xulián Magariños de Negreira, IES Castroverde, Mercedarios de Verín, IES Otero Pedrayo de Ourense…. entre outros) para descubrir que gañaramos o o 1º premio da categoría de actividade creativa, así como o premio de actividade innovadora para o titor.
Así que a finais de xuño desfrutaremos de 5 días no albergue xuvenil As Mariñas en Gandarío, nun campamento multiaventura.
Gracias aos docentes que colaboraron con nós, (Quiroga, Xosé Manuel…), felicitar a 1º B e 1º C que tamén concursaran e animarvos a todo o alumnado de 1º e 2º ESO do curso 2016-17 para que participedes.
O titor, Manuel Busto, falou deste xeito:


Ola, bos días. Encoméndanme que dirixa unhas palabras a este auditorio na condición de titor da ESO que participou cos seus alumnos neste concurso de CLASES SEN FUME.
O concurso ten como obxectivo primordial a prevención do tabaquismo nos adolescentes que cursades 1º e 2º da ESO.
Os profesores que nos involucramos nesta actividade agradecemos esta iniciativa da Consellería de Sanidade, durante anos, pois apoia o noso cometido de procurarvos unha educación integral, na que a educación para a saúde debe ser un piar fundamental. O concurso máis que promover a competencia propia de calquera concurso, trata de educar e concienciar con información médica, científica e rigorosa, instruír e convencer con actividades creativas nas sesións de titoría.
Todas as medidas  axudan e son necesarias. Porque educar na adolescencia require moita habilidade. A adolescencia é unha etapa tan intensa e marabillosa na vida dunha persoa como susceptible de incorrer en erros con facilidade. As persoas necesitamos información e persuasión para conducirnos polos camiños da vida.  O camino da procura da saúde ninguén negará que é o camino correcto.
A priori, todos diríamos hoxe coa información que posuímos, que fumar atenta seriamente contra a nosa saúde. Mais, aínda sabéndoo, o ser humano din que é  a única especie do planeta capaz de facerse dano a si mesma de maneira consciente. Por iso cómpre á beira da moita e cualificada información, unha gran dose de persuasión.
Considero moi apropiado dirixir este concurso ao alumnado de 1º e 2º da ESO. É un proxecto que parte da mellor base. Vén a educarvos cando a gran maioría de vós nunca vos iniciastes no hábito de fumar. E apela á mellor das medicinas: a preventiva. Como di o refrán : ”Mellor previr que curar”.
Dou remate a esta alocución formulando un desexo desde a miña traxectoria vital sen tabaco (educar co exemplo): Gustaríame que todos os adolescentes que hoxe estades aquí gocedes dunha vida saudable, sen cabida para o tabaco; que teñades a suficiente asertividade para rexeitar un pitillo cando alguén volo ofreza, que as vosas casas sexan fogares de aire limpo e que os vosos futuros fillos nunca teñan que ser fumadores pasivos  do tabaco que consomen seus país.

E colorín colorado, oxalá en pouco tempo este fume (o do tabaco)  estea acabado, segundo dicimos no vídeo que elaboramos.

Mirade alguns do momentos da ceremonia de entrega de premios…













Moitos parabéns!!!

Tamén na prensa:
Faro de Vigo



Ningún comentario:

Publicar un comentario