domingo, novembro 17, 2019

Máis alá da aula

E o día chegou. Un día cheo de emocións, de bágoas, un día no que Luís Gustavo foi quen de tirarnos aínda agora máis dun sorriso. Luís Gustavo era moito más ca un xefe de estudos. Moito máis ca un profesor de Física e Química. Moito máis ca un compañeiro. Moito máis ca un esposo. Moito máis ca un fillo. Moito máis ca un pai. Todo el era "moito máis".
Si, seino. Cando alguén morre, quen queda limítase a enxalzar todo canto de bo tivo a persoa que vén de falecer. Pero é tan diferente neste caso! Os testemuños aportados polo seu exalumnado, feito motu proprio e dende o corazón, son unha proba diso. Pero a maior proba foi a cantidade de xente que onte veu ao noso centro. O noso salón de actos non estaba cheo, estábao máis. O vestíbulo, o patio de fóra... E non só era a cantidade, era o silencio, o respecto, a estima, o amor que se respiraba... e era tamén o orgullo de formar parte dunha comunidade educativa que responde cando hai que facelo, era o orgullo de profesora vendo a ese alumnado implicado, a ese alumnado músico, a ese alumnado silencioso, a ese alumnado axudante... Luís Gustavo estaba alí entre nós, sorrindo, orgulloso de que todo saíse ben. Sentín que ao rematar unha palmada súa me dicía cariñoso, vez máis: ves como non era para tanto? Sempre te pos demasiado nerviosa e sempre sae todo ben...
Seguimos chorándote, Luís Gustavo. 





Na prensa:


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2019/11/17/luis-gustavo-corazon-laxeiro/0003_201911D17C3991.htm

https://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2019/11/17/o-ies-laxeiro-lembra-ao/2203775.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario