O pasado día 29 de Abril, un equipo de 4º de
ESO do IES Laxeiro formado polas alumnas Rosalía Díaz Cordido, Suevia Jácome
Belay e Iria Lareu Coego , baixo a dirección do profesor Xusto Calvo Peña,
defenderon na Domus de A Coruña as conclusións do seu traballo de investigación
científica
“Inflúe a alimentación das galiñas na túa tortilla?.
Participabamos con el na XVIII edición do
concurso de Investigación científica na escola “Luis Freire” que de xeito
ininterrumpido levan organizando os museos científicos coruñeses dende o ano
2000. Xunto ao noso participaron os centros “Poeta Uxío Novoneira” de Folgoso
do Courel co traballo “Hai armiño e donicela no Courel?” finalmente gañadores
do certame, e Obradoiro de A Coruña co tema “Son efectivos os ácidos contra o
anisakis?”, 3ª premio.
Así pois quedamos segundos e o xurado valorou
a calidade metodolóxica e a utilidade das nosas conclusións para outorgárnolo.
Para contestar á nosa pregunta partimos de dous grupos de galiñas: un deles foi
alimentado de xeito tradicional con verzas, millo, restos da comida da casa e o
que obtiñan pola súa conta, xa que estas
galiñas estaban en réxime de semiliberdade e podían campear libremente durante
6 ou 8 horas diarias. O outro grupo pola contra non podía saír do galiñeiro e
alimentouse exclusivamente con penso. Recollemos a produción de ovos durante
10 días, pesamos cada un deles e calculamos media e varianza cos datos
extraídos. Coa produción dos últimos días realizamos unhas tortillas nas
instalación do instituto e sometémolas a unha cata a cegas por parte do
profesorado…
Cales foron as nosas conclusións?:
-
Os ovos “a penso” foron de media
máis grandes e máis homoxéneos entre eles que os “caseiros” nos que atopamos
moita diferenza de tamaño
-
As tortillas realizadas cos ovos
caseiros foron mellor valoradas no apartado de sabor, pero non en canto a “aspecto”
e “textura”, moi igualadas meses parámetros cos “industriais”
-
Realmente a xente non diferencia
claramente uns ovos de outros.
As nosas conclusións foron que ese maior
tamaño e homoxeneidade nos ovos “a penso” explica a preferencia desta alimentación
por parte da industria. As diferencias de tamaño dos ovos caseiros pode
explicarse polo carácter xerárquico das galiñas, decisivo cando entran en
competencia por unha fonte de alimentación discontinua que non se manifestaría
na mesma medida cando teñen a libre disposición alimento en forma de penso .
Tamén que a alimentación natural redunda nun mellor sabor dos ovos aínda que a
xente non discrimine claramente a súa orixe.
O premio á nosa investigación foi un ipad a
cada un dos participantes e a entrada libre aos tres museos científicos durante
a xornada, tanto para nós como para os acompañantes xa que as familias das
alumnas quixeron estar con elas nese día. Non era para menos xa que os dous
grupos de galiñas suxeitos da nosa investigación eran as das avoas de Suevia e
Iria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario