En realidade, Alba prestouse para facer a presentación do libro no acto que se realizou onte no noso Salón de Actos.
Así que, dobremente, grazas Alba!
Xaquín é un ancián que está a pasar os seus
últimos anos nunha residencia. Un bo día,desaparece da man dun parado e xuntos
emprenden unha viaxe cara ao mar. A súa
procura, rapidamente, comeza a desencadear unha serie de inesperados sucesos e
enredos. Paralelamente, o señor Xaquín recuperará na súa viaxe unha historia
que parecía agochada no máis fondo dos seus mellores recordos. Por suposto, e
coma non podía ser doutro xeito, trátase dunha historia de amor. Todo isto,
conduciranos a un sorprendente desenlace onde se porán de manifesto a avaricia,
a manipulación e as mentiras. Así, a novela remata, tal e como describe o
autor, nun deses momentos nos que a vida,
coma nunha película, debería, e non dá, empezar de novo ou non ser verdade.
Zapatillas
rotas é a quinta novela de Xabier Quiroga. Coma en moitas das
anteriores, abórdase un tema moi destacado: a Guerra Civil. Desta volta
tratarase este tema da man do señor Xaquín, que nos trasladará á época
franquista a través dos seus recordos. Unido a isto, tamén se pode ver como
influíu a represión na actualidade e, especialmente, na xente daquela época.
Finalmente, Zapatillas rotas comparte
co resto da súa obra a ambientación na paisaxe galega, compartindo incluso
lugares comúns coma a braña de Bouzuás.
Por outra banda, esta novela ten unha forte
carga de denuncia: primeiramente, aos medios de comunicación. Ao tratarse dun
secuestro, estes xogan un papel fundamental ao longo de toda a trama. Na obra,
os xornais e a televisión manipulan a información, terxiversan a realidade ou
cometen constantes erros no relato dos sucesos. Todo isto non está lonxe da
realidade: no día a día todos podemos observar como a mesma noticia pode
adoptar distintos titulares segundo os xornais, como se selecciona a
información e, por suposto, como se manipula para favorecer ou prexudicar aos
involucrados. En segundo lugar, tamén se fai unha crítica moi forte á actual
situación do noso país: a crise. Un dos protagonistas principais é un parado e
nel maniféstase o peor do ser humano en tempos de crise: a falla de escrúpulos,
a xenreira e a avaricia. Pode que pareza unha esaxeración, pero se o pensamos
en frío, convivimos con isto todos os días: a mala situación económica que
estamos a atravesar deriva en crimes, roubos e continua falla de caridade… Algo
que se reflicte páxina a páxina nesta obra. Finalmente, Zapatillas rotas tamén mostra a actual situación de diglosia na que
nos atopamos: Vanesa, a rapaza máis nova, exprésase en castelán, tal e como foi
educada. Isto non é máis ca unha proba de como a xente nova, cada día, se
expresa menos na nosa lingua, deixándoa nun segundo plano. Nese sentido é moi
importante a creación de obras literarias, coma esta. Nós, os adolescentes,
somos os que debemos loitar pola conservación da nosa lingua e, por iso, é moi
importante que teñamos contacto con obras coma Zapatillas rotas, que fan un importante labor de recuperación do
noso idioma e fomentan o seu emprego.
Sorrisos, enfados, gargalladas, amor, bágoas,
intriga, decepción… Zapatillas rotas
comprende, na súa totalidade, unha gran mestura de sentimentos. Persoalmente,
eu sentinme moi vinculada coa historia: o feito de que o espazo e o tempo sexa
o noso presente, e a variedade de idades entre os personaxes fai que conectes
moi rápido ca trama. Ademais, esta
sucede coma a vida mesma: en medio dun misterioso crime atopámonos con pequenas
doses de humor, de sarcasmo, de emocións, de suspense… convertendo así a obra
nunha historia moito máis humana e próxima.
Por todo isto, gustaríame pedirvos que empregarades
un anaco do voso tempo en ler a historia enfrascada entre as páxinas de Zapatillas rotas
Ningún comentario:
Publicar un comentario