sábado, decembro 19, 2015

Xa temos en papel o LIBRO DO MAL AMOR




Este mércores foi día grande no IES Laxeiro. O traballo do curso pasado veuse recompensado en forma de libro que accedeu a publicar a Secretaría Xeral de Igualdade. Foi día de nervios, dalgunha metedura de pata, de enfados, de discursos, de agradecementos e de esperanza. Non imos parar aquí, seguiremos a loitar cada día contra esta lacra social chamada FEMINICIDIO. Non, non cansamos.
O acto comezou cunha actuación de "Máis que danza", un grupo de Lalín que entre as súas orixinais coreografías tamén teñen en contra que hai que loitar dende todos os frentes e no que actúan alumnas e alumnos do noso centro.



Como aínda non temos os nosos propios vídeos deixámosvos un vídeo do mesmo baile que atopamos:




Logo, un grupo de alumnado de 4º de ESO, comandado pola profa de música Ana Dios, interpretaron unha canción orixinal que mestura melodía e rap.



E logo presentamos o libro. Na mesa, Uxío Grande, director deste centro, Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade, Román Rodríguez, Conselleiro de Educación e Gracia Santorum.



Hoxe é, para min, un día de agradecemento, pero tamén o é de esperanza.
Quero comezar dando as grazas a todo o equipo directivo, en especial ao director por confiar en min desde o momento en que crucei a porta deste centro.
Grazas ao Departamento de galego por colaborar e traballar na iniciativa. Fáltanos Hortensia,  tamén está aquí o froito do seu traballo.
Pero sobre todo, grazas ás nosas artistas, Mar e Arancha, porque sen elas nada disto sería posible. Son elas as que deberían estar nesta mesa,  non eu. Grazas pola ilusión coa que contemplan –contemplades- cada nova proposta; polas magníficas ilustracións realizadas; porque cada vez que chegaba unha nova colaboración mirábanme preguntando se esta sería a última, que cando acabaría unha bóla de neve que medraba cada día, mes a mes. Grazas por manter a ilusión e o exercicio do traballo como prioritario. A Mar debémoslle mesmo a maquetación do libro, e pódovos asegurar que foron moitas as horas empregadas e moitas as dores de cabeza!
Grazas a vós,  alumnado do centro, por escribir e ilustrar e sobre todo por cavilar o que supón esta lacra social chamada violencia de xénero. De todos os vosos traballos escollemos 152 por cuestións de espazo.
Grazas aos 42 escritores e escritoras que colaboraron desinteresadamente. Grazas, Carlos Negro, porque ti iniciaches esta parte do proxecto e estás hoxe connosco para celebralo; grazas, Chus Pato, por seguir adiante e por vir canda nós esta mañá a celebralo.
Grazas a Susana, Secretaria Xeral de Igualdade, por nos apoiar dende o momento en que te visitamos.
E grazas ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, por facer que isto medre.

Somos educadores e educadoras, e o noso discurso sempre parte deste punto de vista; ser profesor ou profesora acarrea unha responsabilidade engadida, a de sermos faros de conduta. Este proxecto serve para reafirmarnos nunha idea que pretendemos transmitirvos: que  debemos loitar por perseguir os nosos soños e que estes só se conseguen a base de traballo e esforzo. Esa falsa idea de que todo nos vén dado facilmente debemos desbotala; o feito de estarmos hoxe aquí, podedes estar seguros,  é a consecución de moito, moito traballo. Detrás deste libro hai horas e horas, pagadas co orgullo do traballo ben feito e do traballo en equipo que comparte preocupacións  e responsabilidade por unha educación igualitaria que remate na constitución dunha sociedade máis xusta. Que necesaria é a educación en igualdade! Así como temos unha figura de normalizador lingüístico deberiamos ter unha figura que nos guiase pola senda da igualdade; estou certa de que debería constituírse como unha materia máis do voso currículo.

Pero dicía que hoxe é un día de agradecemento e esperanza.

Esperanza, si, posta en vós, alumnado do IES Laxeiro, futuro do noso país, da nosa vila. Nas vosas mans está que a situación actual cambie. Unha situación que fala de que unha de cada oito mulleres sofre violencia física ou sexual por parte da súa parella. Pero a violencia vai máis alá. O 33% das españolas ten padecido violencia psicolóxica; a metade, acoso sexual; o 11% agresións sexuais antes do 15 anos. A violencia que exercen sobre nosoutras por pura cuestión de xénero é máis palpable aínda cando logramos acceder ao poder: o 75% das europeas que ocupan postos de responsabilidade nos seus traballos afirma ter sufrido acoso laboral.
Na última década máis de 700 mulleres foron asasinadas en España. É dicir, a violencia machista ten provocado máis vítimas que o terrorismo de ETA. E falamos de vítimas mortais, non das miles de mulleres que viven cada día atemorizadas, golpeadas, silenciadas, vilipendiadas...
Isto chámase FEMINICIDIO.
Sodes vós, mozos e mozas, quen pode construír un futuro en igualdade. Lemos e sabemos que constituídes arestora un grupo de risco, que vén dado por un problema estrutural de base, por unha sociedade que manda mensaxes negativas que vós aceptades e acatades sen cuestionar; cadeados nas pontes como símbolo de amor (cando o amor debe significar liberdade e respecto); libros e películas que enxalzan o mito do amor romántico (un amor romántico que relega a muller como obxecto do home); publicidade que nos mete polos ollos a idea de corpos perfectos esqueléticos que non envellecen e mesmo con imaxes violentas… Todas as mensaxes son negativas porque veñen dadas por unha sociedade patriarcal.
Claro que é fermoso sentir un millón de bolboretas no estómago cando estades namoradas. Pero esas bolboretas teñen ás, e as ás serven para voar. Cada vez que unha desas ás escacha, estanvos cortando unha parte da vosa liberdade individual.  E escachan tan facilmente!
Nas vosas ilustracións, nos vosos poemas, faciades fincapé no último estadío da violencia machista. Chamábanos a atención ao profesorado os vosos corazóns vermellos, partidos. Pero tedes que ter en conta que antes de chegar aí hai moitos pasos, e o primeiro deles é a negación da liberdade. Lembrade que só vós tedes esa liberdade individual e non podedes permitir que vola neguen, que encerren ese millón de bolboretas nun pequeno cuarto sen luz. Se esa habitación vai minguando, estanvos partindo en anaco as vosas ás, os vosos azos, os vosos anceios.

Debemos seguir loitando para que as estatísticas cambien. E para isto cómpre que os homes, os mozos, vós todos, entendades que home e muller son seres humanos, dotados e dotadas de dignidade, sen privilexios; necesitamos que vos unades na procura da xustiza social, na procura de ter relacións sas e igualitarias entre homes e mulleres..
Para evitar que as mulleres sigan sendo observadas nos seus traballos como obxectivos sexuais antes ca profesionais. Para que nas casas non exista un reparto de xénero das tarefas, aínda que case sempre se negue en público. Para que deixe de existir unha presión enfermiza para que as mulleres manteñan un aspecto de mocidade.

Si. Son feminista. Porque o feminismo procura a igualdade.

Na prensa:


Haikus en Lalín para luchar contra el mal amor 


 Un grito literario contra el machismo


Na web da Xunta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario