sábado, xaneiro 16, 2016

Séguese a falar de nós

Helena Villar Janeiro fala do noso Libro do Mal Amor no "Correo Gallego". Tamén no seu blogue http://helenavillarjaneiro.blogaliza.org




LIBRO DO MAL AMOR

Helena Villar Janeiro


A violencia machista percorre o mundo de diversos modos nunha escala variada de consecuencias que teñen no cume o feminicidio. Máis ou menos disimulado ou tolerado pola tradición e polas leis, o patriarcado sitúa a muller un paso detrás do home. Veño dicindo que, se superamos esta desigualdade estrutural, no futuro considerararase a situación pola que pasaron as mulleres -aínda hoxe no mundo que recoñece a igualdade nos dereitos humanos- máis anómala que a escrivitude da raza negra. As mulleres somos máis de metade da humanidade e a desigualdade non vén da man de mercadeiros sen escrúpulos e amos sen consideración, senón do contorno familiar, social e institucional que nos rodea.

Tan grave eiva só a pode vencer a educación, que é quen garante os cambios. Pero ha ser unha educación que mostre a igualdade real de mulleres e homes en todo o seu curriculum oculto, pois non chega con predicar, que hai que dar exemplo. A aprendizaxe da igualdade apréndese pola inmersión na igualdade. E niso tense que implicar a sociedade en xeral, moi particularmente os medios que transmiten valores máis ou menos ocultos nas mensaxes. O papel da familia é moi importante, máis tamén precisa que se interveña sobre ela pedagoxicamente por ser unha das grandes herdeiras e transmisoras dun comportamento viciado por moitos séculos. Neste concepto globalizador da educación, ten un destacado papel o sistema educativo oficial en toda a súa complexidade, desde os planos de estudo e a filosofía que os inspira, ata o trato persoal dos membros da comunidade educativa, pasando polos programas que desenvolven os planos, os materiais que se utilicen e as actividades de aprendizaxe que se propoñan.

No contexto de escola educadora para a igualdade e contra a violencia de xénero, naceu un proxecto colaborativo no IES Laxeiro (Lalín) da man da profesora Gracia Santorum, que foi involucrando departamentos e alumnado, arredor da idea do amor en igualdade, sen dominio nin violencia, na creación literaria a través dunha das formas-subxénero aparentemente máis sinxela: o haiku. Nestes pequenos poemas –tres versos de 5, 7 e 5 sílabas- arredor da relación de parella e contra o maltrato machista, o alumnado foi facendo os seus textos que pasaron a ser ilustrados por outro alumnado nas clases de educación artística. Ao alumnado seguírono profesoras e profesores que tamén fixeron o traballo de escribir e ilustrar haikus contra a violencia de xénero. Finalmente, 42 escritoras e escritores foron convidados a completar esta obra literaria, ilustrada por Mar García e Aránzazu Diñeiro. O resultado deste traballo foise mostrando de diversos modos a outros centros e ao público. Estivo en cartaces, nas redes sociais e nun blogue. Finalmente foi publicado pola Xunta de Galicia nun libro fermosísimo na forma, que honra o que o nome do centro representa, e selecto no contido que pretende transmitir: “Libro do mal amor. Contra a violencia de xénero”. Moitos parabéns.  


Ningún comentario:

Publicar un comentario