venres, decembro 25, 2015

Manuel Bragado fala do noso libro

O noso agasallo de Nadal veu este ano en forma de "post" no blogue de Manuel Bragado, falando do noso Libro do Mal Amor. Desde aquí queremos agradecerlle a súa xenerosidade e o pulo ofrecido a este proxecto que tanto nos ilusionou:


Onte 1541: «Libro do mal amor» do IES Laxeiro:

Cando visitei o IES Laxeiro de Lalín, Gracia Santorum agasalloume un exemplar do Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero. Unha auténtico alfaia, tanto pola calidade da edición como pola experiencia didáctica que supón, onde alumnado e profesorado do centro abordaron un labor colaborativo no que reflexionan sobre a violencia e o machismo utilizando os recursos expresivos da poesía e da ilustración. Traballo artístico ao que se sumaron máis de corenta escritores e escritoras que crearon cadanseu haiku denunciando o feminicidio. Máis alá da valiosa achega artística, tanto dos textos como da ilustración, este libro testemuña o interese dun enfoque didáctico transversal e interdisciplinar que aborda co alumnado de secundaria o ADN do machismo, onde xermola o mal amor, eses comportamentos de posesión que constitúen expresión do modelo de amor romántico tan nocivo. Parabéns por tan modélico traballo a Gracia Santorum, promotora da experiencia, como á comunidade educativa, que dirixe Uxío Grande. Orgullo de ensino público galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario