sábado, abril 11, 2015

As árbores son sagradas



Declarámonos firmes defensores do Medio Ambiente e da Natureza. Por iso apoiamos a Defensa das Fragas de Catasós. O outro día asistimos a unha concentración onde puidemos escoitar este fermoso manifesto, escrito por

Xesús GolmarRodríguez (1908-1962) no "Faro Vilalbés". Vilalba, 10 de outubro de 1933



As árbores son sagradas!!
As árbores son sagradas!! As árbores son sagradas!! As árbores son sagradas!!
Hai que repetir desesperadamente este clamor, como un toque a rebato, ata que non cesen esas sinistras hecatombes de árbores que a ignorancia e a imprevisión está consumando sobre o noso solo sen substituílas por outras da mesma ou distinta clase, preparando así desgrazas inmediatas e futuras catástrofes.
Hai que facer máis, nós que temos moitos montes incultos deberon as autoridades como persoas máis cultas e ilustradas tomar cartas no asunto e obrigar a plantar árbores novas que serían a base da riqueza e industria dos que nos sucedan.
Hai que facer moito máis aínda, hai que educar as masas no amor á árbore.
Á vez que se plante a árbore hai que sementar nos rústicos espíritos a semente do salvador evanxeo que preconiza a relixión da árbore, o culto a eses pasivos e benfeitores organismos, mil veces más útiles e necesarios que todos os individuos do reino animal.
En efecto: sen a árbore e a planta, nin os mesmos animais que se asocian ao traballo e cuxos despoxos utiliza o home poderían vivir.
O ser humano pode, á súa vez, substituír os elementos da súa alimentación animal cos produtos vexetais, gañando no cambio física e moralmente.
Así mesmo, pode substituír a enerxía animal que utiliza, pola forza de motores e máquinas; pero endexamais, en ningún caso podería o home prescindir da árbore e da planta.
A árbore produce froitos, combustible, material de construción, resinas, tinturas, substancias medicinais…
Moitas veces a árbore é gran parte da riqueza dun país, como a moreira na China e o bambir  no Xapón; ou toda a riqueza dun país, como a palmeira do deserto.
Mais, aínda que ningunha desas excelentes virtudes tivese a árbore, a árbore sería santa.
Medítese que mentres todos os seres organizados da creación concorren cos seus produtos fisiolóxicos a xerar miasmas que infectan o ambiente e son un activo veleno para a vida animal, para a humana especie, a planta e a árbore, polo contrario, teñen na súa fisioloxía mesma unha misión esencialmente purificadora, e ao absorber o alento impuro e mefítico do home, devólvenlle exactamente en aire respirable o que para sanealo absorberon e transmutaron no seu marabilloso alambique.
A árbore, ademais, non satisfeita con esa misión vital e purificadora, segue procurando cos seus beneficiosos influxos o benestar do home.
Ela é quen tempera os climas e regula o lento voo das nubes sobre as nosas frontes e o apresurado curso dos ríos aos nosos pés.
Ela é quen, coas súas raigañas, divide o curso dos regatos, dispersando en múltiples e suaves correntes o caudal ameazante dos ríos, consolidando bordos, construíndo diques subterráneos, librando os poboados das arrasantes inundacións.
Ela é quen atrae as nubes, e disemínaas e desfainas en chuvias benéficas, evitando así a furia concentrada das trombas.
Hai que educar as multitudes na árbore.
O asunto é de vital importancia, pois a árbore, ademais de ser pureza de beleza na estética, talismán de saúde, árbitro da meteoroloxía, prenda de riqueza agrícola, garantía de desenvolvemento industrial, é, por fin e sobre todo, o venerable e silencioso sacerdote de quen depende o benestar humano.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario