sábado, outubro 24, 2015

24 de outubro: día das Bibliotecas

Como xa ven sendo habitual desde o ano 1997, cada 24 de outubro a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil celebra o Día da Biblioteca. No presente ano Diego Arboleda é o autor do pregón mentres a ilustración do cartel é obra de Leticia Ruizfernández. Cómpre lembrar que tanto a obra do escritor como a da ilustradora foron recoñecidas con diversos galardóns.


  PREGÓN
    Con motivo do Día da Biblioteca, quero compartir convosco un segredo: o Coello Branco case sempre ten présa.

    Quizais algúns pensedes que isto non ten moito que ver coas bibliotecas e que, ademais, como secreto, deixa bastante que desexar.

    Alicia no País das Marabillas publicouse hai 150 anos, e desde entón os lectores de todo o mundo souberon que o coello chega tarde, demasiado tarde, e por tanto ten présa.

    Recoñeceredes, iso si, que non é un coello calquera. Que saibamos, este é o único coello que usa chaleco e reloxo de peto, o que suscita unha incógnita: se ten reloxo, por que sempre chega tarde? Quen é culpable da tardanza? O coello ou o seu reloxo? Os expertos non se puxeron de acordo sobre este punto, que provocou graves discusións entre veterinarios e reloxeiros. E se se alude ao chaleco, é aínda peor. Só hai unha cousa máis perigosa que unha discusión entre un veterinario e un reloxeiro, e é unha discusión entre un veterinario, un reloxeiro e un xastre. É mencionar o asunto e desenfúndanse todo tipo de agullas (hipodérmicas, de coser e de reloxo).

    Así que mellor volvamos ao segredo. O Coello Branco case sempre ten présa. Corre porque ten medo de que a Duquesa e, sobre todo, a Raíña de Corazóns ordenen que lle corten a cabeza. Pero vós, que aínda conservades a vosa, concentrádevos nese case. É a clave, o segredo mellor gardado do País das Marabillas.

    Case sempre. Cando non ten présa o Coello Branco? Só cando visita un pequeno edificio escondido tras as árbores do bosque: a biblioteca.

    O coello tómase o seu tempo para esculcar entre os ateigados andeis. Ten un libro en mente pero, cando se achega a collelo, non pode evitar fixarse no tomo que o precede, e no de máis alá (e, como xa sabedes, nunha biblioteca, o libro de máis alá é ao mesmo tempo o libro de máis acá doutro libro que está ao seu lado...). Demasiadas opcións. Leva tempo elixir un libro. O coello sabe que se atopa no fogar da lectura, e a lectura é un pracer que se goza sen présa.

    Aínda que ninguén mencionase antes esta biblioteca secreta, non o dubidedes, hai unha nese estraño mundo que visitou Alicia. Non pode ser doutra forma. Pois a pesar de contar co Sombreireiro Tolo, o Gato de Cheshire e a Eiruga Azul, a pesar de todos os animais fantásticos e as extraordinarias cousas que alí suceden, todo iso non é suficiente para gañarse o nome que ese mundo ten. Un lugar nunca podería chamarse País das Marabillas se entre as súas marabillas non se contase unha biblioteca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario