mércores, outubro 07, 2015

A charla de Ángel Carracedo

O alumno de 2º de Bacharelao, Xabier García Andrade, mándanos unha pequena crónica do que supuxo a visita de Ángel Carracedo.



O pasado venres, día 2 de outubro, tivemos a honra de escoitar ao que máis proxección internacional posúe dos investigadores galegos, Ángel Carracedo. A día de hoxe aínda seguimos asimilando a complexidade e a extensión do seu traballo. Cómpre realizar un acto de fe para entender coma unha soa persoa acadou tanto éxito e mantén unha humildade tan característica.

Dun xeito próximo e abordable para todos os presentes, o médico de Santa Comba presentou cuestións relacionadas maioritariamente coa xenética. Comezou definindo elementos básicos coma poden ser o código xenético ou o ADN (indicando tamén a súa estrutura). Enfatizou especialmente a importancia do método de secuenciación do ADN desenvolto por Frederick Sanger, que permite determinar a orde dos nucleótidos que forman un xene. Este descubrimento facilitou o progreso do Proxecto Xenoma Humano.

Rematando esta introdución divulgativa sobre esta área da bioloxía, decidiu contarnos grosso modo en que consistía o seu traballo en medicina forense, campo que resulta moi atractivo para o público. Contou como resolve problemas de filiación decote, engadindo algunhas anécdotas inverosímiles. Ademais, tamén participou en casos tan coñecidos coma o caso Bretón ou o Alcasser, contribuíndo á xustiza. Coa tecnoloxía actual pódese determinar cunha mostra de ADN o grupo étnico ao que pertence unha persoa, o que supón un avance no trazado de retratos robot.

Todos os que asistimos podemos asegurar que Ángel Carracedo conseguiu captar toda a nosa atención e que gozaramos coa ciencia e as súas aplicacións. Por outra parte, aínda cobra máis valor o exemplo que inculca alguén que goza de tanto prestixio e mantén a súa modestia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario