martes, decembro 27, 2016

Guerrilla da comunicación para promover o consumo responsable de xoguetes

O alumnado “tuneou” un catálogo de Nadal para denunciar os estereotipos de xénero no marco do proxecto Escolas sen Racismo de Agareso e ACPP
20 de decembro de 2016.- O obradoiro de comunicación de guerrilla impulsado pola ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) no IES Laxeiro clausurouse esta mañá cunha acción na que o alumnado “tuneou” unha revista de xoguetes para promover os agasallos responsables e non sexistas. Esta actividade de educación e comunicación para o desenvolvemento encádrase no movemento europeo Escolas sen Racismo, que engloba a máis de 500 centros educativos, e clausurouse coincidindo co Día internacional da solidariedade humana.
Empregando a técnica do “collage”, estudantes de 3º da ESO crearon o seu propio catálogo para denunciar os estereotipos de xénero, pero tamén os xogos violentos, a marxinación do galego ou o consumismo, xa que estas publicacións publicitarias mesmo se reparten ás portas dos centros educativos. Logo desprazáronse polo patio presentándolle o resultado ás demais compañeiras e compañeiros, cuxos comentarios foron recollidos en vídeo.
Previamente, o alumnado achegouse a través dalgúns exemplos á guerrilla da comunicación, que pretende poñer en cuestión fórmulas de dominio derivadas do patriarcado, o capitalismo, a supremacía racial, etc. a través de chamativos métodos, como a linguaxe da publicidade ou a ocupación do espazo público. A clave está en alterar os códigos habituais da comunicación de xeito divertido e buscando a reacción interactiva do público a prol da causa.
As rapazas e rapaces decidiron en conxunto a temática a traballar, pois trátase de empoderalos para lanzaren as súas propias mensaxes e fomentar así a participación no cambio cara unha sociedade máis xusta e igualitaria. Contribúese, deste xeito, a formar unha cidadanía con espírito crítico e construtivo. Este é obxectivo do proxecto ‘Escolas sen racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento’, cofinanciado pola Xunta de Galicia, que este ano se desenvolve en oito centros de ensino con actividades coma exposicións, teatrofórum ou contos ilustrados para traballar contra os prexuízos e a discriminación. Os obradoiros educomunicativos de radio e televisión pódense seguir no blog www.agareso.org/esr.


+info:   Carmen Novas   Tel. 616 145 077   escolasenracismo@agareso.org



Ningún comentario:

Publicar un comentario