O Programa Mulleres en Acción: Violencia Zero da Deputación de Pontevedra, que nace para apoiar e visibilizar as nosas creadoras galegas, poñendo o foco sobre a tremenda lacra da violencia machista que azouta cada día a nosa sociedade.
Na súa 4.ª edición, comprende un total de 25 novas accións participativas ao longo dos 12 meses do ano, en 25 concellos da provincia: performance (Nieves Correa, Luz Darriba, María Vallina, Silvia Antolín, Teresa Búa e Concha Mayordomo), poesía (Iolanda Zúñiga e Estíbaliz Espinosa), música (Rendi Nue, Sara de Sousa, Alba María e Lupe Blanco, Femininoplural e Konafro), graffiti (Doa Oa, Iria Fafián, Lidia Cao e Vanesa Álvarez), danza contemporánea (María Move, Nuria Sotelo e Marta Alonso) e acción escénica (Helen Bertels, Diana Mera, Carmen Conde, Marta Pérez e Cristina Balboa). Todo un ano visibilizando esta realidade, en contacto e colaboración coa mocidade, co alumnado de centros escolares, asociacións de mulleres, colectivos diversos, corporacións municipais e toda a variedade de públicos que se pode concentrar nun determinado espazo, nunha praza, nunha rúa, nun lugar de tránsito. E a través do empoderamento da muller no eido cultural e artístico.
Un programa cheo de reivindicación e talento na que a protagonista é a participación colectiva. Trátase dunha experiencia artística compartida na que o público, e sobre todo a mocidade, formará parte activa das obras xunto ás creadoras e tomará posición crítica (e artística) nesta loita contra a violencia machista, nese "sentir para facer sentir", nese "reflexionar para facer reflexionar".
TÍTULO ACCIÓN ESCÉNICA: SOFÍA
INTERPRETACIÓN: MARTA PÉREZ
DATA: XOVES 4 DE ABRIL ás 12:00 h.
LUGAR: VESTÍBULO DO CONCELLO DE LALÍN



































