Case no abrente de 2016, no que homenaxeamos o 17 de maio a Manuel María e lembraremos o centenario do nacemento dos poetas Miguel González Garcés, Manuel Lueiro Rei e Lorenzo Varela, non podemos esquecer que será tamén o ano das Irmandades da Fala. Unha conmemoración dun centenario histórico: o da creación dunha organización cultural e política que por vez primeira se definía como nacionalista e consideraba a Galicia un suxeito político. As Irmandades supuxeron un xeito novo de entender o país, superador da ideoloxía rexionalista, abrindo un vieiro novidoso para o porvir do país e do idioma e cultura galegas.
Centenario promovido por unanimidade de todos os grupos do Parlamento de Galicia que no pasado mes de abril instaron á Xunta de Galicia a declarar 2016 como “Ano das Irmandades da Fala” e a estabelecer “un programa de actividades conducentes a divulgar o coñecemento do encomiable labor desta organización, animada polo propósito de traballar pola consecución dunha Galicia máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma”. Centenario que sabemos xa está sendo preparado por institucións como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, que anunciaron as primeiras iniciativas do que debería constituír unha gran celebración colectiva.
O xermolo das Irmandades estivo na campaña que Antón Vilar Ponte iniciou o 5 de xaneiro de 1916 nas páxinas de La Voz de Galicia promovendo a creación da Liga de Amigos do Idioma Galego, unha organización concibida para defender, fomentar e dignificar o uso do galego. Respondía así o chamamento que Aurelio Ribalta fixera uns meses antes dende a revista Estudios Gallegos reclamando unha defensa da lingua galega. O 21 de marzo de 1916, Antón Vilar Ponte publicou o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional no que perfilaba un argumentario que situaba o idioma como cerna da identidade galega: “a nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal”. O 18 de maio Vilar Ponte convocou nos salóns da Academia Galega, daquela radicada na coruñesa rúa de Rego de Auga, unha xuntanza na que vinte persoas acordaron a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala da que o propio Antón sería o seu primeiro conselleiro.
Despois da creación da agrupación coruñesa, no mesmo ano 1916 foron constituíndose con idénticas finalidades de defensa da lingua outras irmandades en Santiago (o 28 de maio, presidida por Lois Porteiro Garea, participante na xuntanza coruñesa), en Monforte, Pontevedra, Ourense e Vilalba, chegando a contar o movemento con duascentas persoas, a maior parte delas intelectuais e profesionais liberais. O proceso delongouse nos dous anos seguintes no que se chegaron a formar até 28 irmandades locais, que agrupaban a setecentos afiliados, ademais das emigrantes radicadas en Madrid, La Habana e Buenos Aires, nas que se organizaban cursos de galego, xogos florais, exposicións e recitais, ademais de incorporar devagariño iniciativas de carácter político. A aparición o 14 de novembro de 1916 do primeiro número do periódico A Nosa Terra, voceiro das Irmandades, publicación galega monolingüe con 2.000 suscritores, unha cifra moi respectable, así como a celebración en Lugo da Iª Asemblea Nazonalista o 17 e o 18 de decembro de 1918, supuxeron a consolidación das Irmandades como o movemento nacionalista galego que, entre outros obxectivos, procuraba a autonomía integral de Galicia, a cooficialidade do castelán e o galego ou o ingreso de Galicia na Liga das Nacións.
Este desenvolvemento do pulo das Irmandades foi parello o das agrupacións e coros folclóricos tradicionais, iniciado en 1915 en Ferrol con Toxos e Frores e Lugo con Cántigas e Aturuxos, e que continuaría no 1916 na Coruña con Cántigas da Terra, en Pontevedra con Foliadas e Cántigas e Mondariz con Agarimos da Terra. Agrupacións musicais que no marco das ideas galeguizadoras das Irmandades, pretendían recuperar o patrón de enxebreza musical nos seus repertorios (alalás, foliadas, muiñeiras…), o emprego de instrumentos tradicionais, o coidado do vestiario dos participantes, a exaltación dos símbolos nacionais (himno e bandeira) e o fomento do emprego da lingua galega.
A celebración deste Ano das Irmandades é unha oportunidade excelente para facer balance dun século decisivo na historia de Galicia e da contribución que fixo o movemento nacionalista. Como tamén o é para valorar o estado actual da lingua, a trabe de ouro das Irmandades, así como para recuperar do esquezo algunhas figuras esenciais daquel pioneiro agromar nacionalista, como a dos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte.
martes, xaneiro 05, 2016
O ano das Irmandades
Recollemos este artigo de Brétemas, hoxe 5 de xaneiro, centenario.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario