Excursión da Irmandade da
Fala en Pontedeume (1919),
nunha imaxe na que aparecen sinalados
Francisco Tettamancy (1),
Manuel Lugrís (2),
Jenaro Marinhas pai (3)
Xosé Iglesias Roura (4)
O xoves 18 de maio de 1916 o alcalde da Coruña, Manuel Casás (Picorete), preparaba un previsor encontro con diversas entidades para as festas de agosto e os veciños agardaban con interese o match do domingo entre os clubes Deportivo e Coruña en Riazor. Nese contexto prácido, só alterado polos ecos da Grande Guerra europea, tivo lugar na cidade un feito transcedente para a cultura e a política de Galicia. O primeiro piso do número 38 da rúa Rego da Auga, local da Real Academia Galega, acolleu unha reunión dun "grupo de entusiastas", segundo cualificou aos partipantes un medio local, para constituír unha entidade que defendera e potenciara o uso do idioma galego, a Irmandade dos Amigos da Fala Galega (IF).
Acudiron á histórica convocatoria persoas de variado perfil ideolóxico, se ben os promotores da iniciativa eran "rexionalistas" progresistas próximos a Manuel Murguía, como Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy, Uxío Carré ou os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Lugrís abriu o acto, os presentes aprobaron os estatutos da nova entidade e foi elixido o Consello directivo anual, formado polo conselleiro 1º, Antón Villar Ponte; 2º, Antón Valcárcel; secretario, Xosé Lamas; tesoureiro Xosé Iglesias Roura; e vogais, Robustiano Faginas e Luis Fernández Mouriño. Ao labor irían sumándose, en postos protagonistas, xente nova como Ánxel Casal, Victor Casas, Xohan Vicente Viqueira, Lois Peña Novo e Alfredo Somoza.
O 28 dese mes de maio tivo lugar a reunión constitutiva da Irmandade de Santiago, nun proceso que se espallou por toda Galicia. En novembro de 1918 xa existían agrupacións en trece localidades, que contaban con 700 afiliados, dos que uns 350 pertencían á da Coruña; en 1931 o número de irmandades chegou a 46.
O perfil da Irmandade da Fala da Coruña
A creación da Irmandade coruñesa foi o resultado de décadas de labor cultural e político, coa especial interrelación e prácticas compartidas entre nacionalistas, republicanos, organizacións obreiras e grupos librepensadores, todos eles unidos tamén no rexeitamento á Restauración. Esa singular conexión, ben estudada por Ernesto Vázquez Souza, acadou numerosas expresións, como o feito de que en 1918, cando se inaugurou o pazo municipal de María Pita, o Concello, dominado polo republicanos, acordara substituír a marcha real polo himno galego. Tamén foi ben significativo o acto desenvolto o 11 de febreiro de 1917 no Casino republicano coruñés para celebrar o aniversario da I República, evento no que Lois Porteiro Garea, presidente da IF local, falou en galego e defendeu a implicación da mesma na loita política, como alternativa diferenciada mais con certa afinidade co republicanismo. Esa intervención determinou a baixa dalgúns afiliados da IF procedentes de sectores conservadores, centralistas e culturalistas e que a empresa editora de La Voz de Galicia, defensora da Restauración, decidira cancelar a impresión do xornal da IF, A Nosa Terra, no seu obradoiro.
O carácter progresista da entidade coruñesa amósase de xeito evidente na pioneira participación de mulleres. Constituiron a Irmandade Fiminina, que en 1918 tiña máis de 200 afiliadas, un número superior ao total de integrantes de moitas irmandades. A defensa da igualdade de dereitos entre homes e mulleres apareceu xa nos primeiros documentos da entidade e tamén no Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), inspirado por irmandiños herculinos. Unha declaración que contrastaba coa eliminación desa referencia no grupo das irmandades situadas baixo a influencia conservadora do grupo ourensán-pontevedrés liderado polo elitista Vicente Risco, crítico tamén co positivismo e a "ciencia materialista".
A ciencia nas Irmandades
A cultura científica tivo certa presenza en diversas actividades e publicacións das Irmandades (conferencias, artigos, debates, etc), resultando relevante a posición aberta a esa área do coñecemento por parte dalgúns intelectuais como Xohan Vicente Viqueira, que evitaba limitar o galeguismo ao terreo humanístico e teórico: "Serve a Galicia o que aproveita un salto de auga, o que fai froitificar dobremente un campo, o que crea unha compañía de navegación, o que escribe un poema, pinta un cadro, abre unha escola, fai ciencia".
Os irmandiños participaron activamente nas actividades de contacto coa natureza. Fixérono na Festa da árbore e nas actividades excursionistas, que tiñan unha tradición moi importante na Coruña. A Irmandade incorporouse a ese potente movemento e organizou numerosas "xiras", actividades que mesturaban o ocio coa ampliación do coñecemento da natureza e historia. De feito, xa no artigo 1do regulamento inicial, figuraba entre os seus obxectivos, que a Irmandade "dedicará días festivos a excursións ao campo, para fomentar o amor a este". Nas primeiras foron ao monte de Elviña, "ao pinar que, de lonxe ollado, semella un corazón", coa asistencia do poeta Ramón Cabanillas; a Cambre, "preto do poético río"; e a Pontedeume, "onde foron aclamados polo pobo que levaba ergueita unha bandeira galega, mentras soaba a gaita" (desa excursión procede a foto que acompaña a este episodio, na que aparece un grupo dos asistentes). No labor excursionista tamén incidiu a Escola do Ensino Galego (primeira primaria con ensino do idioma galego e educación bilingüe), creada pola propia Irmandade coruñesa en 1923 e dirixida porMaría Miramontes e o seu marido, Ánxel Casal.
Uso do idioma na ciencia
En coherencia co obxectivo fundacional das Irmandades, a súa principal contribución no terreo da cultura científica foi a loita pola incorporación do idioma galego ao mundo da ciencia. A cuestión tiña un sentido máis cualitativo que cuantitativo, os galeguistas non ignoraban a dificultade da difusión de textos científicos técnicos en galego (non moi diferente á dos publicados en castelán, ou en calquera lingua que non fose, naquel tempo, alemán ou francés, e agora o inglés) pero entendían que o prestixio do idioma esixía o seu uso en todos os ámbitos e rexistros.
O tema non estivo exento de debates. Xa en xaneiro de 1919 A Nosa Terra fíxose eco das declaracións do xornalista e avogado conservador Alfredo García Ramos, director de El Ideal Gallego, nas que o académico correspondente da Real Academia Galega (sic) indicaba que o idioma galego non servía para a ciencia. O redactor do xornal das Irmandades rexeitou a opinión de García, puxo como exemplo o uso do portugués para expresar contidos científicos e rematou afirmando: "Escríbase por un sabio científico unha obra de ciencia en galego e veremos entón si chegan ou non ao mundo culto as súas novidades".
Nese camiño, o coruñés Xaime Quintanilla Martínez, médico con intensa actividade política e fundador da Irmandade da Fala ferrolán, creou a Editorial Céltiga para promover as publicacións en galego. En 1922 convenceu ao seu antigo profesor na Facultade de Medicina compostelán, Roberto Nóvoa Santos, para que dera á luz a súa obra A Santa Compaña. O deseño da portada e os debuxos que acompañan ao texto foron obra do pintor Felipe Bello Piñeiro, un mugardés do Seixo, membro da Irmandade da Fala da Coruña. A obra era de ficción mais incorporou algunhas das consideracións de Nóvoa sobre a xeración do pensamento e a súa transmisión. Semella que o catedrático de Patoloxía mantiña certa relación co movemento irmandiño, pois xa o 15 de Nadal de 1918 interveu en Santiago nun mitin en defensa da pervivencia da Escola de Veterinaria no que, segundo A Nosa Terra, "actuaron as Irmandades da Fala de Santiago e a Coruña". Roberto Nóvoa publicaría outro texto en galego, unha nota moi breve, Das supersticións: o pobo, adiantándose a ciencia, aparecida en 1923 na revista editada en Betanzos, Rexurdimento, Boletín da Irmandade Nacionalista Galega, organización xurdida a partir das Irmandades da Fala.
A revista Nós, editada en Ourense, recolleu diversos artigos relacionados con cuestións científicas. Así, por exemplo, Quintanilla publicou en 1923 un breve texto, Razas loiras e razas morenas, no que pretendía xustificar científicamente as afirmacións raciais que expresara Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego (1920).
Seminario de Estudos Galegos
O labor das Irmandades da Fala a prol do uso da lingua no terreo científico atopou a súa maior recepción nas publicacións do Seminario de Estudos Galegos, unha institución creada en 1923 en Compostela por estudantes e algún profesor da universidade. Será precisamente nos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos onde apareza, en 1927, o primeiro artigo científico de tipo técnico escrito en galego: Sobre a presenza da ilmenita nas areas de Galicia. Análisis da ilmenita de Balarés. O autor, Isidro Parga Pondal, que formaba parte da Irmandade da Fala de Santiago, publicará tamén nese mesmo ano, outro texto Análisis da evansita de tres localidades galegas. Estes traballos de Parga foron seguidos na mesma revista por outros, como o de Luís Iglesias Iglesias Aves de Galicia (1927).En anos sucesivos outros autores, como Ramón María Aller, Urbano Losada Martínez, Modesto López Teijeiro ouVíctor Lis Quibén publicarían en diversos medios artigos sobre ciencia en galego.
Xa que logo, aquel "grupo de entusiastas" que se xuntou o xoves 18 de maio de 1916 na rúa Rego da Auga podería observar, como en pouco máis dunha década o idioma propio do país ampliara a súa presenza nunha sociedade que goza do privilexio de dispoñer dun extraordinario patrimonio cultural, a lingua galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario