Como sabemos que non se escoitou, aquí queda:
Manifesto
dos IES “Laxeiro” e “Ramón Mª Aller Ulloa”
Ao fío do simbólico intercambio
de libros (Astronomía a ollo ceibe,
Historia do ADN, Cantos de poeta. Unha antoloxía musicada da poesía galega e
Presas fáciles) queremos pór en
valor, a través dos seus autores, a lingua galega como instrumento útil para a transmisión científica, por
un lado, pois tanto a versión en galego de Astronomía
a ollo ceibe, que sufriu no seu momento o peso da intolerancia e da
inquisición da barbarie franquista, como Historia
do ADN son ferramentas que reafirman a calidade da lingua galega; e por
outro lado, para o lecer no eido da banda deseñada, Presas fáciles, e no da música o grupo Gelria, contribución ao
pleno logro da normalización na función cultural. E que mellores modelos de
dignificación da lingua galega que o labor dos autores: Ramón María Aller Ulloa,
Daniel Soutullo, Gelria e Miguelanxo Prado.
Don Ramón, impulsor da
ciencia en galego, foi un claro exemplo normalizador no ámbito da investigación
e do estudo científico en galego. Que diría hoxe, precisamente cando estamos a
celebrar o 50 cabodano do seu pasamento, sobre o nefasto Decreto do
Plurilingüismo, exemplo de estratexia de substitución lingüística habilmente
calculada. Podémonolo imaxinar rebatendo tal
política asimilista, estarricándolles as orellas aos autores de semellante
aldraxe, a base de ciencia e humanismo.
Daniel Soutullo, biólogo e
xeólogo, é outro activo a ter presente no eido da normalización científica en
galego coa pretensión de elevar o valor cualitativo do noso idioma e achegar a
ciencia a todo tipo de lectores e lectoras.
Miguelanxo Prado, un dos
grandes autores do cómic europeo, ilustre loitador por unha banda deseñada
galega, cunha proposta que vai máis alá do mero lecer, que afonda na crítica
social e nas relacións persoais e que mesmo se achega á ciencia ficción, é un
referente de prestixio internacional para o idioma galego, factor que axuda do
punto de vista cualitativo a eliminar vellos prexuízos que certos sectores
reducionistas tentan manter.
O trío Gelria, de
manuelantoniano nome, difusor da música en galego e da intertextualidade entre
poesía e música, é un exemplo de iniciativa normalizadora nunha sociedade
musical cada vez máis anglófila e na que o galego debe ter cabida. E xa nos
chega ben o decretazo do plurilingüismo.
De certo que son catro bos exemplos
de loita contra a lousa do racismo lingüístico, mais todos nós tamén queremos
selo e contribuír a manter vivo o facho da lingua galega, como Manuel María:
O
idioma é a chave
coa
que abrimos o mundo...
Renunciar
ao idioma
é
ser mudo e morrer.
Lalín, a 16 de maio de
2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario