sábado, maio 30, 2015

Machado's

A biblioteca tende redes e recolle amizades. Este curso, tan especial para esta que escribe, foino moito máis grazas a unhas cantas persoas que poboaron a biblioteca todos os recreos do ano. Daba igual o frío ou a calor, a choiva ou a sequía, os exames ou non ter nada que facer: alí estaban. Son un grupo que sei botarei de menos, porque fixeron a miña adaptación a un novo centro máis doada e porque iluminaban o lugar co seu sorriso e a súa camaradería.
Hai entre eles dous irmáns que levan unha estrela pendurada. Ela, a dozura; el, a solidariedade. Os dous, a intelixencia, o saber estar, a Educación.

Ambos os dous presentáronse este ano ás Becas Europa. E chegaron ata a final, en Madrid. Aí quedaron. Pero foi unha experiencia que levarán con eles toda a súa vida, da que aprenderon leccións inesquecibles.



Dende entón, estou a pedirlles que fagan un artigo para o blogue. E por fin chegou, canda a súa Matrícula de Honor. Non podía ser doutro xeito:

Durante os dous últimos anos, este programa foi un foco cada vez máis nítido de abraiantes proxectos e inspiración. Non é ningunha novidade, tampouco, o noso escepticismo inicial considerando que o proceso de selección comeza enchendo un cuestionario web. Pouco a pouco, vai medrando o esforzo que necesita cada proba e as habilidades que se adquiren para salvalas. Pero a verdadeira estrañeza, a que nos motiva arestora a escribir esta lembranza, é o gran valor humano que atopamos nesta viaxe e o que representaron para nós os dous as últimas fases desta aventura.
Nunha das últimas probas propuxéronnos crear un vídeo dun minuto sobre o impacto que temos agora mesmo na nosa contorna. Isto fíxonos botar unha ollada escrutadora ao noso interior para descubrir pretextos furtivos que construiramos ao noso arredor para non tomar ningunha acción. En cambio, foi a fin de semana de selección en Madrid, o cumio desta experiencia, cando as Becas Europa obrigáronnos a erguer a nosa vista e a enfrontar a nosa propia realidade doutro xeito. Coñecer outras persoas que buscan respostas dun modo tan arrebatado, tan auténtico coma nós procurabamos, fíxonos sumarnos a un novo compromiso. De aí provén o noso agradecemento máis fondo: a travesía vital non pode ser tan só un curso recto levado pola inercia, nin sequera unha espiral de autodescubrimento, senón que debe dedicarse aos demais, trazando unha rede ramificada de accións.
En Becas Europa repetíannos constantemente que o talento implica responsabilidade. Que non se trata dun don privado do que poidamos facer uso segundo nos sexa ou non conveniente, senón que as nosas capacidades son, co enfoque correcto, claves para construír a diferenza. “Crede que sodes capaces, e, aínda que cheguedes a ser os mellores, coidado con crer que o sodes”. Descubrir aquilo que nos fai brillar é só o punto de partida. Debemos entender que entregar os nosos dons aos demais non é un acto de caridade, senón unha responsabilidade. O desexo de ser recíproco nace cando reflexionamos: que posúes ti que non che fose dado? Non somos froito exclusivo do noso propio enxeño, debémoslle o que somos á xente que nos formou, a que decidiu compartir a súa vida e o seu cariño connosco.
Outro dos puntos vitais foi a visión da Universidade que suscita Becas Europa. O paso pola universidade proporciónanos novas capacidades para materializar as nosas ideas e novos coñecementos, necesarios para comprender a realidade que queremos tornar. Pero o elemento principal deste proceso é a nosa propia transformación. A Universidade debe tomarse como experiencia reformadora que xere en nós a actitude de extraer o máximo froito de todo o que vivimos. O traballo, a motivación, a paixón, a decisión, son as que verdadeiramente amplifican o noso talento e, se as poñemos ao servizo dos demais, fornécennos desa aura de satisfacción que nos é prometida cando somos estudantes na procura dunha carreira. Chegará cando teñas máis cartos –din uns- ou cando esteas xubilado e poidas dedicarte a ti mesmo –din outros-. Nada máis lonxe da realidade. As nosas vocacións son complexas e cambiantes, pero baséanse sempre en nos realizar volvendo á humanidade aquilo que recibimos da nosa familia, do noso instituto ou da nosa comunidade. A universidade non é a ruta que todos eliximos, nin moito menos a única, para conseguir este obxectivo. Pero esmerarse por ofrecerlle esta oportunidade a todo o mundo é un propósito que como sociedade non podemos deixar de lado. Educarnos é, despois de todo, desexarnos o mellor de nós mesmos.
Outro aspecto que captou a nosa atención foi a importancia da colaboración entre os saberes, tanto dentro do mesmo individuo como nun equipo de traballo. O progreso natural das ciencias é ramificarse, profundar cada vez en cuestións máis específicas e fondas, pero que ocupan unha moi pequena porcentaxe do océano que é todo o coñecemento amoreado. Aínda así, o planeta no que vivimos e que queremos transformar é sumamente complexo: unha verdadeira realidade poliédrica de incontables faces. Cada disciplina que aprendemos amósanos unha faceta diferente deste cubo de Rubik infinito que tentamos alcanzar; con cada unha atoparemos máis interconexións e máis beleza. A sinerxía entre os diferentes campos enriquécenos e permítenos aportar maior valor nun mundo orientado á automatización tecnolóxica. En especial, necesitamos ter ese toque humano. Como seres humanos, vivimos en comunidade, polo que requirimos enxergar o intricado do individuo, a súa sociedade e a natureza na que vive, en lugar de nos pechar nunha área científica, técnica ou humanística. Se comparamos a educación coa ecoloxía, ata agora a cobiza pendurou nuns poucos recursos intelectuais específicos. Vai sendo ocasión, xaora, de que adaptemos a educación para que estimule os diferentes talentos que espontaneamente se atopan entre nosoutros e axude a diversificar o individuo.
Quizais o momento máis impactante foi o singular cambio de tema cara ao peche da semana, cando comezaron a nos falar do fin profundo e persoal da universidade. A universidade como ferramenta parda aprender a amar? Isto si que nos colleu por sorpresa! Porén, nada de amor romántico, sentimental e idealizado entre parellas. Falamos do amor que confire permeabilidade á nosa vida, a actitude que asumimos cada mañá ao recobrar a conciencia neste mundo traxicómico. Polo xeral, é xustamente na universidade cando empezamos a forxar activamente os nosos principios e capacidades, mergullámonos nun novo mundo onde a independencia aínda non carga sobre nós todo o peso da responsabilidade. Ten todo o sentido que sexa alí onde aprendemos a nos apaixonar, a “non perdernos nada, senón perdernos en todo”. Ao contrario do que moitos cren, o amor non é un don que nos visita fugazmente, senón unha decisión. A vontade é o órgano do amor.  Que importante é elixir namorar da túa vida todos os días! Ortega y Gasset dicía: “O amor, a quen pintan cego, é vidente e perspicaz porque o amante ve cousas que o indiferente non ve e por iso ama”. Se nos envolvemos nun manto de confort e conformismo, corremos o risco de vivir unha vida monocroma, que padece de desamor e desilusión.
Si. Así é. Comezamos falando sobre a Universidade e rematamos reflexionando sobre a nosa propia felicidade, sobre o mundo que nos toca moldear nas próximas décadas e como queremos facelo. Cremos que foi esa a maior sorpresa que levamos do programa de Becas Europa. A universidade non abre as portas ao mundo real: este sempre estivo alí; só nos axuda a abrir as mentes para sermos quen de dialogar e participar no futuro que imos compartir.
Vendo brillar os ollos de tantos mozos e mozas con este anhelo, empezamos a percibir agora a que se referían as Becas Europa con construír unha comunidade de almas curiosas. Estamos convencidos de que esta faísca seguirá a saltar coma arco eléctrico de persoa en persoa sen nunca extinguirse. Está no noso poder incendiar con ela ao resto de nós, para que nos acompañemos na procura solidaria da mellor versión posible do mundo.

Andrés e Laura Machado



Ningún comentario:

Publicar un comentario