luns, febreiro 09, 2015

Desafiuzar o galego con estruturas disimulantes

Valentina Formoso en "Praza Pública":

Está para pechar o prazo no que os centros de ensino poden solicitar axudas para fomentar o galego no ámbito non universitario. Xa abondo se ten analizado o despropósito dunha convocatoria cunha dotación económica ridícula e que se resolve a poucas semanas de finais de curso. Daquela non é preciso incidir no xa sabido, senón en destapar que hai aínda maneiras máis eficaces de desafiuzar o galego do ensino ca a asfixia económica. Ninguén dubida da necesidade dos cartos para levar adiante calquera empresa, tamén as da promoción da lingua (revísese o orzamento do Instituto Cervantes), mais o verdadeiro problema para o galego non está aí, senón na ideoloxía lingüística que se encarga de configurar o imaxinario social arredor da lingua propia de Galicia.
Unha ideoloxía que considera que o galego é lingua de segunda categoría, organiza a súa “promoción” dentro dese “marco”. O obxectivo é desafiuzar o galego do territorio que lle é propio case sen dar ordes explícitas. De feito, desde a administración só se sacou un Decreto en 2010 que se vendeu como a solución aos problemas lingüísticos da cidadanía galega presente e futura (familias que non teñen que sufrir axudando á rapazada a estudar en galego, nenos e nenas que van falar fluidamente inglés no futuro, cordialidade entre as “dúas” linguas existentes no territorio galego...) E só lexislou para o ensino, que é precisamente, segundo ese mesmo goberno, un ámbito que non inflúe, nada ou case nada, nos usos lingüísticos da cidadanía do futuro.
A ideoloxía é vella e o plan tamén. Actúase na escola porque, sen ser o único ámbito normalizador, é fundamental. É nos centros de ensino onde, ademais de adquiriren competencias, os e as falantes do futuro poden asentar valores e eliminar e corrixir moitos dos estigmas que pesan sobre a lingua desde hai séculos, cuestión fundamental para poder reverter a situación.
Ninguén nega que a lingua se transmite nas familias, as mesmas que, desde hai décadas, aprenderon a lección de que o que falan non serve, que o galego é unha marca negativa… De feito hai moitas que xa se desfixeron dela hai dúas ou tres xeracións. Se ademais se lles segue a dicir (a familias, a empresarias, a docentes, a…) que estorba, que impide o progreso, xa que este se escribe en castelán e en inglés, etc... Se se segue repetindo a mesma mensaxe coma un mantra, pódese adiviñar a deriva. Sen macro-enquisas, calquera sociolingüística de patio de colexio ou de corredor de instituto é quen de determinar a realidade: o galego ten orde de desafiuzamento. A orde é clara aínda que coidan algo as apariencias mantendo nos centros unhas estruturas que empregan para disimular, chamémoslle “disimulantes”: os “Equipos de normalización lingüística”, agora denominados “Equipos de dinamización da lingua galega”.
Estruturas disimulantes que queren manter coma os ovos grolos, sabendo que non van facer a función para a que estaban destinados. O discurso institucional encárgase de que a mensaxe que se esforza por transmitir calle pouco, ás veces nada. Mantéñense esas estruturas para disimular a falta de interese na promoción da lingua propia no ensino. Por iso se regulan no mesmo Decreto no que se lle di á sociedade que o galego non é lingua que se poida empregar (é dicir, non serve) para explicar as matemáticas, a física ou a tecnoloxía. No mesmo que lle di que é posible (isto é, desexable) que a lingua vehicular sexa o inglés, tamén naquelas materias que se estaban impartindo en galego (oportunidade para que en Coñecemento do medio, sobre todos nos colexios privados-concertados, xa non se fale de nocellos, carballos ou toxos); no mesmo que impide que haxa liñas de galego en infantil, no mesmo que non di nada de atacar a lacra máis grande que ten a nosa lingua: os prexuízos. Se ao final, neste desafiuzamento programado non teñen contempladas alternativas, non hai posibilidade de dacción en pago. Disimulan unha moratoria mantendo as convocatorias de axudas aos EDLG, mesmo algúns premios en “dinamización”.
Convocatorias cunha redacción dun tempo pasado que buscaba acadar uns obxectivos marcados nun Plan, o xeral de normalización. Esa redacción na actual conxuntura pretende que os Equipos acaben padecendo a síndrome de Tourette. Distráese o persoal arredor das TICs que, tratadas como finalidade e non como ferramenta, acaban converténdose en “tics” normalizadores. Promóvense os tres uvedobres mais non se move o marco no que teñen encadrado o galego, aséntase. E faise mediante centos de mensaxes indirectas, semi-indirectas e directísimas de que o galego é unha lingua de segunda, xa entrada en anos, á que pouco lle queda e á que non lle dan o remate final porque a eutanasia non está permitida neste país, e tampouco para as linguas.
O que realmente lles interesa é que se “dinamice” con actividades puntuais e se ten que ser movendo o rato que sexa para producir audiovisuais ou contidos na web 2.0 sen crítica ao status quo, onde o galego apareza de xeito ritual e mesmo descoidado, sen que se promova realmente o seu uso e moito menos se dignifique. Este seu Plan, o da ideoloxía lingüística que afianza o imaxinario social do galego como unha lingua B, sen posibilidade de ter voz na súa propia casa, é o que non programa campañas directas de apoio á transmisión da lingua, o que non impulsa que se realicen verdadeiros Proxectos lingüísticos que fomenten un plurilingüismo inclusivo no ensino, o que nunca lle “suxire” reportaxes aos medios para que difundan as vantaxes de saber galego. Na mesma liña tampouco lle din á sociedade que é importante saber galego para atender doentes, para estar nun xulgado, para peitear cabezas, para exercer a avogacía, para servir cafés ou para vender xoubas, que non “sardinillas”...
Con todo, segue habendo profesionais que van seguir planificando e deseñando obxectivos normalizadores, con TICs ou con cartolinas, mais mantendo con dignidade o galego na súa casa, negándose a convertelo nun elemento ritual, igual ca o traxe rexional que fica recluído nalgún roupeiro. O esforzo por manter e recuperar usos, por conseguir apegos, por mudar actitudes, por non abandonar o discurso normalizador é a nosa maneira de impedirmos o desafiuzamento da nosa lingua, mesmo sen axudas de fomento nin premios de innovación.
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario