martes, decembro 01, 2015

Día Internacional Contra a Violencia de Xénero 2015 no LAXEIRO 2

Outra das actividades que desenvolvimos contra a violencia de xénero o 25 de novembro ía dirixida a todo o alumnado do centro. Pero o ceo impedíunolo e foron os 1º de ESO, 2º e 3º os que abarrotaron o salón de actos para ver a particular homenaxe que o alumnado de 4º de ESO-A e PDC realizou ás 48 vítimas contabilizadas oficialmente ata ese día.



O primeiro golpe é o que máis doe,
O que sinala e debilita,
O que marca o epicentro
E orixina as fendas.
As réplicas calcinan despois a raíz do alicerce
E derrumban
Os espazos deshabitados,
Baleirados xa de toda vida.


Ás veces penso no venerable oficio dos oleiros
E recoñézome no barro que nas mans se deforma
E se transforma
E dá forma
Aos milleiros de dúctiles posibilidades
Que puxan por seren obra rematada,
Concreción tanxible e mensurable, realidade última
E só unha cunca -finalmente-
Ríxida,
Fráxil,
Insubstancial,
Prosaica,
Contén os desexos desbotados
De todo o que había de ser
E non foi.


Unha flor malva xunto cunha folla cos nomes das vítimas foron enchendo a nosa árbore, rodeada de poemas e un Manifesto final.
















MANIFESTO:



O IES LAXEIRO maniféstase contra calquera tipo de violencia.
Vimos de dicir nomes. Nomes de mulleres. Nomes que poden non provocarnos nada, que mesmo poden non facernos sentir ningunha emoción especial. De verdade somos quen de  non estremecernos, de non indignarnos? Son nomes de mulleres ASASINADAS en España este ano. Mulleres que foron asasinadas por un único motivo: seren mulleres.
Pero un día un destes nomes podería ser o nome da nosa irmá, ou o nome da nosa amiga, ou o nome dunha nosa veciña... Daquela sería este o único motivo para estremecernos? Ten que ocorrer preto nosa para reparar que estamos ante unha lacra social?
A violencia de xénero é un problema de todos e de todas, de calquera clase social, de calquera relixión, de calquera crenza e de calquera ideoloxía política. Neste momento, ningún home nin ningunha muller, ningún mozo nin ningunha moza que estea neste patio do noso instituto, pode afirmar: “a min non me vai tocar”.
Por iso, estamos aquí, non só para lembrar estas mulleres asasinadas, senón que tamén estamos aquí para sinalar miles de vítimas que sofren calquera tipo de violencia, tanto física coma psicolóxica, mulleres que moitas veces nin sequera saben que son vítimas porque se aceptan culpables, ou porque xustifican o seu agresor, ou porque coidan que o arrepentimento é real ou porque cren que o amor é un cárcere e que o símbolo do amor é un cadeado nunha ponte que nunca será aberto.
Pero amor non pode ser posesivo nin dependente.
A violencia non só actúa directamente sobre os corpos senón tamén no terreo simbólico: o imaxinario publicitario, os xogos infantís ou o folclore son algúns dos espazos nos que se escenifica día a día a violencia sexual xustificando e lexitimando a violencia de xénero e a subordinación das mulleres fronte aos homes.
Por iso debemos pararnos e sentir a nosa propia vulnerabilidade, non podemos mirar para outro lado, debemos detectar os micromachismos que conforman unha sociedade patriarcal onde o home cre que a súa superioridade é invulnerable. A violencia contra as mulleres desaparecerá cando estas deixen de ser cidadás de segunda e participen de xeito igualitario na sociedade. Desaparecerá cando deixen de estar á cabeza das cifras de pobreza, das listas de desemprego ou de sufrir a infravaloración dos seus traballos. Desaparecerá cando se deixe de usar a súa imaxe como obxecto de consumo, cando as súas palabras se escoiten ao mesmo volume cás dos homes e cando se as nomee e sexan visibilizadas en todos os espazos sociais. Desaparecerá cando exista unha verdadeira educación non sexista onde as nenas e os nenos teñan presente e futuro coas mesmas posibilidades.
Por iso, berremos forte, berremos todas e todos:


Non á violencia machista







Ningún comentario:

Publicar un comentario